Acouga estréase co videoclip de «Novo paradigma»

A nova banda Acouga, de Pazos de Borbén, acaba de estrear o seu primeiro sinxelo e videoclip, «Novo paradigma». Este tema foi gravado en Cimática Studio con Mahi Ferradás de Broa, e conta cun vídeo animado realizado por Kike Chouza con ilustracións de Anxo Pérez Peixoto. Xa podedes velo na súa canle de Youtube e ao final desta mesma noticia!

Acouga é un cuarteto que se comezou xestar en 2019, e se definen como post-bravú, como o álbum de Machina de 2009 con ese nome. Algúns dos seus membros fan parte tamén de bandas como Sete Cuncas ou Argholletas.

O baixista do grupo, Luís González

Neste primeiro sinxelo podemos escoitar un rock alternativo potente á vez que melódico, que logo incorpora elementos do hardcore e o metalcore. Todo isto, por suposto, en galego. O vocalista principal da banda, o xornalista Gabri Fuentes, mestura as voces limpas cos berros máis hardcoretas, mentres os riffs de Carlos de Castro e Luís González e os ritmos de David Martínez oscilan tamén entre as partes suaves e as máis potentes, creando uns contrastes que lembran a outros grandes grupos de rock e metal alternativo galegos, como pode ser o caso de Nao ou os xa mencionados Machina e Broa. De feito, membros de Acouga colaboraron con estes últimos en directo durante a xira de presentación do álbum Cucú dos cercedenses.

Con este primeiro tema, non cabe dúbida que os de Pazos de Borbén comezan pisando forte. Estamos atentos aos seus seguintes pasos!