Dioivo pon música a Delgado Gurriarán polo Día das Letras

Achégase xa o Día das Letras Galegas, e con tal motivo, a banda viguesa de metal Dioivo acaba de sacar unha nova canción titulada “Hai Sede na Nova Galicia”, na que poñen música ao poema homónimo do homenaxeado Florencio Delgado Gurriarán. Este poema describe a saudade que o escritor valdeorrés sentía pola súa terra mentres estaba exiliado en México logo da Guerra Civil, e pertence a unha das súas principais obras, Galicia Infinda, editada por Galaxia en 1963. Para completar a homenaxe, o grupo acompañou a canción dun videoclip realizado por YOD Multimedia que xa pode verse na súa canle de Youtube.

Esta non é a primeira vez que Dioivo emprega a literatura galega na súa música, xa que o ano pasado conmemoraron o 50 aniversario da mítica novela Retorno a Tagen Ata cunha adaptación musical da mesma na que contaron con narracións do propio autor, Xosé Luís Méndez Ferrín. De feito, o grupo naceu poñendo música a Rosalía de Castro e ao seu poema “Sempre pola Morte Esperas”, para participar nun concurso organizado polo Concello de Vigo en febreiro de 2016. Nesta ocasión optaron por homenaxear ao autor elixido para o Día das Letras deste ano, que destacou polo seu fondo compromiso antifascista e co pobo galego.

O dúo vigués gravou este tema, novamente, no estudio de DS Audio con Dany Soengas, coñecido músico de bandas viguesas como Atreides, Skydancer ou Lardelúa. Agora toca presentalo en directo, para o que xa teñen varios concertos programados. Os primeiros deles serán no Buril de Sarria xunto a Cruzeiro, Corteza Inhumana e Totengott o 13 de maio, e seguirán no Pub Transylvania de Vigo xunto a Bloodhunter o 10 de xuño. A canción, polo momento só dispoñible en Youtube, estará axiña tamén no resto de plataformas dixitais, e supón un adianto do novo disco dos vigueses, que xa teñen un álbum e dous EP publicados.