Deleiba e Battosai tocan este sábado na Filomatic da Coruña

O vindeiro sábado 12 de marzo, a coruñesa sala Filomatic será testemuña dunha dupla que une a experiencia e frescura do rock galego actual, a formada por Deleiba e Battosai. Cunha cronoloxía paralela, ambos proxectos inician as súas andainas en directo en 2019 para presentar os seus primeiros temas. Anos máis tarde, Battosai e Deleiba enfróntanse ao reto de medrar, evolucionar e gañar adeptos en salas emblemáticas da xeografía galega como é a Filomatic.

Deleiba na Salasón. Foto da nosa colaboradora Inés Duport

Deleiba chega dende a Ría de Muros cunha xira por salas antes das citas festivaleiras estivais. Tras gañar o concurso de bandas de Cuac FM no 2019, Deleiba volve á Coruña seguindo unha travesía que tamén pasará por Melide, Compostela ou Xixón. Nelas, presentarán un directo renovado cos últimos sinxelos da banda, Erguerse (2021) e Alegre Falsedad (2022), ambos producidos por Iago Pico, produtor de Tanxugueiras, que xa temos entrevistado nas nosas páxinas. A banda une punk rock con elementos máis actuais nunha proposta, como eles mesmos afirman, «creada por e para o directo».

Battosai ao vivo na sala Kominsky de Vigo

Battosai, pola súa banda, atópanse embarcados na presentación do seu primeiro álbum editado por Spinda Records en 2021. Gravado nos míticos estudios Ultramarinos Costa Brava con Santi García, artífice de álbums de Bala ou Cala Vento, aos mandos, este traballo foi aclamado pola crítica especializada de Galiza e todo o Estado, destacando a súa mestura de nostalxia grunge noventeira e sons actuais do indie e do rock alternativo. O power trío de raíces compostelás e arousás chega á Filomatic cargado de enerxía para arrasar por toda a xeografía galega con actuacións no Carballiño, Cangas ou Compostela. As entradas anticipadas poden adquirirse en entradium.com por tan só 8€, 10€ na billeteira. As guitarras comezan sonar ás 22:00.