Onde están elas nos festis de metal e punk? 50 bandas galegas con mulleres para que non haxa excusa

É ben sabido que os festivais de música seguen sen solucionar, aínda hoxe, o enorme desequilibrio de xénero presente nos seus carteis, e os festivais galegos de música metal e punk non son unha excepción. Se cadra, ó contrario, xa que a presencia de mulleres nos seus escenarios é ano tras ano moi escasa, cando non directamente nula. Porén, isto non se debe en absoluto a que non haxa bandas con mulleres dabondo. Así que aquí vai unha lista de nada menos que 50 bandas galegas actuais de metal, rock duro, punk e hardcore con músicas nas súas filas, para que haxa excusa posible.

Imos comezar forte, con bandas de death metal melódico como a lucense Galyrion ou a coruñesa Bloodhunter. A viguesa Her Anxiety mestura o estilo co metalcore, e a lucense Barbarian Prophecies, co black ou co metal progresivo. O quinteto vigués Kuna de Odio, por outra banda, toca death metal e thrash. E pasando xa ao black metal, o dúo pontevedrés Kathaarsys leva máis de 20 anos sendo referente do black progresivo, e o ourensán Xerión, o mesmo coa súa mestura de black e folk, un eido no que tamén se move o sexteto vigués Mileth. Ademais, atopamos en Vigo outras bandas con mulleres que combinan o folk e o metal, como Metalxis ou Xhamain, incluíndo esta tamén o son do metal gótico.

No ámbito do stoner doom metal temos ao cuarteto coruñés Cruzeiro, e no do crust punk máis metálico, a Sacrosanta Decadencia Occidental, un cuarteto con letras en galego formado en Salamanca pero liderado pola guardesa María Banshee (vocalista tamén de Dystopian Omen ou Still Evil). Tamén atopamos fóra das nosas fronteiras á banda manchega de metal progresivo sinfónico Against Myself, encabezada pola tomiñesa Elizabeth Amoedo.

O cuarteto Kaleikia, procedente de Sanxenxo, incorpora no seu son estilos como o post rock ou o stoner metal, e o vigués The Voice Aeternal, o metal alternativo ou o rock progresivo. A vocalista desta última banda, Pilar Dafonte, canta tamén nas bandas de rock e metal alternativo Dharma e Prima Nocte. O cuarteto ferrolán Rottentown fai heavy metal, xa no eido do rock duro temos tamén ás viguesas de Suevia, ao quinteto estradense Os John Deeres ou ao sarrián Sound Sisters. Outras bandas, como a compostelá Mojo Experience ou a ourensá Distance Sisters mesturan este estilo co blues.

Lost Minnow, por outra banda, é un proxecto unipersoal da guitarrista coruñesa Cristina Pena, no que esta practica o math rock e o post-hardcore. Non podemos esquecer ao dúo compostelán de rock alternativo e post metal Rheia Gorecki ou ao dúo vigués de metal industrial Hexenon, e tampouco a bandas con repertorios de versións como Semiconfusas, Other Game ou Keepers, que xa se atopan amosando os seus primeiros temas propios.

Os dúos Bala, dende Coruña, e Grima, dende Pontevedra, fan un cóctel de estilos como o rock alternativo, o metal e o punk, e as súas integrantes colaboran habitualmente tanto con esas bandas como noutras, como a punky Faul. Tamén combinan o rock alternativo e o punk bandas como Nuada, de Paradela, Trikornio, de Compostela, ou Agoraphobia, de Boiro, onde naceu así mesmo a coñecida banda de noise rock e post-punk Triángulo de Amor Bizarro.

A lenda do punk rock en galego Zënzar, que nos seus inicios incorporou tamén influencias do metal e o hardcore, segue en forma tras 35 anos. Entre o punk e o hardcore punk móvense tamén bandas novas como Eskravos, da Estrada, e Karracho, de Vigo, mentres que a compostelá Noite Atari entra máis no eido do pop punk.

Finalmente, non podemos rematar sen falar das bandas que fusionan o punk co ska ou o folk, en cuxas extendidas formacións, que ás veces inclúen incluso arredor dunha decena de membros, atopamos moitas veces menos mulleres das que se debería. Pero si contan con grandes músicas nas súas filas bandas tan recoñecidas como Ruxe Ruxe (Aríns), Dakidarría, (Val Miñor), Liska (Vigo), Maskarpone (Ourense), Trapallada (A Coruña), Farrapos de Ghaita (Ferrol), Biribirlocke (Bugallido) ou Os Residuos Atractivas (Vigo).

Son 50 bandas, e aínda quedan. Pouco a pouco vaise normalizando cada vez máis a presencia de mulleres na escena, e de seguro, máis cedo que tarde, será numericamente equiparable á masculina. Non esquezades seguir a iniciativas como Mulleres Galegas Kañeras (na foto, o concerto inaugural do colectivo en 2015, no que tocaron moitas integrantes das bandas mencionadas nesta reportaxe) ou Músicas Galegas Ilustradas, que levan anos desenvolvendo un traballo fundamental na reivindicación do papel da muller na nosa música e a súa presencia no escenario.

Podedes ler a crónica que Patty Castro, fundadora de Mulleres Galegas Kañeras, fixo sobre a creación do colectivo na nosa revista aquí: https://roucoson.com/2021/12/15/mulleres-galegas-kaneras/