Con fotos de Ramón Yoshimura.
Tres bandas de rock galegas de estilos distintos pero unidas nun concerto cheo de humor e desenfado, que imitou ser nada menos que unha “Convención de Terraplanistas”. Así foi a noite que reuníu a Ponxa Intenso, Rockaína e Alma de Piedra na sala Moon de Compostela, organizada por Andrie Stornergasm no sábado día 5 de marzo. Nós estimos alí para contarvos todos os detalles!
Ponxa Intenso foron os encargados de abrir a noite. Dende un primeiro momento, o grupo de Monte Alto chama inmediatamente a atención coa súa estética hippie e oriental, e cunha formación que combina frauta, pandeireta, ou ata catro voces tanto femeninas como masculinas xunto co resto de elementos dunha alineación rockeira tradicional, onde cabe destacar tamén o gran protagonismo do baixo. O folk e a psicodelia eran, polo tanto, xa de entrada partes claras do seu son. Estes elementos tamén ían dando paso a pasaxes máis propios do funk ou do rock progresivo, onde se apreciaba ademais unha influencia clara do rock andaluz, mantendo sempre un enfoque retro e setenteiro.

A banda ocupouse de transmitir a súa boa vibra dende o comezo do concerto, ao que entraron tocando e bailando dende o público (e volveron baixar tocar entre os asistentes nalgunha que outra ocasión). As letras satíricas en castelán ou galego intercalábanse con longos solos envolventes dos diferentes instrumentos, que lle deron ao concerto un toque fresco, improvisado e novo. Ademais, destacaba a incorporación e interpolación de melodías, letras e outros elementos propios da música popular galega, como puideron ser os ritmos de muiñeira ou mesmo a incorporación do mítico “Fuches ti” ao seu repertorio. Houbo, incluso, a pesar de que o grupo provén de terras coruñesas, unha canción adicada á Ponte de Rande que une Vilaboa e Redondela e que é punto de paso case obrigado para entrar ou saír de Vigo. Todos estes elementos fixeron do seu directo unha actuación sorprendente, tanto por tocar a banda un estilo pouco habitual por estes lares, como polos elementos innovadores que aínda por riba introducían no mesmo.

Pasou entón a ser a quenda de Rockaina, un grupo de hard rock blueseiro e melódico, que se encargou cos seus disfraces e a súa irreverente posta en escena de meternos a todos os asistentes na suxerente ambientación dunha convención terraplanista. Foi un concerto moi divertido, cheo de teatralidade e cambios de vestiario, por parte especialmente dos guitarristas, que non desaproveitaron ocasións para tocar entre o público, e, como non, do vocalista, coa súa voz fonda e dramática. Houbo lume, houbo recitacións bíblicas ao máis puro estilo Pulp Fiction, houbo discursos excéntricos, houbo partes cañeiras e partes suaves, solos de guitarra e ata de teclado… O que non houbo foi posibilidade de aburrirse para o público que ateigaba xenerosamente a Sala Moon e que berrou pedindo máis.

A última banda en tocar foi, axeitadamente, a máis cañeira: Alma de Piedra, un trío provinte de Ares. A pesar de que se definen simplemente como rock, as influencias do heavy metal na súa música eran moi claras, comezando ademais cunha canción rápida de puro speed metal na que non faltou o dobre pedal a toda máquina. O grupo combina unha considerable énfase nos riffs, pesados e metaleiros, con retrousos melódicos e pegadizos e solos rockeiros, dando lugar no seu conxunto a un son de metal e rock duro clásico e sempre efectivo. Por outra banda, as letras tamén frecuentaban territorio clásico, con cancións sobre o rock e o estilo de vida rockeiro. A formación ao máis puro estilo dos míticos power tríos do estilo non precisaba de nada máis, aínda que si se serviron dunha colaboración co vocalista de Rockaína (tamén hai que destacar que o baixista da banda é parte así mesmo de Ponxa Intenso). A súa actuación foi un colofón potente e perfecto para a noite.
En resumo, unha sala Moon ateigada vibrou con tres bandas de estilos distintos que fixeron, pola súa heterodoxia, que a noite se mantivese sempre entretida e interesante ao longo de todas as actuacións. Sempre é de agradecer que haxa colaboración entre grupos de ámbitos diferentes, rompendo estereotipos ao respecto e dando lugar a concertos e en definitiva a unha escena máis grande e diversa, e que non sexa unha mera suma de partes. Agardamos que haxa máis ocasións como esta para unir a tres grupos coma estes.
