Grima e Bala suman forzas no novo sinxelo «Sed»

Dous dos dúos que máis están dando que falar da escena galega dos últimos anos, Grima e Bala, que xa tiñan amosado previamente a súa boa sintonía, colaboran por fin no novo tema «Sed». Esta canción é un adianto do próximo traballo de Grima, que se titulará A ver ahora e que a banda pontevedresa presentará cunha xira por salas que está a piques de comezar, e que a partir do 25 de febreiro lles levará por toda Galicia ademais de por Portugal, Cataluña, Madrid ou Andalucía.

Grima ao vivo

O videoclip que xuntou ao dúo pontevedrés coas coruñesas Bala, que veñen de sacar un álbum, Maleza, coa mítica discográfica Century Media, foi dirixido pola propia batería de Bala, Violeta Mosquera, e editado en conxunto con Marcos Vázquez. Consumouse así unha das colaboracións máis esperadas da escena musical galega. A promotora de Grima, Galunk Producións, define este traballo como «un tema agresivo e enérxico cun videoclip á súa altura: oscuridade, sangue, ritmo frenético, coitelos e calaveras», que «non deixará indiferente a ninguén». O sinxelo xa está dispoñible en Youtube e tamén en todas as principais plataformas dixitais.

Aínda que fan estilos distintos, ambas bandas se caracterizan por mesturar en diferentes medidas rock alternativo, punk e metal, e tamén alternan temas en castelán ou en inglés con outros en galego. Xa puideramos ver guiños entre ambas, por exemplo, cando as coruñesas mencionaron a Grima na súa entrevista con David Broncano en La Resistencia. Cabe ver se chegarán a compartir escenario interpretando a súa colaboración nesta xira de presentación de A ver ahora, o seu segundo traballo completo de estudio despois de A ver a que sabe, e que despois de adiantos como «You choke me» ou este «Sed» cada vez hai máis ganas de escoitalo na súa totalidade.