Seitura publica o EP Somos Nós e o videoclip «Xente ceibe»

O cuarteto punk Seitura publica o seu novo traballo de estudio Somos nós, un EP de catro cancións gravado e masterizado nos estudios A Carpintería, no seu Val Miñor natal. Está xa dispoñible para a súa escoita en todas as plataformas dixitais de música dende o pasado día 22 de febreiro. O disco veu ademais acompañado dun videoclip para o tema «Xente ceibe», dirixido por Breikus e con Andi Iglesias como asistente de produción.

En palabras da súa promotora e discográfica, Galunk Producións, a música deste segundo traballo da banda de punk rock e hardcore punk miñorana caracterízase pola presenza de «enérxicos riffs de guitarras e letras cargadas de punzante crítica social». Sinalan ademais que, con este novo disco, Seitura «dan un paso adiante na madurez musical e sonora das súas cancións».

Formada «aos poucos» en 2017, Seitura conta con membros de diversas procedencias musicais que concorreron, sinalan dende a banda, «nun entendemento común do rock, na procura dun son propio cheo de potencia, raiba e moita actitude». En 2022 comezou a primeira xira do grupo, tocando en diferentes puntos da xeografía galega. Actuaron tanto en festivais como o Arbo Rock como en locais de gran tradición musical como a Corte dos Bois en Ourense.

O traballo foi estreado en Baiona, no espazo Skarnio e Maldezir, onde se proxectou o videoclip de «Xente ceibe» e se escoitaron os demais temas en primicia acompañados duns petiscos e da venda en exclusiva de discos e camisetas. Para Seitura, Somos nós amosa «a evolución da banda a través dunha produción moi coidada e un son potente e actual». Destacan nel colaboracións tan especiais como a de Gabri de Dakidarría e a de Max de Skacha e Harry May, dous músicos clave da escena punk da comarca de Vigo que, para Seitura, «elevan o nivel musical destes temas, creados con vistas a obter un directo enérxico que non deixará indiferente a ninguén».

«Xente ceibe» é o tema que abre Somos nós, e nel, sinalan dende Seitura, «destacan as guitarras potentes e a complexidade compositiva», cunha letra «moi coidada que nos transporta aos sentimentos máis íntimos das personas coa necesidade de expresarse nesta sociadade alienada». Síguelle a canción «Sangue real», que para banda caracterízase por un «punk sen fisuras, retrouxos coreables e mensaxes reivindicativas, que fan deste tema unha explosión con vocación de ser un dos puntos fortes dos directos de Seitura».

A seguinte canción do EP é «Makis», que conta coa colaboración de Gabri de Dakidarría. «Este tema, o máis emotivo dos que compoñen este traballo, presenta a historia dos guerrilleiros do Maquis que se botaron ao monte para resistir contra o franquismo», sinalan dende a banda. Conclúe o traballo «A Palma é nosa», que plasma «as lembranzas dos anos de xuventude nos que soñabamos con montar unha banda de rock». «A colaboración de Max Skacha nas guitarras transpórtanos á época dourada do punk galego», apuntan.