Música emerxente e en galego, asignatura pendente do Son do Camiño

O Monte do Gozo acolleu ao longo do último mes a celebración do Son do Camiño Perseidas, un ciclo de 11 concertos cun total de 18 artistas. Con este novo formato, os organizadores do Son do Camiño adaptáronse á situación actual, e para iso contaron con nomes  estatais e internacionais da talla de Rozalén, Camilo, Estopa, Rafael, Loquillo ou Melendi. Porén, a pesar do ecléctico do cartel, moitos se preguntaron ao velo: onde están os artistas emerxentes de Galicia, e especialmente, onde está a música en galego?

É certo que o Perseidas está a contar con varios artistas de procedencia galega, coma Pablo Lesuit, Andrés Suárez, Xoel López ou Furious Monkey House, e mesmo con algunha cantante que emprega principalmente ou de cando en vez a lingua galega, coma Guadi Galego ou a concursante de Operación Triunfo 2018 Sabela Ramil. Pero isto non evita a sensación de que se trata apenas dunha excepción. Ademais, trátase polo xeral dos artistas galegos máis consolidados do panorama, e aínda así na maioría dos casos cumpren a función de ser teloneiros de artistas máis grandes. En todo caso, cinco dos nomes grandes do festival ficaron sen artista que os introduza, e outros dous contan para iso con  xente de fóra de Galicia, como é o caso da bilbaína Maren ou o malagueño David Rees.

Cartaz do ciclo de concertos

Que opinan as bandas emerxentes de música en galego desta situación? Por unha banda, para a vocalista do grupo de rock en galego Ith, Lucía da Fonte, isto é “nada novo baixo o sol”. “O obxectivo principal nestes eventos vese que é bater récords de afluencia, e non tanto ser o espello da cultura do país ou do descubrimento de propostas musicais que poidan sorprender dalgún xeito, e que igual non son tan coñecidas”, apunta a vocalista, e polo tanto “dificilmente contribúen a afastarse da endogamia”. “A administración sábeo e así o quere”, sentencia.

Por outra banda, Gonzalo Grela, o guitarrista e cantante do grupo de metal alternativo Broa, procedentes de Cerceda e que tamén empregan o galego nas súas letras, incide tamén nesta dirección. “Entendo que por detrás hai empresas que se adican a isto, pero creo que cando hai cartos públicos ten que haber unha porcentaxe alta de música do país e ademais na propia lingua, debería ser un criterio fundamental para concertos deste tipo”, comenta. En referencia a edicións anteriores do festival propiamente dito, apunta de todos os xeitos que “tiñan un cartaz, tendo igualmente moi pouca sensibilidade cos artistas do país, máis propio dun festival grande que pode haber en calquera parte do Estado”, criticando a presencia de “algún nome que hai por aí que non entendo nada, paréceme xente de radiofórmula que non pinta nada nun festival así”.

Un estilo menos frecuente neste tipo de festivais é o que practica o coruñés Corey coa súa banda de black metal en galego Lóstregos. O vocalista e baixista apunta que é “super importante que se aposte polas bandas de aquí e especialmente polos grupos que cantan en galego, porque ao final é o que mantén viva á nosa lingua, que se fale e que se empregue na música e en calquera tipo de arte, e debería ser primordial”. “Evidentemente”, recoñece, “os artistas grandes son os que moven máis xente, pero se pode tamén apostar por grupos locais que poidan acompañar a eses artistas, facerse un nome, aspirar a máis e subir máis para arriba. E así, a música en galego faríase moito máis popular”. Fai referencia a ausencia de teloneiros para varios dos artistas principais, ocos que se poderían ter empregado para dar a coñecer a novos artistas galegos.

Corey pon como exemplo o sucedido co festival coruñés Noroeste, celebrado dende mediados dos oitenta no marco das Festas de María Pita: “antes o Concello gastaba un montón en traer un artista, e logo a proposta cambiou, comezaron a facer concertos pequenos por toda a cidade con bandas de aquí, e logo traendo algún artista grande. E iso é o que hai que facer, apostar polos grupos de aquí, polos rapaces de aquí”. 

A pesar do variado do Son do Camiño Perseidas, cun cartaz con artistas de diversos estilos, é certo que moitos outros non están representados, como é o caso do metal. Isto é algo que grandes festivais coma o Primavera Sound xa levan anos solucionando, incluíndo a grupos de música extrema no mesmo cartel ca o indie, o pop e a música urbana con gran éxito, diversificando así o seu público e obtendo beneficios. “Se a música é boa, que máis da a etiqueta que lle poñas? Pódese disfrutar igualmente cunha canción de Oasis que cunha de Dark Funeral”, afirma Corey ao respecto.

Estas críticas, por suposto, non son exclusivas ao Son do Camiño Perseidas. É unha reclamación habitual que se ten feito a concertos de formato similar coma o Festival TerraCeo de Vigo. Este ano, o ciclo de concertos no auditorio Mar de Vigo comezou a incorporar máis artistas galegos ao cartel, pero os teloneros moitas veces nin son mencionados na publicidade do mesmo, e a lingua galega segue estando en boa parte ausente. Tamén sufriron as mesmas críticas eventos coma o Morriña Fest de Culleredo, que só contou cun teloneiro procedente de Galicia, o dúo de punk acústico en inglés True Mountains; ou o Pasatempo de Betanzos, que só contou cos teloneiros coruñeses La Banda del Camión, que cantan en castelán. Nin rastro, polo tanto, de música na nosa lingua. Esta situación ten espertado numerosas críticas, burlas e bromas en redes sociais, que apuntaron á contradición que isto supón co perfil galego e de proximidade que estes festivais intentan ter coa súa imaxe de marca.

Haberá que agardar ás seguintes edicións para ver se as administracións toman nota destas cuestións e incorporan a máis grupos galegos e en galego aos festivais. Polo momento, o violinista Ara Malikian, o rock de Loquillo, a rumba de Estopa ou o indie de IZAL ficaron sen un acompañante galego que poida impulsar e valorizar a música feita aquí, que é o único xeito de que se faga tan coñecida coma a dos artistas internacionais. A diversidade musical parece ser un horizonte claro de boa parte dos grandes festivais de música e isto pode ser algo moi positivo, e sen dúbida foi moi aplaudida a confirmación de moitos dos artistas máis destacados do Són do Camiño Perseidas. Porén, para moitos esta diversidade non está completa se non se inclúe, de xeito non cosmético se non plenamente integrado, a música de base que se está a facer en Galicia e na súa lingua propia.