Arrhythmia presenta por todo o alto o seu novo álbum na Malatesta de Compostela

Con fotos de Inés Duport.

O pasado venres 25, os lucenses Arrhythmia presentaron por fin o seu agardado novo álbum, titulado I. O concerto foi na Sala Malatesta de Compostela, logo de ter sido adiado por mor da pandemia, polo que a expectación era, se cabe, aínda maior. Rouco Son non quixo perder unha cita tan sinalada, así que alí estivemos, entre o nutrido público que asistiu (notábanse as ganas de concertos), para contarvos como o vivimos.

O público ateigou a Malatesta. Foto de Inés Duport

O convidado especial do grupo encargado de quentar o ambiente da Malatesta foi O Rabelo, coa súa mestura de música tradicional e música urbana, por suposto, en galego. O pandeiro cadrado e o canto tradicional mesturábanse á perfección cos samplers, os sintetizadores e os ritmos do hip hop, do techno ou da música latina, dando lugar a unha música que tanto servía para bailar unha muiñeira como para perrear, para gusto dos asistentes. A pesar da diferencia de estilo con respecto a Arrhythmia, o Rabelo soubo manter o interese do público cos seus beats variados e as súas letras reivindicativas, que en ocasións tomaban prestados fragmentos de cancións tradicionais como «Palmira» ou «Por baila-la mazurca».

O Rabelo no escenario da Malatesta. Foto de Inés Duport

Chegou despois a hora de Arrhythmia, que saíu ao escenario coa combativa «Karma», pertencente ao novo álbum que presentaban ese mesmo día. A pesar da novidade, o público estivo entregado dende o primeiro minuto, berrando e saltando ao ritmo da música do grupo, que mestura o rock alternativo, o metal e mesmo outros estilos como a música electrónica. As bases electrónicas tiveron precisamente un considerable peso ao longo do concerto; tamén chamaba a atención a decisión do grupo de non empregar amplificadores de guitarra tradicionais, logrando así pola súa banda un son moderno que combinaba ben co estilo das cancións.

Foto de Inés Duport

Os de Lugo optaron por continuar cos temas novos con «Como Sangro», para logo dirixirse ao público e dar paso a un dos seus temas máis míticos: o sinxelo «Voltarán», un tema que amosa á perfección o estilo melódico e lírico, que en ocasións ata borda o hip hop, das cancións do grupo. Seguiulle «Mil xeitos», un tema do seu traballo titulado II, de 2016 e predecesor como tal deste I (aínda que polo medio a banda publicou numerosos sinxelos, como o antes mencionado).

Tivo lugar neste momento o primeiro dos varios cambios de guitarras do concerto, que deu paso ao tema do último videoclip lanzado polo grupo, «Furacán». A pesar de ser tan reciente, os asistentes corearon o retrouso como se fose xa un dos clásicos do grupo. Seguiulle, con saúdo a Valencia incluído, «Planeta Alerta», outro videoclip lanzado en adianto ao álbum que na súa versión de estudio conta coa valenciá JazzWoman. O vocalista do grupo, Alberto, aproveitou a ocasión para desfacerse temporalmente da súa guitarra e así moverse polo escenario coa liberdade que da só portar un micrófono.

Foto de Inés Duport

Chegados a este punto tivo lugar unha das sorpresas da noite, a colaboración do guitarrista Miguel Duarte, coñecido tamén polo seu traballo de deseño en A Cadeira Eléctrica, que traballou con bandas como Nao, Tanxugueiras, Sumrrá, Broa ou Battosai. Con el, o trío de Lugo interpretou «Diñeiro», un tema do seu primeiro traballo, III, un EP lanzado en 2012. Outro punto destacable do concerto foi a interpretación do grupo do mítico «Du Hast» de Rammstein, no que interpolaron outras cancións, como o «Así me gusta a mi» de Chimo Bayo.

Foto de Inés Duport

O concerto xa ía chegando ao seu fin, e o grupo reservou para isto boa parte da súa artillería pesada: a antepenúltima canción foi «Espertei», o primeiro videoclip de adianto do novo álbum, que tivo unha espectacular acollida ata o momento, como se demostrou por parte do público do concerto. Despois do amago de saír do escenario de rigor, o grupo non podía senón volver para interpretar dous dos seus temas máis míticos. Non podían ser outros que «A forza da razón», orixinalmente con Rebeliom do Inframundo, e «A cea dos malditos», orixinalmente con Pepo, cantante da banda asturiana Desakato; dous sinxelos, de 2017 e 2018 respectivamente, que son seguramente os temas máis coñecidos dos de Lugo.

Foto de Inés Duport

Finalizou así por todo o alto un concerto que, tanto polo consolidados que están Arrhythmia por dereito propio como polas ganas que os seus fans tiñamos de desfrutar dun directo como deus manda despois de tanto tempo, foi espectacular. Así que non podemos decir outra cousa que que xa temos ganas doutro novo traballo de Arrhythmia. Despois destes III, II e I… que será o seguinte? Ficamos atentos!