O cantautor marinense Seso Durán vai publicar o 20 de abril o seu novo disco Ascensión. Este traballo supón a súa consolidación como solista tras debutar con Son da Memoria, un disco que revisaba o terror vivido en Galicia tras o golpe de 1936 e co que se deu a coñecer. Porén, nesta ocasión xa non dirixe o seu ollar cara o pasado e ás súas consecuencias no presente; Ascensión marca o inicio dunha nova etapa na que Durán explora temáticas máis actuais.
A través dos dez cortes do álbum de 41 minutos de duración, o artista adéntranos no seu pop rock en galego con letras comprometidas que falan de todo o que, como profesor, compositor e historiador, lle trae de cabeza: a violencia de xénero, a soidade nun mundo hiperconectado, o estrés da vida dixital, o amor incondicional, a crise ecolóxica… O título do álbum xorde, explica, dunha reflexión persoal: “Ser humano é aburridísimo. Dalgunha maneira precisamos elevarnos: pirámides, rañaceos, relixións, récords deportivos, followers… Non abonda chegar a ser quen es. Queremos transcender, expandirnos, porque sabemos que non imos durar; nin nós nin nada do que fagamos”.
Este novo traballo está producido, gravado e mesturado por Iago Lorenzo, que ten traballado con Presumido, Furious Monkeyhouse, Voltaica ou Heredeiros da Crus. Foi masterizado por Robin Schmitd de 24-96 Mastering Studio, e será editado por Inquedanzas Sonoras. O deseño gráfico é obra de Guillotina Estudio, a partires dunha fotografía de Esther Medraño. O resultado de todo isto é un disco elegante e ávido de contacto: “A idea era que soara a banda tocando en directo, que a distancia entre o disco e o palco fose moi pequena”, resume Seso. Para logralo, contou coa colaboración de José Bruno, batería con Andrés Calamaro, Leiva e Joaquín Sabina) e Manu Conde (guitarrista en Milladoiro), cos coros de Olga Lalín, Sabela Cereijo, Laura Taka e Sandra Lima, e coas guitarras e ambientes ao teclado do propio productor.

En novembro de 2020 publicárase un primeiro adianto, «Sorriso triste», e o pasado 24 de marzo viu a luz o primeiro videoclip, «Infinitesimal»; filmado en Vigo, baixo a dirección de David Hernández e Alex Penabade, recrea os días de domingo perpetuo ditados pola pandemia. A xira de presentación de Ascensión vai arrancar en Vigo, na Sala Master Club, o 29 de abril, para percorrer deseguido a xeografía galega.
Seso Durán iniciou a súa carreira musical nos 90 como integrante e compositor no grupo folk Liorna. Tras 10 anos alonxado dos escenarios, nos que centrou a súa actividade profesional na docencia da música, en 2017 debutou en solitario con Son da Memoria xunto a músicos como Charlie Bautista, Javier Cedrón ou Carmen Rey. Comprometido coa innovación, Seso ten obtido numerosos recoñecementos dentro e fóra de Galicia polos seus proxectos educativos e é un invitado habitual en destacados foros pedagóxicos e culturais como Culturgal, a Universidade de Santiago de Compostela ou a Universidade Autónoma de Madrid.