O trío lucense de post-metal Kalte Sonne regresa, tras cinco anos sen lanzamentos discográficos, cun novo álbum, titulado Laniakea Communique. O título procede do termo hawaiano laniakea, que significa “ceos inconmesurables” e é como se coñece ó supercúmulo de galaxias entre as que se atopa a Vía Láctea. Despois do regreso da banda aos escenarios no pasado ano 2023, cuns concertos no Buril de Sarria e na Sala Moon de Compostela, agora tocaba por fin o lanzamento dun novo traballo, xa que o último foi, ó igual que os que foran os seus últimos concertos, en 2019.
O novo disco mantén o son característico do grupo, ubicado dentro do espectro do post-rock e o post-metal instrumental e con influencias doutros xéneros, como o black metal. Ó igual que os seus anteriores traballos, foi gravado en Kollapse Studio por Iván Ferro (Negarte, Khmer, Ictus…), que nesta ocasión, ademais, colabora no tema que abre o disco, “P3X-7763”. O grupo contou tamén coa colaboración de Abraham Cupeiro, multiinstrumentista sarriao que está presentando tamén nestes días o seu novo traballo, Mythos. Cupeiro aportou novas sonoridades ó tema “Anarres”, con dous instrumentos orixinarios de oriente medio pero moi diferentes entre si: a kawala, coñecida tamén como frauta de pastor, e a zurna, instrumento de vento de lengüeta dobre relacionado co oboe. Completan o disco as cancións “Symetriady” e “Twory-F”, esta última de máis de 18 minutos de duración.
Para ilustrar este traballo contouse con Iván Mouronte, que xa fora autor da portada do anterior álbum, Ekumen (2018). O álbum está dispoñible para a súa escoita no bandcamp do grupo dende o pasado día 1 de marzo, e posteriormente estará dispoñible tamén nas demais plataformas de streaming. Ademais do formato dixital, estará tamén dispoñible en vinilo luminiscente.
Kalte Sonne é un trio instrumental formado en Lugo en 2013. Ao ano seguinte, cunha formación de cuarteto integrada por Javi Miranda e Ángel ás guitarras, Miguel ao baixo e Víctor á batería, lanzan o EP The hum, gravado nos estudos Montealto da Coruña, e comezan pisar diferentes escenarios. Ese mesmo ano Javi deixa a banda, e, coa efémera incorporación de Hadrián grávase Terra Incognita – Searching the New Word, Part 1, composto por un corte homónimo de 15 minutos que a agrupación saca en 2015 e presenta en diversos puntos da península. En 2016 editan Searching the New World, Part 2, con dous temas que suman 20 minutos. Presentando este traballo compartiron escenario con bandas como Aathma, Vircator ou Monkey3, percorrendo diversos puntos tanto da península como de Francia e Italia.
O seu primeiro disco de longa duración, Ekumen, sae á luz en 2018 cos selos Violence in the Veins, Western Swarm e MPF Records. Xunto á banda chinesa Alpaca edítase en 2019 un split no que se inclúe o tema “Mareira”. Este traballo, o último ata a chegada deste novo Laniakea Communique, foi editado polos selos Dingleberry Records, Nooirax Producciones, Violence In The Veins e CGTH Records.