Por Patty Castro, con fotos de David Figueroa.
Moito choveu xa dende que o 29 de abril de 2014 apareceu un post nas redes sociais que foi correndo de muro en muro, facéndose eco dunha realidade que moitas mulleres experimentaban como súa: faltaba visibilidade para as mulleres que facían metal e rock na Galiza. O meu post era por aquel entón o dunha vocalista de metal do grupo galego Meigha, nai de dúas fillas de tres e un ano, que estaba a facer un chamamento para crear un tema adicado á figura da muller na música kañera. Algo feito sen ánimo de lucro, para reivindicar o posto que se merecen as mulleres nun ámbito maioritariamente masculinizado, e coa idea de dar a coñecer a boas artistas.
A proposta que facía era para a gravación dun tema en estudio e máis dun videoclip. O chamamento foi un éxito, e créase o proxecto MGK, Mulleres Galegas Kañeras, que pretende dar visibilidade ás artistas galegas na música rock, heavy e metal que se fai nesta terra. A elas, ós seus grupos e ós seus proxectos persoais, potenciando e reivindicando a figura da muller dentro deste ámbito musical.
Durante o mes de maio de 2014 únense ao proxecto Alba Moledo, Alicia (Chousa), Antía Migueroa, Arantxa Pérez, Ariadna Brandón, Belize Martínez, Erika Domínguez, Haras Abuín, Laura Taka, Lucía Chaulet, Lucía Da Fonte, Luna Khaleesy, Mayte Cha Lois Antelo, Montse Leis, Nieves (Chorva), Pilar (G Anja Cat), Sarah Blackcat, Teté Delgado, Thais Suki, Violeta (V de Violeta) e Virgi Rose. Tamén se unen dúas mulleres ligadas ao folk e a música tradicional como son Mercedes Peón e Susana Seivane, que actúan como madriñas para que se fixen no proxecto os medios de comunicación maioritarios.
Comeza entón a carreira para buscar unha forma de financiamento para este proxecto, feito coa plataforma en liña Verkami. E grazas á xenerosidade dos mecenas que apoiaron a idea, conseguimos non só poder gravar un tema, senón dous e máis un making of do que sería a xuntanza solidaria de músicas galegas máis grande ata o momento dentro deste ámbito da caña musical. Durante os meses de setembro e outubro organicei un total de 8 ensaios en diferentes cidades galegas, que foron toda unha festa de amizade e boas intencións na que prevaleceu a idea de que era a primeira vez para moitas de nós na que tiñamos a posibilidade de tocar con tantas mulleres músicas.

Despois, durante tres días, gravamos os dous temas nos Zoilo Unreal Studios de Marín e, conxuntamente, os dous videoclips e o making of. Foi todo un alarde de organización e ganas de botar adiante o proxecto por parte de todas nós. De tanto os videoclips de cada tema coma do making of de todo o proceso de xuntanza, ensaio e gravación no estudio, encargouse Película Invertida, cun equipo de catro mulleres con Lidia Gallardo como coordinadora. A produción e montaxe do making of foi unha colaboración de dúas mulleres realizadoras que se uniron ó proxecto para botar unha man, Nuria Foz e Raquel Soto, conseguindo así potenciar tamén a figura da muller no audiovisual galego.
Durante o 2015 o proxecto preparouse para a súa presentación o día 7 de marzo no Pub Transylvania de Vigo. Foi unha gran festa para os mecenas e as colaboradoras, onde presentamos todo o traballo que se describiu anteriormente, o merchandising e o noso directo. Estabamos conseguindo facer posible a visibilidade que tanto queriamos, fomentando a colaboración entre músicas da Galiza e dando empuxe a este tipo de música non tan comercial.
Durante estes sete anos, o proxecto de Mulleres Galegas Kañeras non se disolveu, senón que se foi convertendo nun colectivo que da o seu apoio a moitas mulleres e proxectos. Entre eles, podemos mencionar Músicas Galegas Ilustradas, a asociación MIM de mulleres da industria musical, o proxecto Rockin’ Ladies de Raquel García, o censo de Distrito Riot de Vane Balón, a asociación Músicas ao Vivo, o Proxecto Rizoma de Nía Tarrío, a Uterzine de Maritxu Alonso, o festi paritario Elas son Artistas ou Descúbreas da Deputación de Pontevedra.

Actualmente, ademais de facerme eco na súa páxina de Facebook de concertos e eventos e de apoiar a diferentes grupos e asociacións, teño dende marzo de 2020 na emisora web A Xente de Teo un espazo de entrevistas. A colaboración con Iván Touris, creador do programa, naceu primeiro no programa En Estado de Emerxencia, un programa diario creado durante a pandemia. E, actualmente, en A nova realidade, un programa quincenal no que fago entrevistas a mulleres músicas e relacionadas coa música para crear referentes das súas traxectorias vitais no terreo musical. Para poder facer chegar a outras mulleres a idea de que se outras puideron, elas poden. E ademais, para poder así facer máis visibles a estas mulleres, pois por desgraza segue a ser unha realidade o descoñecemento en xeral das artistas femininas, sobretodo das instrumentistas. É todo un pracer colaborar con A Xente de Teo, pois faime posible entrevistar a moitas mulleres que se senten recoñecidas con esa definición de mulleres galegas kañeras, sendo ou non galegas ou kañeras.
Tamén, dende o 2020, o proxecto MGK ten representación no magazine audiovisual de GZ música, en Nós TV, nun espazo propio que fai posible ter entrevistas a grupos galegos que conteñan mulleres na súa formación e se expresen en galego. Para min está sendo tamén un pracer poder colaborar con GZ Música, pois permíteme darlle aínda máis representación ás mulleres que forman parte de grupos que utilizan a nosa lingua como transmisor da nosa cultura. Tamén é un pracer poder colaborar con Nós TV, uns referentes e propulsores da cultura en galego.
O que comezou sendo un proxecto persoal que naceu con ganas de conseguir coñecer máis mulleres que, coma min, se sentiran metaleiras, sete anos despois segue a ser unha realidade. Foron para min uns anos complicados, nos que a miña vida persoal fixo que ás veces se fixese complicado sacar tempo para invertilo no proxecto. Pero sempre tiven ás miñas compañeiras, colaboradoras e amigas dándome folgos, e teño que admitir que nunca pensei que chegaría ata aquí. Pensei que xa fixera todo o que tiña que facer cando presentamos o traballo no Transylvania aquel 7 de marzo de 2015, pero o que si podo dicir e que as MGK son moito máis do que parecen. Son incribles, e sen dúbida empoderáronme como música e muller. Así que tan só estou a devolver o favor a cada unha delas. E espero poder seguir dándolles visibilidade e a cada unha delas, ós seus grupos. E seguir emocionándome cos seus logros, que sinto como propios, pois o avance dunha é un avance para todas.
Estou encantada de poder ter un espazo dentro de Rouco Son, e quería dar as grazas á revista por apoiarme e facer posible que poidades ler estas verbas. Vou facer o posible para que coñezades a miña visión como muller e música do que está a acontecer no panorama musical galego, e para que poidades coñecer e saber máis sobre grupos que conteñan mulleres nas súas filas. Porque para min poder ter acceso a cultura metaleira en galego é moi importante e necesario. Por iso mesmo apoio tanto a Rouco Son e tamén o fago visible no meu propio programa de radio e podcast Galiza Metálica. Un proxecto de radio mensual que me emociona, pois para min é a primeira vez que teño un programa de radio propio que está adicado a dar visibilidade e apoio aos grupos de metal, heavy e rock galegos canten ou non en galego. Tamén son creadora de contidos en galego coas canles de youtube de Contacontos en galego e Acouga, sosego en galego cos que busco facer posible ter cada vez máis alternativas en galego para pequenos e adultos. E sigo involucrada en proxectos musicais como Raíñas, onde versiono a mulleres de tódolos estilos musicais, en galego. Para min, o galego é unha ferramenta esencial para poder relacionarme e sentirme unida á miña comunidade. Máis nada! Recordade, escoitade música kañera de grupo galegos, ide aos concertos e apoiade especialmente as mulleres que estean nos grupos kañeros!