Neste terceiro traballo de ITH podemos escoitar a súa persoal mestura de diferentes estilos de rock cantado en galego na súa máxima expresión. Ao longo das súas oito cancións escóitase rock duro, pop, rock alternativo… Todo iso cun especial protagonismo das guitarras e da voz da súa cantante Lucía da Fonte, dando lugar a un traballo con unha técnica impecable pero que á vez é sinxelo e accesible.
O quinteto radicado en Xanceda apostou por continuar a liña do seu anterior disco, O Mínimo que o Contén Todo (2018); un traballo breve, con temas de entre tres e cinco minutos ao longo de pouco máis de media hora de duración. O peso da guitarra solista é precisamente unha das características máis representativas do grupo, de xeito que se combinan estruturas propias do pop cuns solos potentes que non estarían desubicados sequera nun disco de metal. En todo caso, os teclados tamén teñen non pouca presencia, dándolle un toque distintivo a varios dos temas.
A pesar de que se trata dun estilo marcadamente melódico, é certo que a banda non tira cara aos clásicos lugares comúns para facer unha canción pegadiza. A sensación que da é que as cancións flúen coas letras, priorizando a expresión do que estas pretenden transmitir. O grupo trata principalmente temas tanto persoais coma sociais; dende as relacións entre adultos e nenos en “Aloumiños que festexan” ou a dor que provoca a enfermidade en “Faísca de cristal”, ata a necesidade da loita e o activismo en “Máis aló” ou a crítica social en “(Des)estimativa”.

Como resultado deste protagonismo do apartado lírico, onde por suposto o feito de que as cancións estean en galego é un valor a ter en conta, este non é un disco co que vaias ter memorizadas e machacadas todas as cancións na primeira escoita. Pola contra, é un dos que se prestan a que lles deas unhas voltas, prestando atención neste caso ao que os de Xanceda teñen que dicir. No referente á gravación, esta correu a cargo de Arturo Vaquero nos Abrigueiro Estudios de Friol, Lugo, coa produción a mans da propia banda. O resultado é un son pulido e equilibrado onde non se bota nada en falta e que complementa perfectamente a un disco destas características.
Non resulta doado destacar unhas cancións sobre outras, pero os dous adiantos que se fixeron do disco antes de que saíra, “Aloumiños que festexan”, co seu videoclip, e a homónima “Frear o momento”, que puidemos catar nun breve video de promoción para redes sociais antes de escoitar a canción enteira, son non en van dous dos temas máis memorables do disco. Tamén poderiamos resaltar entre outras a “O indefendible” ou á enérxica “Sen mirar atrás”. En conclusión, trátase dun disco dinámico e entretido, onde predominan os ritmos animados e bailables pero no que hai espazo para que os instrumentos musicais, nos que por suposto vai incluída a voz, teñan o seu momento para brillar tamén. En esencia, o selo de identidade dunha banda galega cunha dilatada traxectoria pero da que aínda temos moito que esperar, e sempre cumpren co esperado.