A axencia creativa galega Work On Sunday, coñecida por impulsar en Santiago de Compostela o festival Wos, está a organizar ás X21 Series, un ciclo de concertos co obxectivo de poder desfrutar en Galicia de espectáculos punteiros do panorama internacional. Coa colaboración da Xunta de Galicia e o Xacobeo 2021-2022, deron comezo na Coruña co concerto do músico británico Max Cooper o 4 de novembro, e agora continuarán en Compostela o vindeiro 10 de decembro da man de Kali Malone, Stephen O’Malley e Lucy Railton.
Neste concerto, a mestura de música electrónica e música clásica de artistas coma Malone e Railton virá da man do músico de metal extremo estadounidense O’Malley, coñecido por facer parte de bandas de doom metal coma Sunn O))). Presentarán por primeira vez no estado o seu espectáculo Does Spring Hide It’s Joy, definido como «unha soa peza que funciona como un estudo sobre a música non lineal». Foi creada en plena pandemia, e orixinalmente tiña unha duración de seis horas.
O obxectivo da organización do evento é, segundo indican, non só «atraer a Galicia algunhas das propostas internacionais máis sobresaíntes» da escena experimental, senón tamén, ao mesmo tempo, poñer en valor «o patrimonio material e inmaterial galego».
