Os 40 discos galegos de 2024 (Parte 2)

Vamos por fin coa segunda parte desta lista, que se fixo esperar demasiado, como sempre. Pero máis vale tarde que nunca!

Isius – Studio 2

O cuarto traballo do quinteto vigués Isius é nada menos que un EP gravado “ao vivo no estudio” nos míticos Abbey Road Studios de Londres, que foi lanzado por Ernie Records o 2 de maio de 2024. Nos seus 9 minutos de duración demostra tanto a capacidade do grupo de escribir música concisa e memorable como a precisión técnica dos seus membros, que foron quen de rexistrar en directo tomas impecables de temas que van moito máis alá da típica canción pop rock. Mesturan o power pop sesenteiro co indie para dar lugar a pezas moi completas, cheas de melodías nostálxicas para as que a gravación nun estudio con tanta carga sentimental para os membros da banda foi idónea. Entrar en Abbey Road, a cuxo Studio 2 fai referencia o título do traballo, era un soño para o grupo e levaban perseguíndoo activamente dende 2020, cando a pandemia impediu que mandaran masterizar alí o seu segundo disco Fox & Castle. Falámosvos máis deste periplo nesta noticia sobre o sinxelo de adianto e tema que abre o EP, “Sertraline”: https://roucoson.com/2024/03/31/isius-presenta-sertraline-primeiro-adianto-do-seu-novo-album/

Moura – Fume Santo de Loureiro

Despois de dous álbumes, o sexteto coruñés lanzou o pasado ano un EP de case 20 minutos de duración concebido como banda sonora para a curtametraxe Nai, dirixida por Tito Refoxo e Brais do Rei. Foi editado o 31 de maio por Spinda Records tanto dixitalmente como en vinilo e CD, e condensa o mellor da mestura de rock progresivo psicodélico e folk galego practicada pola banda. As catro pistas conforman unha unidade, ligada tanto por motivos musicais e líricos comúns como por pequenas pasaxes de música incidental propias do son dunha curtametraxe. Comeza in crescendo cunha pista de introdución e con “Agoiro/pranto”, para comezar a amosar a cara máis potente e épica do grupo en “Contra os males da aireada”, o tema de 8 minutos que servira tamén como adianto do EP. Nel, a faceta máis heavy prog da banda mestúrase co xenial xogo de voces de Belém Tajes e Diego Veiga e os elementos tradicionais. O final “Canto de berce” comeza fiel ao seu nome ata volver a un desenlace épico cando entra en escena o mellotron do teclista Fernando Vilaboy. Este compleméntase cos riffs de guitarra de Veiga e Hugo Santeiro e mais coa sección rítmica do baterista Brais do Rei e o baixista Pedro Alberte Aguado para crear temas que son potentes e ata pesados (no mellor sentido da palabra) pero tamén melódicos e pegadizos. Un gran traballo máis da banda coruñesa que amosa unha nova cara da mesma á vez que afonda na súa fórmula gañadora, que lles ten situado como unha das bandas punteiras do rock galego.

Al Final Sólo Habrá Cenizas – Lodo

O agardado segundo traballo do dúo coruñés Al Final Solo Habra Cenizas chegou o 16 de xuño de 2024 da man de Quebranta Records. Trátase dun EP de sobre 23 minutos de duración, como o seu predecesor de 2021, Nuestra Propia Destrucción. E ao igual que este, mestura diferentes estilos extremos, como o sludge metal, o post metal e o crust. Por algo os membros do grupo defínense como “dous punks tocando riffs apocalípticos”, facendo unha música pesada e principalmente lenta pero na que o espírito hardcore punk é totalmente palpable. Neste disco, de feito, os coruñeses optaron por temas máis curtos, con 6 pistas en total, incluíndo os 3 minutos de ambient ruidoso de “Última luz”. Un EP que nos deixa máis que satisfeites pero con moitísimas ganas de ver o que o dúo poderá facer cun álbum completo.

Brétema – Susurros

Brétema é unha nova banda de heavy metal integrada por coñecidos músicos da escena estatal. O vocalista ourensán Pacho Brea (Ankhara, ex-Megara) e o guitarrista nado en Córdoba pero afincado no país José Rubio (Evil Hunter, ex-Warcry, tamén ex-Megara) coinciden nel unha vez máis. Tamén nas guitarras atopamos ao barrés Roberto Beade (Evil Hunter, Nova Era). A formación está completada polo cordobés Juanjo Cobacho (ex-Medina Azahara) e o madrileño Joaquín Arellano (Runa Llena, ex-Muro, ex-Saratoga). O álbum, que inclúe trazos melódicos máis propios do rock duro pero tamén elementos de metal máis pesados, foi lanzado o 23 de xullo de 2024 por Demon Records, precedido dos sinxelos “Oscura luz” e “Vuela”. Agardemos que este primeiro traballo sexa o comezo dunha longa traxectoria!

Tenue – Arcos, Bóvedas, Pórticos

Aínda que non pasara tanto tempo desde o lanzamento do seu anterior traballo, Territorios (2021), o novo álbum de Tenue era un dos máis esperados de toda a península. E a pesar de que o listón estaba altísimo, o agora cuarteto da Guarda cumpriu totalmente as expectativas con este álbum lanzado o 1 de agosto da man de múltiples selos. En Arcos, Bóvedas e Pórticos, Tenue demostra unha vez máis por que a súa mestura, feita en galego, de neocrust punk, screamo, post-black metal e ata bossa nova acapara as miradas de fans da música extrema en todo o mundo. Ademais, de novo atopamos a Iván Ferro detrás dos controis do estudo. Un disco verdadeiramente imperdible que lles está a levar por Europa, Norteamérica e o que queda.

Noite Atari – Normal

O cuarteto de pop punk e hardcore melódico Noite Atari deu continuación ao seu EP de 2023 Pais Ausentes con este Normal, que saíu o pasado 10 de setembro. Un novo traballo que nuns 15 minutos de duración condensa o punk rock rápido, melódico e pegadizo da banda, claramente debedora do punk californiano dos 90. Destaca por un son cru, directo e voluntariamente sucio que imita ao dos seus concertos, capturando a súa intensidade e raiba. As cancións mesturan temáticas persoais con outras máis reivindicativas, denunciando a masificación turística ou o negocio dos macrofestivais. Tedes máis información aquí: https://roucoson.com/2024/10/01/normal-o-novo-disco-de-noite-atari/

Playa Desmayo – Bañistas (Dos Desnudos en un Paisaje Exótico)

O dúo coruñés de surf punk (axeitadamente chamado) Playa Desmayo sacou por fin o seu primeiro LP despois de 9 anos de traxectoria. Bañistas (Dos Desnudos en un Paisaje Exótico) chegou o 9 de outubro da man do selo ribeirense Radix Records, especializado en estilos como este e que leva lanzando os traballos da banda dende 2022. Roi (guitarra e voz) e Gas (batería e voz) levan integrando o grupo dende o principio (editaron o seu primeiro disco, o EP, Atardicidio, en pleno 2020), e neste primeiro álbum completo amosan claramente o seu estilo de punk de garaxe retro e desenfadado. É un disco bailable e pegadizo, tirando a rápido, especialmente nos temas máis cañeiros e breves como “Lucha eterna” e sobre todo “Vinganza”; porén, tamén ten momentos de calma como o instrumental que lle dá o subtítulo. Os seus 10 temas chegan a pasar lixeiramente a media hora de duración. Directo e divertido, perfecto para o verán!

Lóstregos – Nai

Seguimos con outro disco esperadísimo. En Nai, o cuarteto coruñés de black metal Lóstregos reedita a fórmula dos seus outros dous álbums (Lendas Baixo ou Luar e Onde Calan vos Corazóns, Ruxen as Pedras), con 5 temas longos nos que aparecen influencias do folk, do doom, do death metal e moito máis. Trátase dun disco conceptual ao redor dos elementos no que os coruñeses contan con múltiples colaboracións de todo tipo, polo que nada podía saír mal. O álbum foi lanzado por Dusktone o pasado día 25 de outubro.

Battosai – Lágrimas y Milagros

Lágrimas y Milagros é o segundo álbum do trío compostelán de rock alternativo Battosai, e o primeiro coa súa nova formación. Ademais do guitarrista e vocalista fundador Héctor Ojea, integran agora a banda o baixista Carlos Freire (Biribirlocke) e o baterista Mauro Gómez (Deleiba). Con este novo traballo incorporan á súa base de rock noventeiro influencias do post-hardcore ou do shoegaze, logrando un resultado aínda máis melancólico e visceral que o do seu anterior álbum Battosai (2021). Saíu o 31 de outubro da man de Spinda Records, e tedes máis info por aquí: https://roucoson.com/2024/11/03/battosai-volve-co-seu-segundo-album-lagrimas-y-milagros/

Lowmist – Custodians of Pain

Custodians of Pain é o segundo álbum de LowMist, lanzado o pasado 1 de novembro polo selo francés Kaoszophy Records. Esta banda de black metal atmosférico está formada polo baterista Naemoth e polo guitarrista, baixista, teclista e vocalista Netzja, ambos tamén membros da mítica agrupación de black viguesa Dantalion. O proxecto foi iniciado por Netzja para dar saída a unha cara distinta da súa música, na que en todo caso son palpables as inevitables similitudes co son da súa banda principal. As oito cancións deste traballo de case 40 minutos de duración veñen coller o relevo do primeiro álbum do dúo Supreme Nature (2020), e son un gran exemplo de black metal depresivo e melódico que, ademais, complementa moi ben o último traballo de Dantalion, Fatum, lanzado en 2023. Foi gravado e masterizado polo propio Netzja (esta vez baixo o seu nome habitual Brais Barreiro) nos seus propios B2V Studios.

Suevia – Libres

Suevia é unha banda viguesa de rock duro formada por catro mulleres procedentes de agrupacións de diferentes estilos, como Motherseed, Diecinueve70, Kuna de Odio ou Martillo. Despois de varios anos tocando asiduamente pola área de Vigo, o pasado 8 de novembro sacaron o seu primeiro traballo de estudio, o EP Libres. O seu lanzamento o 8 de novembro veu precedido uns meses antes da saída do videoclip de “Lume”, o tema que logo abriría o disco. Este xa destaca polo seu estilo de rock potente, bordeando claramente o metal, como se pode sospeitar vendo a traxectoria musical das integrantes da banda. A pesar de tratarse dun traballo breve, de apenas uns 15 minutos de duración, é sen dúbida moi prometedor e amosa do que pode ser capaz Suevia cando dean o salto a un álbum completo de estudio. Publicamos recensión deste disco no Sermos Galiza de Nós Diario: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/suevia-libres-como-lume/20250307155134217955.html

Herrumbre – Aberrante

O 21 de novembro chegou o primeiro álbum e o que ata o de agora é o único traballo de Herrumbre, Aberrante. Pouco máis de media hora de duración en 9 temas que mesturan o crust punk, o grindcore e o black metal, da man de tres músicos ben coñecidos na escena extrema galega: David “Corey” de Lóstregos á batería, Pablo “Herr Punzante” de La Hija del Carroñero ao baixo e Dani Sentence de Ruthless ao baixo. Os tres comparten labores vocais nun disco que sintetiza estilos das súas diferentes bandas (que son aínda moitas máis das xa mencionadas). Herrumbe ten apenas 3 anos de existencia, pero xa ten tocado profusamente por diferentes puntos do país, sempre que os compromisos das outras agrupacións dos seus membros o permiten. Agardemos que haxa continuación máis cedo que tarde, porque o disco está brutal!

Law – Lo Esencial

Lo Esencial, o EP lanzado por Law o mesmo día 21 de novembro da man de Galunk Producións, expón á perfección a súa mestura de diferentes xéneros nun estilo propio. A música da viguesa Laura Martínez Puga (que tamén foi membro de Sparkle Queens ou Girl’s Gang) está composta de soul, funk, reggae, pop rock, hip hop ou mesmo electrónica. Todas estas influencias condénsanse nun traballo breve, de só 4 cancións, pero que supón un novo paso cara adiante na traxectoria solista da viguesa. Falámosvos máis sobre o lanzamento do EP en https://roucoson.com/2024/12/04/law-lanza-lo-esencial-o-seu-novo-ep/

Enki – El Despertar del Leviatán

El Despertar del Leviatán é o cuarto álbum completo de Enki, editado o 22 de novembro de 2024 no marco do 10 aniversario da banda. Este cuarteto de groove metal está afincado na parroquia de Viascón, Cerdedo-Cotobade, de onde procede o guitarrista e vocalista José Barros (membro tamén da mítica Dismal e exmembro de Absorbed), pero conta tamén con membros doutros municipios da provincia. O traballo chega cinco anos despois do seu anterior álbum Res No Verba, e amosa as influencias do metal alternativo ou do metalcore que caracterizan a música da banda ao longo das súas 12 cancións e 42 minutos de duración total.

Fata Inferna – Blasfemia e Mortuario

Imos coa recta final da lista con Blasfemia e Mortuario do dúo ourensán de black metal Fata Inferna. Este traballo chegou o 11 de decembro, sendo lanzado de maneira independente, do mesmo xeito que as anteriores demos da banda. A pesar de contar con só uns poucos anos de traxectoria, o puro black metal en galego de Fata Inferna colócaos xunto a bandas tan destacadas da escena como Xerión, Sartegos ou os propios Lóstregos. Eremita e Antífonas conxuran neste traballo unha música escura e opresiva, con letras á altura das súas desgarradores riffs. Nelas, o rexeitamento da relixión que caracteriza ao xénero desde o seu xurdimento está especialmente presente. Un disco que se sente como adentrarse nunha fraga galega nunha noite fría e chuviosa. Non o perdades! Recensión no Sermos Galiza, aquí: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/black-metal-galego-estado-puro/20250110153629214370.html

Pladür – Toneladas de Diversión

O dúo punk de Pontevedra lanzou o pasado 13 de decembro un primeiro álbum que captura á perfección, dende o seu propio título, a esencia do grupo: 11 cancións en 29 minutos cheas de ritmos rápidos, melodías retro propias do rock de garaxe, retrousos pegadizos e letras desenfadadas e sarcásticas sobre temas cotiáns e actuais. Toneladas de Diversión captura a atmósfera dos concertos da banda pero engade tamén aos temas diferentes arranxos (incluso de teclados) que enriquecen a música do dúo composto unicamente pola guitarra, a batería e as voces de Santiago Paredes (Thee Blind Crowes, Pedro Diablo, Thee Tumbitas, Glitter & Litter) e Lúa Sálamo (Trompas de Farlopio, Los Televisores, Le Cûl). O traballo foi gravado en Escusalla Sonora, masterizado nos bilbaínos estudios Erudia e lanzado colaborativamente por Sweet Grooves Records, Ferror Records, Radix Records, Pafffbum Discos, Ulomania Coop e Fa Ce La. Chega despois do sinxelo “Estudiante de BBAA” e o EP Ensayos, Fallos y Desmayos, ademais de varias demos.

Dark Embrace – Land of Witches

Tamén o 13 de decembro, da man de Massacre Records, chegou o cuarto álbum de estudio do cuarteto Dark Embrace, Land of Witches. Neste traballo, que vén coller o testemuño de Dark Heavy Metal (2023), os composteláns continúan afondando na mestura de diferentes estilos que eles denominan igual que o título dese anterior álbum. Nuns temas atopamos influencias do death metal melódico, noutras do black metal gótico, noutros de estilos máis clásicos como o thrash. Non en van, a banda está formada por membros procedentes de formacións moi diversas. O guitarrista Mou tocou en Fallen Sentinel e coincidiu en Trashnos co outro guitarrista, Markos, e co batería Julio, que tamén estivo en Barbarian Prophecies entre outras formacións. Por outra banda, o vocalista Óscar, único membro fundador de Dark Embrace aínda en activo (cabe lembrar que a agrupación comezou no seu momento tocando doom metal), integra tamén a promotora Hueso Producciones. Este novo álbum está inspirado en elementos da mitoloxía galega como as meigas ou a orcavella, a pesar de estar cantado en inglés. Con el baixo o brazo seguen sendo un nome habitual en festivais e xiras de metal de todo o Estado.

Pava – Pava 3

Pava é o grupo fundado pola escritora, compositora e vocalista coruñesa Lucía Aldao xunto a Analís na batería, Pablo Silva na guitarra e David Santos no baixo. O que comezou como un proxecto en solitario de Aldao é xa unha banda por dereito propio co lanzamento de Pava 3, un EP de 5 temas e algo máis de 20 minutos de duración que mestura o indie pop e a canción de autor coa poesía e a reivindicación. As influencias do rock alternativo e a psicodelia tamén son perceptibles nun traballo que supón a consolidación da traxectoria musical da agrupación e da propia Lucía Aldao, xa ben coñecida pola súa carreira literaria e co dúo Aldaolado. O disco, lanzado o 19 de decembro, veu precedido de adiantos como “Catastro” e “O himno da lesión”, do que vos falamos aquí: https://roucoson.com/2024/11/27/lucia-aldao-publicara-este-venres-o-seu-novo-sinxelo-xunto-a-banda-pava-o-himno-da-lesion/

Trol – Ultravioleta

Xa nos últimos días do ano, o 20 de decembro de 2024, o trío vigués Trol presentou o seu primeiro traballo Ultravioleta cun concerto no Zentral Bar de Samil. A banda practica un rock duro instrumental no que as melodías e os riffs de Pablo López (Crazy Cabuxa, Furtivos) únense á potente sección rítmica formada por Juan Díaz (Desertores, Furtivos) no baixo e Fernando Costas (Los Followings, Los Contrarios, Los Juais, Demolición) na batería. Ás décadas de experiencia en bandas míticas dos seus membros, das que xa vos temos falado varias veces nas páxinas desta revista, configuran un traballo moi agardado dende a estrea do grupo en maio de 2023. Para saber máis: https://roucoson.com/2024/12/12/trol-anuncia-o-lanzamento-do-seu-primeiro-disco-ultravioleta/

Deathcontrol – The Endless Echo of his Own Litany

Deathcontrol é o último proxecto creado polo prolífico músico coruñés Dopi, exmembro de míticas bandas como Frustradicción, Machetazo ou Dishammer e activo nos últimos anos con Leprophiliac ou Premature Burial entre moitas outras. Esta vez está acompañado do tamén coruñés Avelino Saavedra, aficando agora en Valencia, que foi membro de Mol nos 90 e nos 2000 e logo pasou por estilos como o jazz, a música africana ou a libre improvisación. The Endless Echo of his Own Litany é o ata o momento único traballo da banda, e puxo o broche de ouro ao ano 2024 co seu lanzamento o día 20 de decembro da man de Selfmadegod Records. A pesar de ser catalogado como un álbum completo, conta con só 16 minutos de duración, repartidos entre 6 cancións de grindcore e deathgrind clásicos alternadas con 5 interludios experimentais e ruidosos que poderíamos encadrar no noisegrind e que lembran ao estilo improvisacional e vangardista das bandas máis extremas de John Zorn (a súa duración breve, habitual nestes estilos, contribúe á sensación de treboada sonora que impregna todos os temas). O disco é, polo tanto, á vez unha volta ás orixes para estes dous míticos da escena coruñesa e un novo capítulo nas súas traxectorias, que seguiron sendas diferentes pero volven converxer para demostrar que o underground, do metal extremo ao jazz libre, sempre é underground.

Non esquezades repasar a primeira parte da lista aquí: https://roucoson.com/2025/02/10/os-60-discos-galegos-de-2024-parte-1/