A Sala Filomatic da Coruña baila con Noxo e Black Crab

Con fotos de Inés Duport.

O pasado sábado, a coruñesa Sala Filomatic acolleu o concerto dado pola banda punki estradesa Noxo e a banda coruñesa de rock duro Black Crab. Os dous grupos aproveitaron a situación de relaxamento xeralizado das restricións sanitarias para dar caña xuntos ante un público entregado, presentando ao vivo as cancións dos seus respectivos traballos. Rouco Son estivo alí para contarvos e ensinarvos como foi o seu directo e, como non, para bailar e desfrutar do rock ao vivo que ambas bandas derrocharon.

A primeira quenda da noite foi para o cuarteto Black Crab, que comezou a súa andaina en 2019 e que conta cun EP homónimo gravado ao vivo subido nas plataformas dixitais. Dende o primeiro momento ficou claro que estabamos ante unha banda de hard rock ao estilo máis clásico, rendendo homenaxe cos seus riffs aos grandes nomes do xénero. Ao longo do concerto, os coruñeses foron alternando as cancións máis heavys con outras máis suaves e blueseiras, garantindo que o seu son fose, si, clásico, pero non estático nin aburrido.

Black Crab no escenario da Filomatic. Por Inés Duport

Cabe destacar, por unha banda, os xogo entre os dous guitarristas Hugo e Gon, cumprindo tamén este último o papel de vocalista ocasionalmente. Este rol, en todo caso, estivo desenvolto principalmente polo tamén baixista Suso, coa súa voz rasgada propia do xénero. As súas catro cordas tamén tiveron ocasión de brillar con varios momentos solistas ao longo do concerto.

O baixista e vocalista Suso, con Hugo detrás. Por Inés Duport

A batería, por outra banda, ficou a cargo de Dani, que dirixía as cancións principalmente con tempos medios e lentos, pero tamén con ocasionais momentos rápidos nos que incluso tiña ocasión de empregar o dobre pedal, para maior variedade. De feito, a banda reservou para o final a canción máis rápida, unha interpretación do clásico de Motorhead «Ace of Spades», coa que despediron o concerto ao grande. Rematou así unha actuación dinámica, fiada coa naturalidade no escenario que amosaron os músicos, e que da ganas de escoitar un traballo completo en estudio do cuarteto, que aínda está por chegar.

O cuarteto, durante o concerto. Por Inés Duport

Colleu a testemuña ante o público que ateigaba a Filomatic o quinteto Noxo, fundado tamén en 2019 e cun álbum ás costas, Harmónica Axitación Musical, lanzado en 2021. A banda practica un punk rock accesible, melódico e garaxeiro, no que se alternan as cancións políticas e combativas con outras máis humorísticas e irreverentes. Unha das cousas que primeiro chama a atención da banda no escenario é a súa formación con dous vocalistas, Xoán e Sito, cumprindo este último tamén o papel de guitarrista rítmico. Os dous cantantes ían alternando o seu protagonismo nas diferentes cancións, cada un co seu estilo particular, sendo esta unha das señas de identidade máis características do grupo.

Noxo na Filomatic. Por Inés Duport

O outro guitarrista do grupo é Vicente, que tivo o seu protagonismo cun considerable número de momentos solistas dentro do que é habitual no estilo. E completan o quinteto Lois no baixo e Román na batería. A formación ao completo tiña un son pulido e compacto, que facía desfrutar aínda máis a enerxía e o bo rollo dos seus temas. Ao igual que Black Crab, os estradenses souberon alternar os temas máis tranquis cos máis punkis e cañeiros, se ben o público, que coñecía ben as letras das cancións, vibrou igualmente con unhas e con outras. Incluso houbo algún pogo, co que se botan de menos nesta nova normalidade…

Sito e Lois, de Noxo. Por Inés Duport

As cancións, coa brevidade propia do punk máis clásico, ían fluíndo unha tras outra entre as presentacións e as bromas de Sito e Xoán. Destacaron, por exemplo, o enérxico tema contra o profesor da USC finalmente cesado de emprego e soldo Luciano Méndez, «Vaite xa!»; a máis riffeira e disonante «Velutina»; ou a ironicamente máis tranquiliña «Fendekabezas», que conta cun videoclip animado dispoñible na canle de Youtube do grupo. Tamén houbo tempo para versións, coma o «Should I Stay or Should I Go» de The Clash, claro, en galego. E para o final ficou a rápida e pegadiza «Anomalías gravitatorias». Todas elas, por suposto, ben bailables, para o gusto do público, ao máis puro estilo festivaleiro.

En definitiva, foi un concerto divertido e enérxico, dos que tanto se botaron en falta durante estes últimos dous anos tan difíciles para a música ao vivo. Fica por ver agora cal será o seguinte paso tanto de Noxo como de Black Crab, que polo momento seguirán dando concertos polo país. Pero a xulgar polos temas aínda inéditos que se presentaron no concerto, podemos agardar moi bos traballos por parte destas dúas bandas. Ficamos atentos!

O guitarra solista de Noxo, Vicente. Por Inés Duport