O grupo vigués de rock duro Trol anuncia o lanzamento do seu primeiro disco, que estará dispoñible a mediados de decembro e que levará por título Ultravioleta. Este trío instrumental esta integrado dende o seu nacemento en novembro de 2022 por Pablo López na guitarra, Juan Díaz no baixo e Fernando Costas na batería; tres músicos experimentados da escena viguesa que, despois de numerosos concertos pola zona, amosan agora o son da banda tamén en estudio.
A gravación de Ultravioleta tivo lugar entre xaneiro e xuño deste ano en dous estudos diferentes. Por unha banda, as baterías foron rexistradas en Dream & Drum Home, o estudio do recoñecido batería vigués Suso Valcárcel, mentres que os instrumentos restantes foron gravados por Pancho Suárez de Lis en Planta Sónica II, ubicada na parroquia de Comesaña. Neste último estudio tivo lugar tamén a mestura e a masterización do traballo, que foi composto por Pablo López e producido pola propia banda. A portada correu a cargo da artista Verónica Sosa-Dunetz, que “logrou capturar visualmente a esencia do proxecto” en palabras da banda, completando “un álbum que reflicte a identidade sonora e visual de Trol”.

O disco será presentado ao vivo o día 20 de decembro, venres, no Zentral Bar de Samil, na parroquia viguesa de Navia. Alí interpretarán os cinco temas que compoñen Ultravioleta, que inclúen algunhas das pezas máis destacadas dos concertos da banda, como “Eddie”, “Ella” ou a homónima “Ultravioleta”. E é que a banda ten desenvolvido unha intensa actividade en directo dende maio de 2023, actuando no Pub Transylvania e o Sinattra Club de Vigo, no Tronko Bar de Lourizán, na Radio Costeira de Saiáns, nas Festas de Alcabre, no Lar das Artes de Matamá ou na Cervexería Miguel de Oia.
Antes de formar Trol, os seus membros tiveron unha longa traxectoria en diversos grupos ben recoñecidos na escena dende finais dos anos 80. Fernando Costas militou en Los Contrarios ou en Los Juais, así como en Demolición, banda pioneira do speed metal vigués; Juan Díaz fíxoo en bandas como Furtivos ou a mítica Desertores, que editou dous LPs a principios dos anos 90; e Pablo López, ademais de en Furtivos, na tamén mítica Crazy Cabuxa, que deixou outros dous álbumes na década dos 90.

Dende o grupo destacan “o coidado proceso creativo detrás de cada tema”, co que buscaron reflectir “a esencia do hard rock clásico cun toque moderno”. Resaltan tamén “a forza e a identidade propia da banda, cunha coidada mestura de melodía e intensidade”. “Ultravioleta representa non só o esforzo e a dedicación da banda, senón tamén unha mostra do talento musical que emerxe dende Galicia”, engaden.
Para a presentación no Zentral Bar, Trol promete “unha noite chea de música e intensidade” na que sorprenderán ao público co seu son “potente e melódico”. Despois de diversos concertos nos que demostraron o seu “talento e capacidade para conectar co público”, buscan que o do 20 de decembro sexa “un punto de encontro para seguidores e curiosos da escena”. Así, animan a todas as persoas interesadas “a achegarse para descubrir o novo traballo, que representa unha etapa clave na carreira musical” dos seus membros, co obxectivo de situarse “como unha das formacións máis prometedoras da escena viguesa” e do hard rock instrumental.
No seu momento contámosvos cando comezaron gravar o disco nesta noticia: https://roucoson.com/2024/01/26/os-vigueses-trol-comezan-gravar-o-seu-primeiro-disco/