Unha defensa do autotune dende o rock

A música en galego no seu conxunto pode dar un gran paso adiante este sábado na final do Benidorm Fest, gracias a Tanxugueiras. O trío de pandereteiras, xunto ao resto dun equipazo que inclúe ao produtor Iago Pico, que xa temos entrevistado nas nosas páxinas, podería facer soar por primeira vez a nosa lingua en Eurovisión. Xa de por si, este feito está dando lugar a multitude de debates de distinta índole, pero o que está claro é que sería unha gran noticia para a nosa música estar presente nun festival de alcance tan masivo. E a xulgar polo gran apoio que tivo a proposta das galegas entre o público, e a pesar do criterio do xurado, parece que esta presencia pode ser máis que posible. Porén, esta cuestión non é a única que está dando moito que falar en relación á preselección estatal de Eurovisión deste ano.

Tanxugueiras durante a súa actuación no Benidorm Fest

Tamén xerou moito debate, incluso aquí na escena rockeira de Galicia, a retirada de Luna Ki a última hora do proceso de selección, días antes de participar nese Benidorm Fest para competir pola praza en Eurovisión. A artista catalá argumentou que a súa abrupta saída se debeu á confirmación, tamén a última hora, de que non podería empregar determinados softwares de procesamiento vocal na competición, pola normativa da propio festival europeo. Independentemente das circunstancias exactas desta retirada, que está sendo bastante debatida en medios e en redes, isto devolveu á primeira liña a vella discusión sobre tecnoloxías como o autotune. É lexítimo empregalas? É mellor ou peor a música que as emprega? Ten a súa existencia consecuencias nefastas para a música?

Neste debate, realmente, as posturas están sobradamente desenvolvidas. O autotune e compañía, á fin e ao cabo, non son cousas novas, xa levan moitos anos máis que asentadas na industria musical, aínda que moitos se resistan a aceptalas. De feito, en Galicia xa vivimos un dos enésimos capítulos desta batalla en febreiro do ano pasado, cando as propias Tanxugueiras sacaron «Midas». Neste tema incorporaran fragmentos con autotune, na liña que levan seguindo especiamente este último ano de mesturar a tradición galega con sons máis actuais, como puidemos comprobar tamén en «Figa» e en «Terra», a súa proposta eurovisiva. E non foi pouca cousa a discusión, especialmente nunha escena dada moitas veces ao purismo como é a da música tradicional galega.

Foto promocional de Tanxugueiras

Aínda que as posturas sobre este tema sexan xa coñecidas, é destacable o feito de que o groso das persoas que saen en defensa do autotune sexan as máis vencelladas e seguidoras dos estilos onde o seu uso explícito é máis habitual, como poden ser certos estilos do pop, da electrónica, do hip hop ou da música latina. E moitas das críticas veñen de xente da órbita de xéneros onde este uso explícito aínda non é frecuente, como é o citado caso da música tradicional, e tamén o caso do rock e os seus derivados. Hai excepcións, por suposto, xa que, de feito, a canción da propia Luna Ki non deixa de ser en si unha canción de pop rock alternativo que verdadeiramente destacaba na tónica xeral do Benidorm Fest. Dende Rouco Son non queriamos deixar pasar a oportunidade de dar a nosa opinión sobre a cuestión como revista especializada en rock, punk e metal.

Por que se da entre moitos seguidores destes estilos ese rexeitamento ata visceral do autotune? O primeiro que cabe diferenciar é que este tipo de tecnoloxías poden ser empregadas de distintas maneiras: nas súas configuracións máis sutís resultan case imperceptibles, de xeito que corrixen as pequenas desviacións da tonalidade dun vocalista sen que se note apenas o truco. Neste aspecto, non é algo diferente a calquera outra técnica empregada no estudio de gravación, algunhas delas dende hai moitas décadas, para pulir a interpretación dun músico, dende a gravación e edición de varias tomas ata efectos que de facto disimulan certos erros, como a reverberación ou a distorsión.

Logo, nas súas configuracións máis extremas, cando a corrección da entoación é máis estrita, dan lugar a un efecto claramente audible de voz que poderíamos chamar robótica. Todo canto, por moi perfecta que sexa a súa entoación, ten unhas oscilacións naturais, as notas flúen en certo modo entre elas; corrixilas de xeito tan severo da lugar a ese son futurista e electrónico, que tanto se presta para certos estilos. Este tipo de uso, que é o que adoita desatar as maiores críticas, pasa de ser un mero mecanismo para facilitar a labor de gravación dunha canción a ser un elemento estético que pode chegar ata a ser fundamental e case imprescindible nun estilo, como pode ser o caso da distorsión nas guitarras do metal. Cabe destacar que se trata, en todo caso, dun uso totalmente honesto: todo o mundo que escoite a un cantante empregar esta configuración de autotune vai saber que o está empregando. Non hai trampa nin cartón.

Unha preconcepción falsa que moitas veces se ten deste xeito de empregar o autotune é a de que este efecto, por si só, fai que calquera cousa sone ben, e que polo tanto ata o cantante máis inepto é capaz de sonar ben gracias a el, «enganando» aos oíntes. Porén, empregar autotune non basta polo momento para soar aceptable, nin moito menos. Calquera pode facer a proba cun software de balde como pode ser Audacity, que dispón de plugins de corrección da entoación gratuítos: esta corrección non arranxa unha interpretación terrible; saber cantar de xeito minimamente básico segue a ser necesario.

É certo que facer soar ben unha interpretación desastrosa é posible con moito procesamento, e proba diso son os discursos de líderes políticos e demais personaxes públicos que son convertidos en cancións con obxectivos humorísticos, coa axuda de moitas ferramentas de edición de audio. Pero aínda así, o resultado é relativamente identificable e artificioso. Non é, dende logo, o caso dos éxitos dos grandes artistas que empregan o autotune, nin tampouco o caso de Luna Ki, que obviamente teñen un enorme traballo de produción detrás, pero tamén unha interpretación como mínimo competente. O feito de que esta última se negase a cantar o seu tema a capella na televisión, optando simplemente por recitar a súa letra como un poema, non axudou a despexar as dúbidas, pero é evidente que no estudio cantou moito máis ca iso para lograr o resultado final.

E en todo caso, realmente, cal é o problema de que facer música sexa cada vez máis doado? Por que se supón que isto tería que ser malo? Ao longo da historia, os avances tecnolóxicos foron permitindo que interpretar música estea cada vez ao alcance de máis xente. A invención do micrófono no seu momento, fixo que deixase de ser necesario cantar nun estilo operático, tecnicamente moi demandante, para poder encher co son dunha voz grandes espazos. No seu momento, os estudios de gravación requerían que a música fose gravada de xeito impecable en directo polos instrumentistas; agora, está ao alcance de cada vez máis xente ter un estudio caseiro con técnicas para gravar a músicas e músicos de xeito máis que competente sen a necesidade de que fagan as súas tomas perfectas á primeira. As baterías programadas electronicamente, outrora facilmente identificables, soan cada vez máis e máis parecidas a unha batería real.

Con cada avance, a creación musical vaise democratizando, e vai sendo cada vez máis accesible a máis xente, sen necesidade dunha formación custosa en tempo e recursos. E todos estes avances permitiron que aparecesen moitos novos estilos musicais, o rock entre eles. Fixo todo isto que desaparecese a música académica? Que ninguén quixese aprender música clásica por ser relativamente máis doado tocar rock? Non. Vai facer o autotune que todo o mundo deixe de aprender a cantar? Tampouco. De feito, hai hoxe moitos máis músicos formados e máis cultura musical que hai trinta anos. E seguramente, nos próximos anos aparecerán novas ferramentas que fagan que o proceso de crear e interpretar música sexa cada vez máis e máis doado. E iso será positivo, pois non irá en detrimento dos xeitos anteriores de facer música, senón que simplemente permitirá que apareza moita música nova por parte de novos compositores e intérpretes.

O curioso é que os seguidores do rock, do punk ou do metal non sexamos precisamente os primeiros en abrazar e aceptar as ferramentas como o autotune e os estilos que as empregan. A música que nos gustan foi mil veces despreciada, e aínda o segue a ser, con argumentos moi similares aos que se empregan agora para criticar o reggaeton ou o trap. Que é só ruído, que iso o pode facer calquera, que iso non é cantar… Sufrimos como ninguén esa incomprensión, e por suposto sabemos que esas acusacións son falsas. Pero non por iso podemos vingarnos aplicándoas a outros estilos, porque só pode volver na nosa contra.

Nós sabemos que hai moito rock, punk ou metal moi demandante a nivel técnico, pero tamén o hai moi doado de tocar, e non por iso é en absoluto peor. Todos veneramos a grupos que mesmo admitían ter unhas capacidades técnicas moi moi reducidas, que compensaban sobradamente noutros aspectos igualmente importantes. E do mesmo xeito, hai música urbana excelente feita por cantantes cunha técnica impresionante, e música urbana excelente feita por cantantes cunha técnica escasa. E tamén hai música urbana mala, igual que hai rock malo. Hai de todo en todos os estilos. É certo que algúns estilos do rock son tecnicamente máis demandantes que algúns estilos urbanos, pero iso non os fai mellores nin peores. Tamén adoita ser tecnicamente máis demandante a música clásica ou o jazz que o rock, e non por iso é necesariamente mellor ou peor.

Hai que asumir que toda música ten uns determinados obxectivos, uns determinados parámetros polos que ser xulgada, e en cada estilo son distintos. Hai música que está feita para ser pegadiza e bailable, e en tanto consegue ese obxectivo, é boa música. E seguramente, unha canción de black metal non sexa boa nese senso, pero si o sexa tendo en conta outros parámetros. Cada xénero ten o seu rexistro, e non poden ser xulgados todos por unha mesma medida universal; non se pode falar de música boa ou mala en abstracto, senón de música que cumpre ou non cumpre axeitadamente unha determinada función, e polo tanto é boa ou mala segundo ese criterio. Partindo disto, non hai estilos mellores ou peores, senón que todos teñen algo bo que aportar.

Por poñer outro exemplo, hai concertos de música trap onde realmente a música non se interpreta en directo, senón que o DJ a reproduce íntegra mentres que o cantante interactúa máis ou menos co público, interpretando ás veces pouco máis que frases puntuais. Pero isto é porque o que se busca ao acudir a un evento así non é presenciar unha interpretación impecable, senón estar nun determinado ambiente. Seguramente, o nivel de calidade técnica dun concerto de hardcore punk crú, intenso e sen artificios, tampouco se poida comparar ao dunha interpretación sublime dunha orquestra sinfónica á que o público asiste sentado para non perder detalle. E non pasa nada, é absurdo comparar calquera destes xéneros tan distintos. Todos se poden desfrutar en cada momento. Non nos teñen que gustar todos, por suposto, pero iso non é motivo para despreciar ningún.

Tamén temos que asumir que o tempo de máxima popularidade comercial do rock pasou, e agora tócalles a outros xéneros. Pero de verdade nos ten que importar que estilo concreto teña a máxima popularidade comercial neste momento? Ao final, o mainstream sempre foi mainstream, coas súas cousas boas e as súas cousas malas, e o underground sempre foi underground, coas súas vantaxes e as súas desvantaxes. E non podemos negar que o feito de que algo sexa underground tamén ten o seu encanto. Non todo pode nin debe ser o máis popular en todo momento.

Oxalá estes debates acaben por transformarse nunha comprensión mútua e unha colaboración cada vez maior entre as escenas dos diferentes estilos. Porque en Galicia temos unha escena tremenda de música rock, e tamén unha escena tremenda de música urbana, por exemplo. E canto máis nos axudemos entre ambas, mellor será para todos. Seguramente, máis cedo que tarde se combinarán con absoluta normalidade as voces con autotune e as guitarras distorsionadas. E oxalá en Eurovisión e en calquera festival mundial vexamos non só cancións en galego, senón tamén autotune, e tamén hardcore e metal extremo.