A banda viguesa de ska punk e reggae Liska! vén de lanzar «Sermos». Trátase do seu novo sinxelo, acompañado de videoclip, que pecha a serie de EPs República, e xa está dispoñible nas plataformas dixitais. O novo tema homenaxea á figura do veciño de Cuntis Xoán Xesús González, coñecido como o Canteiro de Sebil, e é un canto á memoria, á dignidade é a loita. Canteiro de profesión, mestre, xornalista e intelectual galego, González foi fusilado en setembro de 1936.

O vídeo gravouse no espazo natural da Canteira de Paredes en Vilaboa, Pontevedra, e recolle imaxes do documental O canteiro de Sebil, estreado polo colectivo Quinteiro do Umia en 2017. O tema foi gravado e mesturado por Javier Vicalo en The Dub Yard Records, en Vigo, e masterizado por Ibon Larruzea en Euridia, Bilbo.
A estrea do novo traballo acompaña o inicio dunha xira por salas que abre unha nova etapa na banda, e que comezou o venres 17 de decembro, en Vigo. Liska! continuará a xira ao longo dos vindeiros meses por todo o territorio galego, co obxectivo de presentar o seu último traballo discográfico, ‘República 2.0’, estreado en plena pandemia o pasado maio de 2020. O mencionado EP, tamén dispoñible nas plataformas dixitais e en formato físico, está composto por cinco temas relacionados co mundo do mar e o marisqueo ou coa migración, así como coa reafirmación da propia galeguidade, cunhas letras combativas que fan do monolingüismo e da denuncia social o seus sinais de identidade.