Thais Suki: «Déixome fluír, non me encerro pensando en se vou facer pop ou vou facer rock»

Thais Rudiño é unha cantante e compositora amesá que hai dous anos comezou a súa carreira en solitario baixo o nome de Thais Suki, logo de ter feito parte de varios grupos de rock galegos. Tomando o nome do alcume agarimoso co que lle chama a súa familia dende pequena, a vocalista aposta por un pop rock cañeiro, no que mestura as baladas coa súa afición polos sons máis duros. Foi con estes últimos cos que se deu coñecer a nivel estatal en 2016 como concursante do concurso de talentos La Voz en Telecinco, destacando pola súa voz potente e rasgada e chegando ser finalista como parte do equipo de Alejandro Sanz. Porén, dende entón ten demostrado ser unha cantante moi versátil, que se atreve con diferentes estilos e cunha traxectoria que vai moi alén da súa participación no programa.

Como artista en solitario ten editados varios sinxelos, e tamén comparte de cotío interpretacións tanto de material propio como de versións nas súas redes sociais ou na súa canle de Youtube. Ademais, foi membro de grupos como Ith, cos que gañou en 2011 o concurso de bandas do Millarock, ou Supernatural, agrupación que compartiu con membros de destacadas formacións galegas de rock duro e metal, como Dani Lemos de Nocheni ou Fran Almodóvar e Suso Valcárcel de The Mirage. Con esta banda, que naceu en 2015 e rematou a súa andaina en 2019, editou un álbum con dobre versión, Nada que Fingir en castelán e Nothing to Pretend en inglés, que tivo unha gran acollida entre o público e os medios especializados. Ademais, tamén estivo en proxectos como o de Mulleres Galegas Kañeras, participando nas cancións “Somos” e “Conciénciate xa!” xunto a decenas de músicas galegas, e foi profesora da Casa do Rock en Compostela.

Agora, ademais de levar adiante a súa carreira musical, tamén é parte do profesorado da academia de Comando G, un concurso de talentos de celebridades da Televisión de Galicia co que a artista amesá regresa á televisión despois do seu paso por La Voz. Falamos con ela para que nos conte máis detalles sobre a súa traxectoria e os seus vindeiros proxectos.

Thais Rudiño

A pandemia ralentizou os teus proxectos en solitario, que comezaron en 2020 con sinxelos como “Cansada” ou “Quiero ser”. Cando poderemos escoitar o novo sinxelo de Thais Suki?

Pois agardo que en poucos meses. A pandemia parou moito as engrenaxes do proxecto; hai moitas cancións esbozadas, e voltar arrincar todo está levando o seu traballo.

Actuaches en acústico recentemente no Milladoiro como parte da programación de Nadal de Ames, pero tes comentado que o teu plan é comezar a amosar os teus temas tamén en eléctrico. Algo que nos poidas avanzar ao respecto?

Ando “reclutando” aos músicos que me van acompañar nesta viaxe. O que quero, é empezar a rodar todo de cara o verán, e tendo fe de que os concertos e eventos volvan ser como antes. Todo o mundillo quedou moi descolgado por esta situación pandémica.

Tanto nos concertos como na túa canle de Youtube combinas os temas orixinais coas versións. Vas seguir mesturando ambas facetas ou vas priorizar as túas composicións propias?

Mentres presente os meus temas, seguirei incluíndo algunhas versións nos concertos, pero cada vez menos. A prioridade pouco a pouco, será dar importancia aos temas propios.

Co lanzamento de “Cansada”, comentaches en entrevistas que querías facer algo distinto ao estilo de rock duro co que te diches a coñecer inicialmente, para amosar a túa versatilidade. Poderíamos dicir que é un reto superado?

Levo dende os meus comezos musicáis cantando un estilo moi agresivo, e versionando temas do metal, heavy, rock,…. Quero ir máis alá, pero sen renegar do rasgado vocal, que é algo que me caracteriza. Con isto non digo que me deixaran de gustar eses estilos. Escoito e intento compoñer de todo.  Máis ben é que me deixo fluír, non me encerro pensando en “vou facer pop, ou vou facer rock…”.

Antes da túa carreira en solitario fuches parte de bandas como Supernatural, con músicos de bandas de rock duro e metal como The Mirage ou Nocheni. Hai uns poucos meses publicaches unha versión ben heavy do “Blow” de Ed Sheeran coa colaboración do produtor Iago Pico ou do teu compañeiro en Supernatural Suso Valcárcel. Así que poderíamos dicir que é un mundo ao que segues vencellada, non?

Facer esa cover foi un pracer! Con xente de 10 e súper profesional. Estou desexando que me lien para outra aventura musical. O tema do rock e demais estilos cañeiros, é algo innato, pídemo o corpo! Pero é como dicía antes, non me fecho en banda pensando que teño que compoñer “tal cousa”, ou “tal outra”. Se me sae algo potente encantada, e se sae algo tranquilo pois tamén. O que non me gustan son as etiquetas.

Outra banda á que pertenciches na túa traxectoria foi Ith, coa que gañaches o concurso de bandas do Millarock en 2011. Fan falla máis iniciativas a nivel institucional como estas para promover a música rock galega?

Fai falta máis apoio á música e aos músicos en xeral. Abrir a mente e as orellas a máis estilos. Non deixa de ser unha forma de expresarse, unha arte. Merece respeto e merece ser coidada.

A cantante participa no programa da TVG Comando G

E xa para rematar, ademais da túa traxectoria estritamente musical, recentemente volviches á televisión, despois do teu célebre paso por La Voz en 2016, da man do programa Comando G da TVG. Que tal está sendo a experiencia?

Pois é algo diferente, algo que nunca fixera, saír da miña “zona de confort”. Podería dicirse que nel teño unha especie de rol de actriz; e estou encantada por esa oportunidade que me brindaron. Foi moi divertido. Graciñas pola entrevista, unha aperta grande!