“Porca vida” é o novo sinxelo da banda de ska punk galega Liska! e o seu selo Galunk Producións. O tema, acompañado de videoclip, chega dous anos e pico despois do seu último lanzamento, “Sermos”, do que xa vos falamos nas páxinas desta revista alá por decembro de 2021. En palabras de Galunk, este “Porca vida” representa “un crecemento e madurez musical e sobre todo sonora” para a banda viguesa.
Falamos, por suposto, dunha das bandas con maior antigüidade e traxectoria do panorama ska/punk galego, e nela atopamos a membros e exmembros doutras destacadísimas formacións do país, entre elas lendas da escena como Skárnio. Despois de 10 anos na loita, o grupo atópase en plena forma, inmersos nunha xira polo seu 10º aniversario xunto ao seu último disco República 2.0 (2020) por salas e festivais de toda Galicia.
Actualmente a banda atópase preparando os adiantos do que será o seu próximo traballo. Ritmos festivos e letras comprometidas coa súa terra e a súa xente son, explican dende Galunk Producións, “as cartas de presentación da banda”. O novo tema foi gravado e mesturado por Fernando Moure nos Estereoarte Estúdios de Vigo e masterizado por Luis Antelo. A súa letra é definida pola banda como “un berro contra a precariedade laboral e emocional”.
O videoclip foi realizado por Adrián Diaño, coa colaboración de Daniel Pérez como axudante de cámara e de Fran Lage na iluminación. Está protagonizado por Alicia García e Noa López, e tamén aparecen nel Lourdes López, Alicia Rocha, Carmen Rodríguez, Pilar Alonso, Concha Domínguez, Mari Paz Vázquez, Dolores Cuña, Mari Cruz Rodríguez, Elvira Pérez, Elena Alén, Pilar Alén, Litas Pérez, Luz Fernández, Rafa Feijóo, Enma Oitavén, Juan Luis Lage, Dani Leyte e Lourdes Vecino.
A nosa noticia sobre o anterior sinxelo da banda: https://roucoson.com/2021/12/18/xa-esta-aqui-o-novo-sinxelo-de-liska-sermos/