Law lanza Lo Esencial, o seu novo EP

A cantante e compositora viguesa Law lanza o seu novo traballo Lo Esencial da man do seu selo Galunk Producións. Trátase dun EP composto de 4 cancións que inclúe o seu último sinxelo “Fénec”, lanzado como adianto do disco. A artista mestura nel, como é característico da súa traxectoria, diversas influencias estilísticas, que van dende o soul e o funk ata o hip-hop e o reggae, pasando polo pop ou a electrónica.

O EP, lanzado o pasado día 21 de novembro, inclúe tamén “El fuego que sana”, unha colaboración co produtor vigués Rotce, coñecido polos seus proxectos musicais Lontreira e Montedapena, ademais de por ter formado parte doutras bandas como Unliving Sin ou In Verno. Esta canción de influencias psytrance e tribais serve como apertura do traballo, que continúa coa propia “Fénec”. Esta conta ademais cun videoclip realizado polo recoñecido director cervense Xaime Miranda. “O fénec é un raposo do deserto pequeno, pero intelixente e moi resistente, un animal salvaxe que debe vivir en liberdade”, explican dende Galunk Producións. Sérvelle a Law como símbolo para “crear un canto á forza interior, integrando elementos orgánicos e electrónicos nunha atmosfera épica”.

Law é o nome artístico de Laura Martínez Puga, procedente da parroquia viguesa de Coia. Ademais de ser modelo, guionista e actriz, tamén foi membro de agrupacións da zona como Sparkle Queens ou Girl’s Gang. Coa súa nova carreira en solitario xa ten pasado polos escenarios de festivais tan destacados como o PortAmérica, o Atlantic Fest, o Festival de la Luz ou o Conxefest. Dende 2020 ten lanzado diversos sinxelos, como “La extremaunción”, “Eterno retorno”, “Amor mordaz”, “Diablo” ou “Activismo cotián”.

Neste novo lanzamento, sinalan dende Galunk Producións, a viguesa mostra “a súa versatilidade musical e unha consolidación e madurez artística na que podemos atopar cancións urbanas con ritmos reggae e mensaxes profundas e comprometidas”. “A través destes elementos xérase un estilo único que chega ás persoas pola súa honestidade, boas vibras e paixón”, afirman dende a promotora. “A través da súa obra sinala as desigualdades do mundo á vez que explora e desentraña o seu propio”, conclúen.