Dantalion presenta en Vigo o seu novo álbum Time to Pass Away

Dantalion presentará por primeira vez en Vigo, o venres 17 de xuño, o seu último traballo Time to Pass Away, no que volven afondar na súa persoal visión do black metal. O quinteto vigués reafírmouse unha vez máis, con este disco, como unha das bandas máis destacadas do panorama black metal estatal actual. Unha agrupación que non decepciona ao vivo e amosa a súa enorme calidade e experiencia tras anos de carreira e esforzo. A pesar de proceder da propia cidade olívica, ver a Dantalion en directo sempre é unha ocasión destacada a aproveitar, xa que non adoitan facer moitos concertos; moitas veces, limitándose na súa propia cidade incluso a un concerto de presentación por cada disco que sacan. Pero nunca decepcionan, a pesar da grande anticipación.

A portada do novo álbum

Os vigueses son un dos pioneiros indiscutibles do black metal en Galicia, e un dos seus nomes máis representativos por dereito propio. Non só pola temperá aparición da súa banda predecesora Mydgard, formada no ano 2000 e da que tamén procede Morg, baixista dos tamén pioneiros Balmog; senón así mesmo por ter editado un dos primeiros álbumes completos do xénero en Galicia, When the Ravens Fly over Me, en 2006, co selo alemán Der Germanske Folket.

A banda comezou practicando un black metal con crecentes elementos do doom metal, e incluso atravesaron unha fase na década pasada na que mudaron o seu estilo polo death/doom melódico, sen abandonar nunca tampouco puramente os elementos do black. Pero en 2018 volveron pola porta grande ao seu estilo orixinal co escuro The Seventh Wandering Soul, unha tendencia que continúan agora con este Time to Pass Away. Este último disco destaca tamén polo regreso do vocalista Sanguinist, que xa formara parte do grupo na época na que sacaron os discos All Roads Lead to Death (2010) e Return to Deep Lethargy (2012).

Foto promocional da formación actual de Dantalion

Neste concerto que terá lugar no Transylvania, os galegos estarán acompañados polos madrileños Spectrum Mortis, que chegan a Vigo despois de asinar cun dos selos máis destacados do panorama europeo, Listenable Records. Con eles editarán o seu primeiro album completo Bit Meseri-The Incantation, un album que promete auténtico death/doom metal escuro e blasfemo e que se podería converter nun dos discos estatais máis destacados do xénero deste ano 2022. A sala abrirá portas ás 21:30, e a entrada terá un prezo de 10 euros.

Cartaz do concerto