Os 25 discos galegos de 2021

Este ano, a pesar das dificultades provocadas por unha pandemia que aínda non damos quitado de enriba, foi en moitos aspectos un ano de regreso por todo o alto para moitas bandas galegas despois dun 2020 de parón. Así que tivemos doce meses inzados de grandes discos, tanto por parte de nomes xa moi asentados na nosa escena como de novos proxectos. Inclusive, de algúns que agromaron na propia pandemia.

Como non podería ser doutro xeito nunha escena tan boa e prolífica como é a do rock de Galicia, resulta moi difícil destacar só 25 lanzamentos. Porén, dende Rouco Son consideramos que este cuarto de centenar de traballos músicais merece unha especial atención pola súa gran calidade, polo seu caracter innovador, pola súa importancia para a escena no seu conxunto, ou mesmo por todo á vez. Así que aquí van os nosos 25 discos de 2021. Quedou unha lista ben variadiña! Non esquezades botarlle unha orella a todo e comentarnos que botades en falla. Vai en orde de data de lanzamento.

Rheia Gorecki – VVV

Rheia Gorecki é un dúo formado por Catu e Adrián en 2018, e radicado en Compostela. Este VVV é o seu primeiro traballo, un EP no que a calidade da súa música está a altura do seu impresionante deseño artístico, e xa é dicir. Catro temas dun rock alternativo ben potente, como non podería ser doutra maneira tendo en conta a experiencia de Adrián en bandas de black metal tan destacadas coma The Last Twilight ou Barbarian Prophecies. Sen dúbida, unha das grandes revelacións deste ano.

Atreides – Ordalía

Referencia absoluta do power metal galego, o cuarteto vigués Atreides saca con Ordalía o seu terceiro discazo, que toma o relevo de Neopangea (2017). Gravado, producido e masterizado polo guitarrista do grupo, Dany Soengas, xa dende o lanzamento de adiantos coma «Herederos de la fe», «Servet» ou «Flor de madrugada» puidemos ver o que se nos viña enriba. O disco conta, ademais, con colaboracións do primeiro nivel, como as de Alberto Cereijo de N.E.Ø e Los Suaves, Icko Viqueira de Aquelarre ou Emi Ramírez, excantante da propia banda e logo en grupos como Iron Hunter.

Noxo – Harmónica axitación musical

Pura punkarrada procedente da Estrada. Harmónica axitación musical é o primeiro disco do quinteto Noxo, e é toda unha declaración de intencións. Desenfadado, cañeiro, e en menos de media hora de duración. Acompañado, por suposto, por unha portada que lle vai como anel ao dedo. Que máis hai que dicir?

Ultraxe – Vol 1… Confinados !!!

E imos xa cunha verdadeira macarrada. Ultraxe é un cuarteto pontevedrés de death metal e grindcore, no que atopamos a membros de bandas como Demodeus, Impaled Corpses ou La Hija del Carroñero. Neste traballo, titulado Vol 1… Confinados !!!, expoñen o seu metal sucio e bruto como poucos. Non apto para frouxos!

Tenue – Territorios

Non veñen de Coruña, pero recollen a mellor tradición do crust punk galego na súa máxima expresión. E iso non é dicir pouco. Tenue son un trío da Guarda que xa se marcara un discazo tremendo co seu EP de 2018 Anábasis, e agora están rompendo aínda máis fronteiras co seu álbum Territorios, composto unicamente pola canción homónima de media hora de duración. Basta con escoitalo para entender o por que do tremendo alcance que están tendo tanto no noso país como fóra del.

Batea – Tampoco somos los Rolling

Tampoco somos los Rolling é o primeiro traballo do sexteto vigués Batea, un grupo que mestura o rock coa música tradicional galega. Este álbum instrumental, gravado nos Estudios Musicais Metrópolis, está inzado de pegadizas melodías onde a gaita, as frautas e o violín comparten protagonismo cos instrumentos eléctricos. Mención especial merece a orixinal presentación da edición física do «disco», nun pendrive con forma de mexillón incluído dentro dunha lata de conserva.

Lóstregos – Onde calan os corazóns, ruxen as pedras

Pouco máis podemos contarvos xa de Onde Calan os Corazóns, Ruxen as Pedras, o novo discazo do cuarteto coruñés de black metal Lóstregos do que xa fixemos unha recensión no seu momento. Podedes botarlle un ollo nesta ligazón: https://roucoson.com/2021/09/15/lostregos-onde-calan-os-corazons-ruxen-as-pedras-2021/

Inn Opiah, Mugre – Fronte a fronte

Imos agora cun disco compartido. E non é un compartido calquera, pois estamos a falar de dúas bandas compostas cada unha por un único membro: Mugre, de Vigo, e Inn Opiah, de Pontevedra. Dous artistas de estilos distintos, pois un fai death/grind e o outro fai punk rock, pero unidos por un mesmo espírito 100% faino ti mesmo. Un traballo que desborda tanta sinceridade coma potencia. Non o perdades!

Balmog – Eve

Balmog, cuarteto procedente de Soutomaior, é unha das bandas por excelencia do black metal galego. Con Eve sacan un novo discazo, apenas un ano despois do seu tremendo EP Pillars of Salt, onde non só continúan coa incorporación de elementos do death metal ao seu son, se non tamén do post punk, da psicodelia ou do metal máis tradicional. Ademais, cabe destacar a presencia de cancións en galego, tendencia que comezou forte en Pillars of Salt e que trae á memoria á banda precursora Inmacula Mortem.

Xerión – Lamento Luminiscente

E seguimos na órbita do black metal, pois entre finais de abril e maio encadeáronse os grandes traballos de bandazas deste estilo. E non podían faltar de ningún xeito Xerión, o dúo ourensán do que xa vos temos falado na nosa recensión do seu primeiro álbum, Nocturnal misantropía (2007), e na nosa entrevista ao seu membro fundador Nocturno. Porén, esta mención a Lamento Luminiscente, editado nun compartido cos mexicanos Ereshkigal, non fica completa sen mencionar tamén aos outros traballos lanzados pola banda este ano, Morgana e Ruína e Decadência. Non en van falamos dunha das bandas máis prolíficas do noso país en calquera estilo.

Bala – Maleza

Aínda que en Rouco Son procuramos destacar os traballos das bandas de base, non podemos senón falar do gran salto deste ano, o do dúo coruñés Bala, que xa xoga no máis alto con este Maleza editado por Century Media. O tándem formado por Ánxela e Violeta non para de medrar co seu asoballante metal alternativo. Seguro que xa o escoitaches, senón, non perdas máis o tempo!

Barbarian Prophecies – Horizon

Outro nome absolutamente fundamental do metal galego. Horizon é o quinto álbum de estudio completo do cuarteto lucense Barbarian Prophecies, que xusto este ano cumpriron 21 anos de traxectoria. O disco amosa á perfección o estilo de death metal melódico con elementos progresivos que levan practicando nos últimos tempos. Entre as cancións máis destacadas cabe mencionar o temazo «Morte negra», que ademais é o primeiro tema que os de Lugo editan en lingua galega. E, segundo nos contou o seu membro fundador Óscar na entrevista que lles fixemos, non será o último…

Dantalion – Time to pass away

Segue a cousa con bandas clásicas. E é que tanto Barbarian Prophecies, como Xerión, como as bandas precursoras de Dantalion e Balmog, Mydgard e Inmacula Mortem, tiveron á vez a súa fundación nos albores do novo milenio, sendo todas pioneiras do black metal en Galicia. Dantalion tivo tamén sempre un gran peso do doom metal, que pasou a ser o seu estilo claramente principal durante uns anos. Pero este Time to pass away é toda unha patada na cara de black metal, coma o seu predecesor The seventh wandering soul (2018). Para o álbum contaron co regreso dun anterior vocalista, Sanguinist, co seu persoal estilo de voces desgarradoras. Imprescindible escoita.

Pneura – O son da lareira

Este dúo de irmáns de Verín, Pneura, practica unha bestial mestura de death metal e crust punk. E este primeiro álbum completo, O son da lareira, non podería sonar máis crú e visceral. Gravado, mesturado e masterizado polo propio batería da banda, Jevy Gz, son 27 minutos intensos coma poucos, entre os que se albiscan riffs tremendos e memorables.

Negarte & The Muerto – Sand graves

Producido, gravado, mesturado e masterizado polo tamén guitarrista da banda Iván Ferro no mítico Kollapse Studio de Lugo. Sand graves é un discazo de post-hardcore escuro e experimental, no que se pode apreciar o legado de Ictus, a banda na que militaron Iván e o vocalista The Muerto. Trátase do primeiro álbum baixo o nome de Negarte, e tendo en conta o resultado só podemos agardar a continuidade deste proxecto.

Cru – A

Xa vos falamos do trío carralés Cru cando sacaron o vídeo do tema «Luces de Neón», incluído neste EP titulado A. O citado tema, xunto con «Ceives» e «Ogro», conforma este breve traballo que axiña terá a súa continuación e no que se mesturan o hardcore, o punk e o metal. Como di na propia portada: «moito ollo»!

N.E.Ø – Punto de no retorno

Imposible non comezar dicindo que este cuarteto inclúe a Alberto Cereijo e a Tino Mojón, guitarrista e batería de Los Suaves, e está asinado con Maldito Records. Punto de no retorno é o segundo álbum de N.E.Ø, despois de Objeto cercano a la tierra (2019), e lles fixo merecedores este ano do Premio Martín Códax da Música na categoría metal. O disco está composto por puro heavy metal e hard rock. Potente, melódico e, por suposto, impecable a nivel técnico.

Battosai – Battosai

Contundente e melódico rock alternativo. Battosai son un trío afincado en Compostela, e o seu primeiro álbum completo foi lanzado por Spinda Records. Aupado por sinxelos memorables coma a canción de apertura «Idiota», «Mentira» ou «6 A.M.», o grupo colleu voo por todo o alto con este disco. Botádelle unha orella!

Arctic – Arctic

Novo proxecto fundado en Ourense. Con este EP homónimo de catro cancións, o dúo Arctic amósanos o seu prometedor doom metal melódico, un estilo non moi prodigado nas nosas terras co que conseguen chamar a atención dende a primeira escoita á canción que abre o traballo, «Overcomed». Ficamos atentos aos seguintes pasos do grupo, porque teñen moi boa pinta.

Nuada – Deconstruír e refacer

Novo traballo deste cuarteto nado en Teixeiro, Curtis, en 2015. Ao longo dos 21 minutos que duran as sete cancións de Deconstruír e refacer, Nuada desata o seu rock punky e combativo, que xa puideramos catar en traballos anteriores coma Barullo Melódico. Especialmente recomendable é o videoclip do seu tema «Avante», gravado no polígono industrial da súa vila e adicado á loita dos traballadores de Sidegasa a finais dos anos 80.

Al Final Solo Habrá Cenizas – Nuestra propia destrucción

Nuestra propia destrucción é o primeiro traballo do novísimo dúo coruñés Al Final Solo Habrá Cenizas. Porén, os seus dous membros xa teñen experiencia previa en bandas de diferentes estilos como Saharah, Moura ou Cavalli. Neste disco atopamos un crust punk con elementos de sludge metal ou de hardcore punk. Catro cancións demoledoras que fan augurar un futuro prometedor para o proxecto.

Cruzeiro – Cruzeiro

Xa vos falamos no seu momento do lanzamento deste disco, o álbum debut homónimo do cuarteto coruñés de doom metal Cruzeiro. Collendo elementos de subxéneros como o sludge ou o stoner, a banda situouse con este disco á cabeza do doom galego e, como tal, non podían faltar nesta lista. Destacan especialmente temazos na nosa lingua como «Al-Quibla» ou «Balor, as sete pálpebras».

Xhamain – Na alma

Dende a súa estrea en directo en 2017 había unha gran expectación polo primeiro álbum desta banda viguesa de metal con elementos sinfónicos, góticos ou folk. E o certo é que Na alma é un álbum cheo de temazos, como «Eterna Soedade», «Soño de Inverno» ou a suite «Plenilunio». A impronta do mítico grupo vigués Fallen Sentinel, á que pertenceu o seu guitarrista e vocalista Rubén Alonso, «Palomo», é clara, aínda que o grupo ten o seu toque único coa adición de elementos da música celta.

Os Bar Ban Sónicos – Quimicamente impuro

Os Bar Ban Sónicos veñen do Barbanza e fan punk de garaxe, como se pode apreciar neste primeiro álbum completo Quimicamente Impuro. O trío da Pobra do Caramiñal formouse en 2018 e xa lanzara en 2020 un EP nesta liña, Alimentando o Nervio. Música de garaxe en estado puro, sen artificios, para os fans do punk máis rockanroleiro. Non ten perda posible!

Os Vacalouras – Xuventude Prexubilada

E rematamos esta lista dos 25 discos do ano co Xuventude Prexubilada dos Vacalouras, dos que xa vos temos falado en varias ocasións. Xa son unha das bandas máis míticas de Vigo (con perdón para Teis) por dereito propio, cuns case 15 anos de traxectoria inzados de temazos aos que agora sumaron «Acacia negra», «Tírate da Ponte de Rande» ou, como non, esa marabillosa colaboración con Quim Barreiros que é «O Samil é Portugal». Xa presentaron o álbum ante unha Sala Master ateigada, así que agora só queda mirar como a banda segue medrando e medrando todo o que lles corresponde, que é moito. Festa rachada!