Poucas persoas de Compostela encarnan tanto a figura do músico coma Óscar Ínsua, máis coñecido coma “Jumpin”. Este guitarrista con máis de 30 anos de traxectoria ten tocado todo tipo de música, e non coma mero afeccionado: despois duns comezos na mítica escena punk compostelá a principios dos anos 90, foi un dos primeiros músicos da península en prácticar, un estilo entón novo, o death metal, da man da banda Absorbed. Despois, a súa carreira levoulle por camiños tan diversos coma o de tocar rock progresivo con bandas coma Clan Moriarty ou o de colaborar con artistas de folk tan senlleiros coma Emilio Cao ou Brath. Pero unha cousa é clara, calquera guitarrista compostelán lle coñecerá ante todo por estar, xunto a Richard Rey, detrás do mostrador de Estudio 54.
Jumpin leva xa moitos anos traballando día tras día entre as guitarras da mítica tenda, pero a pesar de que, explica, o seu traballo diario dista moito da idea romantizada del que se pode ter, a súa paixón pola música non só non mermou, se non que segue sendo coma a o primeiro día ou máis. Falamos con el sobre a súa carreira e o seu traballo en Estudio 54 para coñecer as dúas facetas dun músico en toda regra.

Os teus comezos musicais son coa banda de hardcore punk Fame Neghra, nun momento en que agromaban na cidade máis bandas do estilo, coma Dirty Barrighitas ou Túzaros.
Si, era a finais dos 80, había moito punk, moito hardcore. E había aquí unha banda chamada SS Harlots na que tocaban o cantante e un guitarra de Fame Neghra. Buscaban baixista, porque o cantante tocaba tamén o baixo e dicía que quería sentirse máis libre. Entón eu lles dixen que me probasen de baixista. Era bastante noviño, tiña 17 anos, pero aprendín os temas e acabei entrando de guitarrista. Sabía os seus temas mellor que eles (risas). E entón cambiou o nome a Fame Neghra. Álex, o guitarrista da banda, que agora toca en Samesugas, foi un dos pioneiros en tocar tralla por aquí. Gravei dúas maquetas con eles, pero eu xa estaba moi metido no thrash metal, e marchei de Fame Neghra para formar a miña propia banda.
Xa tiñas formación musical, ou fuches autodidacta?
Eu son autodidacta, aínda a día de hoxe.
Axiña pasas ao metal da man de Absorbed. Os punks e os metaleiros son grupos tan estancos entre eles como se adoita pensar?
Hai unha cousa que eu penso que os metaleiros levan moi ben, que é que o metal é das músicas que máis lle debe a todas as demais. E moitos estilos de metal lle deben moito ao punk. Non é que fosemos punkis, pero se mesturaba todo mogollón, e estaba ben.
Con Absorbed buscabas tocar un estilo de música máis demandante a nivel técnico que o de Fame Neghra?
Hai unha cousa que digo sempre cando se fala de Absorbed como grupo de death metal técnico ou progresivo, que é que non era a propósito, non se buscaba. Era porque tocabamos así daquelas, porque nos gustaba de todo, o punk, o metal, e tamén o rock progresivo. Aquí, é que directamente a xente non sabía que era o death metal. Era imposible atopar cantante, nos primeiros anos acabei cantando eu. E non é fácil cantar death metal, está moi infravalorado. Pero iso, non foi un cambio buscado. Realmente Fame Neghra non era a miña banda, eu quixen montar a miña propia para darlle a miña visión. Para min o death metal ten un punto en común moi grande coa música clásica, con esa sensación grande e poderosa, como cando escoitas Wagner.
Absorbed foron pioneiros, pero logo houbo unha escena moi potente de death metal en Galicia.
Si, estaban Unnatural, Dismal, S.O.K… Logo xa no thrash, Scum, Xudef Klas…
En Compostela tamén estaba a banda de groove metal Embrace Me Ocean, e tes contado que foi o seu batería, Javier Gestal, quen che puxo o alcume de “Jumpin”.
Foi nunha sala de xogos, das que agora xa non hai. Eu xogaba sempre aí, eles baixaban os domingos, e eu estaba sempre cantando a canción “Jump in the Fire”, de Metallica. E eles non sabían como me chamaba, e dicían “ese, o que canta a de jump in”, e quedou ata hoxe.
A banda acabou dividida entre Cangas e Compostela, e se fixo imposible a súa continuidade.
A banda fundouse aquí, pero dimos un concerto en Cangas, e alí nun festi vimos a un batería, Lino Cordeiro, e eu dixen: “este batera ten que ser noso”. E fixen varias viaxes a Liméns, en Cangas, para convencelo. Acabou entrando na banda xunto co seu irmán Mario, e acabamos ensaiando alí, polo que había que facer esa viaxe en cada ensaio. E se aínda por riba a harmonía no grupo non ía ben… Deixaba de ser divertido. Hai xente que me di “se tivesedes aguantado seríades os Sepultura españois”… Non hai Sepultura españois, e menos iamos ser nós. Ademáis creo que eramos todos Cancer de signo do zodiaco, ao mellor tivo algo que ver (risas).

O teu seguinte proxecto é a banda de rock Clan Moriarty, e dende entón a túa carreira musical sería marcadamente ecléctica.
O de Clan Moriarty foi algo casual. Eu xa deixara Absorbed e andaba por un bar de rockabillys en Santiago, e coñecín a un baixista, Alejandro Castiñeiras, que me dixo que buscaban guitarra. Eran unha especie de Stray Cats galegos. E probamos, e coa entrada de novos membros convertiuse xa en rock progresivo. Logo fixen algunhas cousas de folk, con Brath, con Emilio Cao, algún rollo para o Xabarín, para tributos a Jackson Brown… Moitas colaboracións.
Como acabas recalando en Estudio 54?
A tenda fundouse no 2002, e eu era cliente de Richard, o dono da tenda. E el sempre me dicía, “ti tes que estar aquí conmigo”. E comecei traballar con el. Debo levar xa 15 anos. É un mundo moi especial, o da música e os músicos.
Alí traballas con guitarras todos os días. Converteuse o teu traballo nunha afición ou a túa afición nun traballo?
Eu a verdade é que saio de currar e estou na miña casa coa guitarra no sofá, sigo tocando. A xente ten unha visión distorsionada do que é traballar nunha tenda de música, nunha tenda de música o que máis fas é traballo de ordenador. E máis nestes tempos con tanta venda online, ás veces non se vende algo na tenda e si online. Entón tes que darlle movemento, facer fotos, moitas fotos, redes sociais… Non estás todo o día tocando a guitarra. Hai días que si, que tocas e que cambias moitas cordas, pero días en que en absoluto. Entón eu sigo tocando en casa. Porque realmente eu o que quero é tocar a guitarra. Todo isto do que falamos hoxe aquí foi porque eu quería tocar a guitarra. Eu escoitei un tema dos Sex Pistols e dixen “gustaríame tocar a guitarra”, e ata hoxe. Debeu ser o amor da miña vida. Caín aí, e aí sigo. E tiven a sorte de poder facer diso, un pouco, a miña forma de vivir. Da música en si non vive case ninguén en España, e se o fas, é un ano. E agora coa pandemia ata os músicos de sesión ben pagados tiveron que buscarse a vida.
Tanto na túa carreira musical coma na tenda estiveches e estás en contacto con moitas xeracións de músicos galegos. Cando é máis doado facer música, na época das casetes e os fanzines ou na de facebook e spotify?
Eu ás veces teño neuras, imos dicilo así, e escribo cousas nas miñas redes sociais que moitas veces logo acabo borrando, como algunha reflexión e tal. E unha vez escribín sobre este tema. Algo que a min nunca me importou moito foi o que se dixese de min, de feito saltei de tocar hardcore a death metal, e cando estaba ben considerado nese estilo fun a outro rollo que non tiña nada que ver. Cando estaba noutro rollo, volvín ao metal. E sempre me deu igual. Pero hoxe en día vexo aos rapaces… Que si os likes de Instagram, que si os likes de Facebook, que si suben un vídeo… Eu subo vídeos que poden ter 3 likes e 40 visitas e a min dame igual, vou seguir facéndoo porque a min gústame tocar. Pero agora as bandas mídense polos likes, non consegues contrato se non tes x seguidores en Spotify, etc. Ten que ser esgotador, desmotivante. Non hai que caer en pensar coma un “abuelo cebolleta”, pero a música como eu a coñecín xa morreu. Agora Metallica está vendendo un cursillo para ensinar a ser famoso. É que xa alucino (risas). Cando a música deixa de ser unha paixón e pasa a ser un negocio… É complicado.
Que diferencia Estudio 54 doutras tendas de música?
En Estudio 54 estamos dous chalados. Somos os dous moi apaixoados da música. É un negocio, porque precisamos vender para vivir, pero hai moita paixón. As guitarras mercámolas para nós. Mercámolas dicindo “bua, mira que bonita esta, habería que conseguila”, ou “isto é un guitarrón”. E vou á miña casa e sigo mirando guitarras, vendo que instrumentos tocaban algúns artistas… Non é un rollo de “vou traer as mellores guitarras e non teño nin idea delas”. Un empresario como é Richard, que é o dono, se quixese facer diñeiro, cambiaría a decoración da tenda e o poría todo en plan Guitar Center, para facer caixa. Nós emocionámonos con cada guitarra que vén á tenda, e ás veces ata nos fastidia cando se vende algunha cousa.

Esta entrevista tamén apareceu na edición impresa da revista STGO: