Ith veñen de Xanceda para Frear o Momento

Despois dun ano moi difícil para todos, non hai nada mellor que un pouco de música para deterse un intre, desconectar e desfrutar dun bo momento. Isto é o que consegue a banda de rock en galego Ith co seu último disco, titulado precisamente Frear o Momento. O quinteto insufla influencias do pop, do rock duro ou do rock alternativo nun estilo desenfadado e accesible á vez que potente e directo, perfecto para recargar as baterías.

A pesar de que os seus membros proceden de diferentes partes de Galicia, é na parroquia de Xanceda, en Mesía, onde teñen a súa base de operacións. Son polo tanto parte da prolífica escena musical da comarca de Ordes, que inclúe también a outros grupos tan coñecidos no panorama coma Machina (cos que teñen colaborado recentemente nunhas sesións en acústico), Zënzar, Kastomä, Superoito, Broa, Cabodano ou Dios Ke Te Crew. En palabras do guitarrista do grupo Miguel Iglesias, na comarca hai “unha especie de caldo de cultivo” ao haber “referentes musicais de distintas xeracións moi cerca uns doutros, o cal é perfecto para que florezan proxectos musicais”. A pesar de que os grupos son “ben diferentes entre si, hai moitas cousas que nos unen, como a lingua e infinidade de experiencias compartidas”.

Ademais, segundo conta a vocalista da banda, Lucía da Fonte, ensaiar nunha parroquia como Xanceda ten bastantes vantaxes: “sempre temos o local dispoñible a calquera hora e calquera día do ano, pois non o temos que compartir”. E ademais, “non é a primeira vez que, co bo tempo, ensaiamos ao aire libre. Iso é un privilexio enorme” que non poderían ter de ensaiar no centro dunha cidade, onde ademais a limitación de horarios adoita ser maior. Desprazarse ata o local de ensaio dende outros concellos non é ningún problema para os membros do grupo: “imos falando das nosas tolemias, escoitando as gravacións das novas composicións ou comentando detalles de próximos concertos e/ou anécdotas e, cando te das conta, xa chegaches”, conta Lucía.

Foto promocional de Ith

O grupo é xa veterano no panorama musical galego, téndose formado a finais da década dos 90. Porén, foi nos últimos sete anos cando sacaron os seus tres traballos de estudio: primeiro Forte en 2015, despois O Mínimo que o Contén Todo en 2018, e agora súmase este Frear o Momento. Estes anos coincidiron cun período de case total estabilidade na formación da banda, que funciona como unha unidade na que todos os membros están implicados no proceso de creación dos temas. Se cabe, agora o grupo está máis activo que nunca, dadas “as ganas coas que retomamos a composición logo de tantos meses sen poder ensaiar”, segundo conta Lucía. Isto fai que o ritmo de produción do grupo estea sendo aínda maior que antes.

A participación de todos os membros do grupo, que teñen formacións e experiencias diferentes, é un dos factores que explica a diversidade de influencias da súa música e o estilo resultante. Porén, no proceso compositivo non tira cada un para un lado, senón que consensúan a composición entre todos, e todos teñen que estar satisfeitos co resultado. Segundo explica a vocalista, “sempre buscamos que os temas nos satisfagan a todas. Se algún non o fai, mandámolo ao que nós denominamos ‘a neveira’. Isto quere dicir que se un tema se nos atranca por algún motivo, porque non nos convence, non nos acaba de soar, a algunha de nós non nos acaba de encher ou o que sexa, mandámolo repousar”. De todos os xeitos, este desterro de temas non sempre é definitivo, xa que “de aí a un tempo retomámolo e atopámoslle unha lóxica musical que nos convenza a todas”, engade.

Agora, co disco xa nas rúas, só queda darlle a xira de presentación que se merece, o aspecto se cadra máis complicado da promoción do disco dadas as circunstancias actuais. Xa en 2020 tiveron que adiar varias datas, e ao final só puideron tocar en Ourense e en Melide, pero sen público, en ambas ocasións só para o persoal dos locais. O primeiro concerto de presentación do álbum puideron dalo en maio na Sala Rebullón da parroquia de Tameiga en Mos, unha das poucas salas que acollen eventos deste tipo que seguiron a funcionar dende que comezou a pandemia, no marco da celebración do aniversario da propia sala. “A pesar de teren que estar as persoas sentadas e con máscara”, conta Lucía, “foi un subidón, eu creo que nunca desfrutamos tanto un concerto. Quedamos con moitas ganas de repetir a experiencia!”.

Alén deste directo de presentación só puideron dar un par máis polo momento, nos concellos de Moaña e Baños de Molgas. Porén, son optimistas ao respecto deste tema: “O regreso dos concertos véxoo cada vez máis factible. O sector cultural está demostrando que é un sector seguro, con profesionais responsables que saben e queren facelo ben”, di Lucía. Porén, “para iso precisamos de vontade política, para permitir cada vez máis eventos con todas as garantías sanitarias” e poder así retomar “o que máis botamos de menos”, que son os concertos, ou como lles chaman no grupo, “ir de excursión”.

Frear o Momento está dispoñible nas principais plataformas dixitais de música coma Spotify, Deezer ou Bandcamp, xunto co resto dos discos de estudio da banda, que tamén ten dispoñibles á venda as súas edicións en formato físico. Totalmente recomendables para calquera fan do rock e da música en galego.

Non esquezades ler a nosa recensión do disco aquí: https://roucoson.com/2021/09/11/ith-frear-o-momento-2020/