Mateo, de Teima: «A arte pode ser un mecanismo clave para transformar a sociedade»

Teima é un cuarteto de metal alternativo formado en 2018 en Vimianzo. A pesar da súa aínda breve traxectoria, os soneiráns acadaron co seu primeiro sinxelo e videoclip «Lume en espiñas» unha considerable repercusión, con miles de escoitas nas plataformas dixitais. Este tema foi gravado nos Estudios Mafia do Carballiño e está adicado ós afectados pola vaga de incendios forestais en Galicia en 2017. Agora estrean «Túa nai é meigha», baseada na canción tradicional «Eu chorar, chorei» e tamén acompañada de videoclip. A situación sanitaria impediu que poidamos desfrutar o tema en directo o 29 deste mes, cando tiñan previsto un concerto por todo o alto na Sala Malatesta de Compostela xunto aos muradáns Deleiba e os amesáns Biribirlocke. Pero máis cedo que tarde poderemos desfrutar desta cita nos escenarios.

Para ir matando as ganas mentres tanto, dende Rouco Son falamos cun dos guitarristas e vocalistas da banda, Mateo Pichel, que estivo entre os fundadores do grupo hai catro anos. Mateo fálanos dos detalles do seu último tema, os seus pasos e a seguir, e sobre a escena galega en xeral.

Fabio, Xaquín, Mateo e Pablo, nunha imaxe promocional de «Lume e Espiñas»

O voso primeiro tema e videoclip, «Lume e espiñas», tivo unha gran acollida. Segue a estar en forma o metal en Galicia?

Pois, a verdade, despois de case 10 meses da estrea de «Lume e espiñas», nós, nin nos nosos mellores soños, pensamos que iamos acadar tal acollida. A día de hoxe seguimos un pouco en shock. Non podemos estar máis contentos respecto a iso.

Podemos dicir que o metal dende que naceu tivo os seus máis e os seus menos, pero estamos lonxe de falar da súa morte. Isto podémolo aplicar tamén en Galicia ao meu ver, como a escena dende as primeiras bandas que xurdiron se foi moldeando e transformando segundo os contextos que ían aparecendo. Podemos, pois, dicir que o metal está en forma na nosa terra, con multiples bandas que van xurdindo e outras tantas que manteñen viva a súa chama, dende bandas máis ligadas ao metal máis extremo ou con tintes máis clásicos ou alternativos. Sen dúbida, hai onde escoller!

Nese «Lume e espiñas» escoitamos un metal alternativo que trae á mente a grandes bandas galegas do xénero, pero tamén cun gran protagonismo dos riffs de guitarra propio do metal máis clásico. Cales son as vosas referencias?

Poderiamos dicir que esta é unha pregunta ben complexa! Nós sempre dicimos que as nosas máximas influencias e inspiracións viñan da liña do metal que facían bandas máis “dousmileiras” da escena galega como ben pode ser Machina ou mesmo Nao, pero é evidente que, como individuos, cada un dos integrantes temos as nosas inquedanzas e diferenzas. Podemos dicir que as fontes das que bebemos son múltiples e pintorescas e, por que non, tamén clásicas. Non adoitamos encaixarnos en xéneros moi concretos, dado que igual temos temas con tendencias máis stoner, outros mais alternativos, e outros que tenden á esfera do punk. Supoño que o bonito do asunto tamén é atopar un certo equilibrio e, ante todo, pasalo ben tocando entre amigos.

Nas comarcas da Costa da Morte en concreto hai non poucas bandas de rock e metal que dan moito de que falar. Poderiamos dicir que hai unha escena propia?

Esta pregunta faime algo de gracia na vía en que se abre o eterno debate costeiro, “Muros, ser ou non ser da Costa da Morte, esa é a cuestión” (risas). Pois ben, se consideramos que Muros pertence á Costa, vemos como si que hai unha ben rica escena musical, con auténticos grupazos destas terras, como os nosos colegas Deleiba, Evil Bastards, Os desterrados, entre outras moitas, aínda que algúns destes igual pertencen máis á zona de Carnota, digamos que son límites difusos. Pero bueno, se nos baseamos na miña visión particular, eu son pro-acoller a Muros (risas).

Voltando ao asunto da pregunta, si é certo que pode que haxa unha escena crecente na Costa da Morte, e non só ligada ao metal ou ao rock, hai moito punk! Se botamos a vista atrás vemos como si que por aquí pasaron bandas moi boas que, por desgracia, por idade ou outras circunstancias nunca puiden ver, como puideron ser os camariñáns Materia, Demented ou Kelanse, ou os vimianceses ColDaySun, tamén mesmo, na parte de Cee e Corcubión, The Suffering. É certo que falar de grupos cunha única ubicación é complexo, xa que moitos deles estaban formados por xente de diferentes puntos da Costa da Morte.

Xa máis na actualidade, e para non enrollarme máis (risas), cabería mencionar a bandas costeiras coas que coincidimos nalgún momento ou temos unha boa relación, como ben poderían ser os Bastardos de Rivera, Lóstregho, ou Almánimal. Desta forma, se ben é certo que se está a crear unha escena costeira de música máis “duriña”, este vai ser, sen dúbida un frente ben amplo e con cabida a múltiples e diversos xéneros!

Que poderemos ver neste novo videoclip que preparastes?

Pois a este novo clip optamos por darlle unha dimensión máis narrativa, onde se nos vai contando unha historia “circular”. O tema en cuestión é a canción tradicional “Eu chorar chorei“, a cal collemos e tentamos levala ao noso rollo, intentando tamén enfocala dunha forma máis literal, pois moitas veces interprétase dunha forma máis lúdica ou en contextos de festexo, pero literalmente a letra fala de estar moi “fastidiado” un domingo pola tarde, cousa que realmente nos pareceu moi metal (risas). Tamén, optamos por un tema tradi polo feito de que parte dos membros de Teima, como eu mesmo, estivemos moi vinculados ao mundo da música tradicional ao longo das nosas vidas, e pareceunos unha referencia bonita a esta parte das nosas vidas.

No vídeo podemos ver como fío condutor da historia unha pedra que se pinta de “sangue”, a cal simboliza unha especie de “ritual” que invoca a tres entes que virían a representar como a tristeza ou a desolación, as cales comezan unha peregrinaxe ata o lugar onde nós nos atopamos, onde se desenvolve toda a acción, que culmina coa nosa transformación en pedra.

O video foi feito dunha forma totalmente autoxestionada e contamos coa colaboración, tanto no clip como no tema, das voces das compañeiras e amigas da banda Adela Dios, Emma Curra e Noa Pichel. Na rodaxe botáronnos unha man tres grandes amigos do grupo tamén, quen xa nos axudaran no de Lume e Espiñas, Raúl Parga, Manuel Rincón e Roberto Miñones, e a montaxe do mesmo foi a mans do noso super batera Pablo Alvite. Tamén cabe facer unha mención especial ás estatuas que nel aparecen, así como ó taller de escultura, o cal pertence ao artista vimiancés Suso Vimianso, así o podedes atopar no Facebook, quen estivo disposto dende o principio a axudarnos e a prestarnos todo o seu traballo artístico, o cal non ten desperdicio!

Portada do novo sinxelo

No voso anterior tema tratabades o tema dos incencios forestais en Galicia, e tedes apoiado outras causas, como a do Santuario Vacaloura cun concerto benéfico. É importante que as bandas se posicionen nos conflitos sociais?

Eu estou bastante convencido de que a arte pode ser un mecanismo clave para transformar a sociedade, e se esta ferramenta se pode usar para facer visibles problemas da realidade que compre revisar ou que poderían facer do mundo un lugar máis xusto, debemos facelo. Claramente non digo que a arte teña que responder sempre a estes parámetros, pois tamén a entendo como un reflexo da sociedade mesma, pero creo que si está ben utilizala como medio para abrir certos “melóns” que as veces semellan moi duros. Polo tanto, penso que si é importante que os grupos, neste caso, se posicionen ante situacións de inxustiza ou teñan unha visión clara en certos temas, e considero que os meus compis de banda teñen unha visión bastante semellante a esta.

Cando chegará o voso primeiro traballo completo? Que plans que nos poidades contar tedes para el?

Voltamos a unha cuestión ben complexa (risas)! Ben é certo que temos xa un número aceptable de cancións propias, o óptimo sería chegar a sacar un LP no que as poidamos recoller, pero isto é unha visión a longo prazo, dado que a realidade actual é que a situación dos músicos en Galicia, tras a crise sanitaria que levamos vivindo estes anos, é un auténtico desastre. Estamos, pois, plantexándonos mirar vías de financiación alternativas aos concertos para poder chegar a ese obxetivo, o cal, como digo, sería o ideal. Polo de agora isto é todo o que podemos dicir respecto a un futuro disco.

Aínda que, finalmente, a situación sanitaria impediu que se celebre na data prevista a finais deste mes, tedes pendente un concerto na Malatesta de Compostela con Deleiba e Biribirlocke. Como xurdiu esta xuntanza? Buscabades concretamente compartir táboas con máis grupos de rock en galego?

Si, é un concerto que nos facía un montón de ilusión, por tocar con grupos tan bos e cos que gardamos unha moi boa relación, pero, por desgracia, dada a situación que estamos a vivir, tivemos que adialo. É unha auténtica pena polo feito de que este concerto xa ía ser cando a pandemia comezaba, o cal fixo que xa o tiveramos que pospoñer para este ano, e agora tócanos outra vez a incertidume. E, por suposto, non cerramos as portas a tocar con outros grupos, sexan do xénero que sexan, consideramos que podemos aprender un montón e pasalo ben con case calquera banda que queira tocar con nós e así seguir medrando como grupo.

Tamén tedes tocado con Nuada, con Grilo… Semella claro que hai unha boa xeración de bandas que se moven no ámbito do rock ou do metal alternativo en galego coas que compartir escenario. Alguén máis que teñades pendente?

Si, sen lugar a dúbidas. Para nós foi un auténtico pracer compartir escenario con bandas como Nuada, cos que mantemos unha relación bastante estreita de amizade, ou Grilo, as cales, por suposto, tamén nos inspiran para seguir adiante co noso proxecto. E si, por suposto que temos pendente compartir escenario con máis bandas, molarianos moito e si que estariamos todos de acordo se digo que nos encantaría tocar con Broa ou Machina e, por suposto, con Dioivo, «guiño, guiño» (risas). A verdade e que non renegamos de ninguén, estamos abertos ao que veña e a quen lle pareza ben.

A banda en acción

A pesar da vosa recente formación e da situacion sanitaria, xa tedes dado varios concertos. Que tal sobrelevastes o impacto da pandemia neste senso?

Pois desde o comezo da pandemia tivemos a sorte de poder tocar en dúas ocasións. A primeira foi no Chiringuito de Xan e Lore en Louro, onde fixemos un acústico un pouco máis “íntimo”, e o outro foi na Gentalha do Pichel en Compostela, xunto coa nosa colega Zeltia. Este último foi o concerto benéfico para axudar ao Santuario Animal Vacaloura. Está claro que, a pesar de que si nos vimos obrigados a parar un tempo e a sacar forzas para seguir adiante despois do bache da pandemia, probablemente non nos vimos tan afectados como outros grupos cuxos membros son de zonas diferentes de Galicia ou mesmo grupos que vivían de dar concertos, pois nós, polo de agora temos os nosos estudos e traballos a parte do grupo, sendo algo que facemos como hobby. Gustaríame facer aquí unha mención especial a grupos como Grilo ou Golpe Radikal que si estiveron parados e, tendo en conta o mal que nós o pasamos neste tempo, non me quero nin imaxinar como tiveron que estar eles.

Ademais de realizar ese concerto pendente na Malatesta, cal serán os seguintes pasos do grupo?

Pois a pesar de que non temos nada acordado, temos algunha cousiña pendente por aí para pechar en diferentes zonas de Galicia, a ver se agora ao sacar o clip comezamos movernos un pouco máis para presentalo en condicións en directo, sempre que a situación sanitaria o permita. Imos intentar fluír un pouquiño coas circunstancias a ver a onde nos leva a corrente!