Xa saíu A Ver Ahora, o novo álbum de Grima

Grima, un dos dúos que máis está a revolucionar os escenarios do panorama galego, presenta o seu novo disco de estudio, A ver Ahora. 8 cancións enérxicas, contundentes e explosivas que inclúen as colaboracións tanto das coruñesas Bala como do vigués Kaixo, coñecido cantante de trap e tamén vocalista do grupo de rock Youcanthide xunto aos membros dos tamén vigueses Kings of the Beach.

Precisamente a canción que o dúo pontevedrés gravou con este último, titulada «Ácido», saíu cun videoclip que está a ter unha gran acollida en redes e que podedes ver ao final desta noticia. Estas colaboracións engaden aínda máis ao toque fresco e mestizo en canto a estilos musicais do disco.

A xira de presentación do disco culminará no Resurrection Fest

A ver ahora é o segundo traballo de estudio da banda, despois do A ver a que sabe de 2018. Igual ca este, é un disco relativamente breve, duns 27 minutos, con cancións esta vez entre o inglés e o castelán. A banda está xa inmersa en plena xira por salas coa súa promotora Galunk Producións, na que presentarán o álbum por toda Galiza e tamén con datas en Madrid, Andalucía, Cataluña… E unha pequena xira por Portugal pasando por Porto e Barreiro. Achégate á cidade ou vila que che quede máis preto para gozar co potente directo do dúo! E, mentres tanto, podes escoitar o disco en calquera das principais plataformas dixitais.