Xhamain presentará por fin en directo, na viguesa Sala Master, o seu novo disco Na Alma, o vindeiro venres 24 de xuño. Será, polo tanto, un día despois da noite de San Xoán, na que, ademais da do Samaín, se basea o nome da banda. Esta ocasión tan sinalada será a primeira vez na que poderemos ver en acción á nova formación, tras varios cambios de compoñentes na banda, que está destiñada a ser un dos referentes do metal cantado en galego nos próximos anos.
Nesta actuación, o sexteto galego interpretará o disco na súa totalidade e adiantará varios temas que conformarán Na Mente, a segunda parte da triloxía No Ser, que xa está escrita na súa totalidade, e comezará a súa preprodución nos próximos meses. Na Alma, pola súa banda, foi masterizado por Tony Lindgren nos Fascination Street Studios de Suecia, e está a recibir críticas moi positivas por parte do público e da prensa especializada, tanto na súa parte musical como na súa parte visual, obra do artista búlgaro Georgi Georgiev.
Para unha cita tan agardada, contarán cuns convidados especiais para quentar a noite: Losto Kinsky, unha banda que interpreta himnos do rock con letras traducidas ao galego e que farán as delicias do público asistente. As entradas están á venda anticipada en Vigo en dZetta Music Center e Honky Tonk. Tamén se poden mercar en liña a través de Woutick. O prezo é de 8 euros.