O metal extremo en Galicia entre 1988 e 2009

“Metal extremo” é ese termo vago que empregamos para aforrar saliva cando falamos de doom, thrash, death ou black metal. Aínda que estes estilos poden chegar a ter pouco o nada en común (o metal sempre foi un xénero dos máis variados), todos comparten o afán por levar algunha das súas características ao máximo: aquí están os grupos máis lentos ou os máis rápidos, os máis técnicos ou os máis macarras. En Galicia, por sorte, temos unha excelente representación de cada un deles. Neste artigo falaremos do nacemento da escena galega e de como foi medrando amodiño ao longo dos anos noventa, falando brevemente dos grupos máis destacados de cada subxénero.

Tendo en conta a súa explosión de popularidade nos oitenta, non é de extrañar que o thrash fose o primeiro xénero extremo en aparecer en Galicia. Aínda que naceu a principios da década, non chegou á península ata ben entrada a segunda metade desta; mentres os míticos Fuck Off e Legion sacaban os seus primeiros discos en Cataluña, os coruñeses Xudef Klas facían o mesmo coa maqueta En Apuros (1988), o álbum en casete Igual de Claro (1989) e o LP Eutanasia (1992). Este grupo mesturaba o thrash con elementos de estilos máis tradicionais coma o heavy metal, e letras de crítica política e social. Incluso foron responsables da primeira canción de thrash metal gravada en galego: “Galicia amaceirada”, que apareceu na súa demo en directo de 1989 Lejos del Sabotaje e posteriormente en Eutanasia.

En todo caso,en Vigo non quedamos moi atrás respecto a Coruña, gracias a Desvirgheitors. Aínda que se fundaron coma banda de hardcore punk en 1986, na súa segunda demo de 1991 comezaron a incorporar timidamente ao seu son influencias do thrash metal, facendo parte así do subxénero coñecido coma crossover thrash. De novo, empregaban nas súas letras temas políticos, e fixeron varios temas en galego, coma “Fuxidos”, sobre o maquis antifranquista, ou “Unha de guerra”, incluída no seu álbum homónimo de 1993 (que incluía outros 3 temas con letra na nosa lingua). Esta banda tería pois a honra de ser a primeira agrupación de metal extremo viguesa.

Aínda que estas bandas foron as únicas bandas de thrash que chegaron a sacar un LP a principios dos 90, tamén xurdiron outras que conseguiron sacar varias demos, nalgúns casos de gran calidade. Varias delas, ao igual que Desvirgheitors, facían crossover thrash, coma os coruñeses Mol ou os mariñáns Mala Oxtia. Outras practicaban un thrash máis tradicional, coma as bandas ferrolás Scum, Hatred, ou os primeiros Wisdom, que axiña evolucionarían cara a un novo estilo que nacera apenas uns anos antes e que dominaría o underground galego durante o resto da década. O thrash sería relevado polo seu achegado máis rápido, máis pesado e máis agresivo: o death metal.

Pouco se pode dicir xa do death galego. A pesar de ser un dos xéneros musicais máis polarizantes que existen, e de que o metal en xeral era novo en Galicia, produciuse unha verdadeira explosión de death metal patrio. Podemos presumir de ter verdadeiros grupazos de case todos os subestilos: dende o death técnico e progresivo de Absorbed e To Nowhere ata o death/grind de Machetazo ou Wisdom, pasando polo brutal death de S.O.K ou Fermento. Outras bandas destacadas foron Unnatural, Dismal, ou Unhallowed. Incluso xurdiron pequenas bandas que mesturaban o death co doom metal, coma Osmosis e The Mantic Garden. Para quen busque máis información sobre esta escena, está case todo no documental de 2012 Escuros, Roncos e Compasados.

Sendo a excepción nun panorama dominado polo death metal a mediados e finais dos anos 90, cabería mencionar dúas bandas compostelás que mesturaban estilos tan intrínsecamente noventeros coma o groove metal e o hardcore pesado (en certo modo versións ralentizadas do thrash e o crossover dos anos anteriores): por unha banda, Túzaros, que destacou por empregar por primeira vez na escena exclusivamente a lingua galega nos seus álbumes Túzaros (1997) e Trivial (2001); e por outra, Embrace me Ocean, que editou o seu Grey en 1999.

Coa chegada do novo milenio, a música extrema da nosa terra comezaría a diversificarse cada vez máis, e aparecerían moitas das súas bandas máis emblemáticas, así coma un novo subxénero que sería clave para o underground galego: o black metal. Xa a finais dos noventa apareceran os primeiros proxectos deste estilo, coma Regnvm Irae (Ourense), Tanat (Coruña), Inmacula Mortem (Pontevedra) ou Mydgard (Vigo); porén, foi nos 2000 cando xurdiron os seus principais expoñentes. Por unha banda, Xerión, sucesora de Regnvm Irae, sería a principal banda desta etapa en empregar o galego para as súas letras, con demos coma O Espírito da Fraga (2001) ou álbumes coma Nocturnal Misantropía (2007), influenciados polo folk celta. Por outra banda, varios membros de Mydgard pasarían a fundar Dantalion, que a partir do seu disco de 2008 Call of the Broken Souls comezaría a incorporar máis elementos do doom metal á súa música. Outro membro de Mydgard e excompoñente de Unhallowed, o baixista Morg, uniríase a dous membros de Inmacula Mortem para formar Balmog, exponentes do black metal máis puro e escuro da escena. Finalmente, Morgul, de Tanat, pasaría a formar parte tamén de Morbid Yell, de estilo black/death metal.

Outra banda clave destes anos sería Barbarian Prophecies, de Lugo, que editou algúns traballos coma banda de black/death antes de evolucionar máis cara ao death metal a partir do seu álbum Comdemned Land (2009). Tamén o foi Kathaarsys, de Compostela, que editou varios álbumes nun estilo de black metal progresivo e folk moi persoal. Habería que mencionar, ademais, o black sinfónico con toque doom de Alendalúa; a Aboriorth, ex batería de Xerión e Kathaarsys cuxo proyecto en solitario é igualmente destacado; a The Last Twilight, de Palas de Rei; ou aos ferroláns Marthyrium.

En todo caso, a pesar do asentamento deste novo estilo, o death seguiu a ser fundamental no underground galego. Algunhas bandas dos 90 continuarían lanzando traballos, como Fermento, Wisdom (cuxo Que te confunda o demo de 2003 inaugurou el death metal en lingua galega) ou Machetazo, que se convertería nunha das bandas de metal galegas más internacionais. A estas sumáronse varios grupos novos; por exemplo, Unreal Overflows, de Pontevedra, cun death metal progresivo e técnico en liña co que nos 90 fixo Absorbed (contando incluso cun ex-guitarrista destes na súa primera formación). Entre o death técnico e o brutal death movíanse os ourensáns Scent of Death; cun son grind despuntou Nashgul en A Coruña, e cun estilo similar xurdiría Brainwash en Ferrol, mentres que na Costa da Morte xurdiron bandas galegófonas coma Traboute ou Glut!.

En Vigo, por outra parte, tivemos a grupos coma Cadalso, e ademais creáronse o selo Solucións Extremas e a tenda Loita Underground, que comenzaron editando traballos de Strangled with Guts, Basiliades ou Morte. Ademais, apareceu aquí un novo subestilo máis accesible, nado a década pasada en Europa: o death metal melódico. Durante estes primeiros años o seu principal expoñente foi Skydancer, particularmente co seu disco de 2009 Endorsed by Self Destruction.

Agora cabería mencionar un caso curioso: o dos grupos englobados en torno á denominación de metal gótico. Aínda que en principio foi un subestilo do doom metal e o death/doom, algúns dos seus elementos foron despois incorporados por grupos de black ou de power metal sinfónico, convertíndoo nun térmo algo confuso e indefinido. En Galicia, a liña herdeira do death/doom máis melódico a podemos atopar en Shroud of Tears ou en Dark Embrace, que no seu álbum de 2006 The Rebirth of Darkness tamén incluía pasaxes rápidas propias doutros estilos. Por outro lado, os vigueses Fallen Sentinel tiveron nos seus primeros traballos elementos máis achegados ao black metal sinfónico, así coma un compoñente de metal progresivo. Finalmente, nesta época empezouse a xestar unha tendencia que destacaría especialmente na década siguinte: o revival do thrash metal. Bandas coma Mutant Squad, Lethal Vice ou Freedom Xlave recuperaron este estilo clásico, lanzando varias demos que anticiparían o que viría despois coa década de 2010.

Non podería rematar este artigo sen falar algo da escena hardcore de aqueles anos. A música punk, polo xeral, sempre calou en Galicia máis que o metal, pero en todo caso ambas escenas estiveron fondamente ligadas. Falando en concreto de música extrema, xa a finais dos oitenta e na década dos 90 xurdiran numerosas bandas de hardcore, e moitas delas, especialmente as do hardcore máis pesado coma os ourensáns Prap’s, incorporaron variables cantidades de metal ao seu estilo, coma xa mencionamos nalgúns casos. Nos 2000 destacou a banda de crossover viguesa Ofensiva, e, especialmente, a escena crust punk de A Coruña; este subxénero, xa de por si vencellado ao metal nas súas orixes, tivo nesta cidade unha verdadeira explosión cun certo recoñecemento internacional; moitas das súas bandas principais, coma Ekkaia, Madame Germen, Hongo, Black Panda, Asedio, Dishammer ou Ictus (formada en Lugo), intercambiaron membros e influencias coas bandas de metal da zona; como indicaba un dos entrevistados para o traballo A Coruña crust punk de Adrián Martínez Pereiro, “eramos heavis tocando punk”.

Esta reportaxe foi publicada orixinalmente no blog Despois do Dioivo: https://despoisdodioivo.wordpress.com/2020/05/13/o-metal-extremo-en-galicia-entre-1988-e-2009/