Diego, de Moura: «É necesario retomar o testemuño de artistas como NHU, Bibiano ou Emilio Cao»

Por Patty Castro.

Moura, da Coruña, é unha das bandas punteiras do rock progresivo e psicodélico na escena galega actual. Consagráronse xa co seu primeiro primeiro álbum, titulado Moura, en 2020, e prometen chegar a novas cotas de altitude co seu novo traballo Axexan, Espreitan, da man da súa discográfica Spinda Records. Un dos seus grandes éxitos, sen dúbida, é ter recollido o legado dos precursores dos anos 70, como NHU, Batallán, Bibiano ou Emilio Cao, facendo unha música inzada de folk e tradición galega á vez que vangardista. E, por suposto, en galego.

A banda leva en activo dende o 2015, experimentando varios cambios de formación ata que por fin a estabilizaron hai uns anos con Diego Veiga (guitarras, harmónica e voz), Hugo Santeiro (guitarras), Fernando Vilaboi (órgano e sintetizadores), Pedro Alberte (baixo), Luis Casanova (batería), e coa última incorporación Belém Tajes (voces e pandeireta), que viña colaborando con eles dende o primeiro disco pero agora por fin é un membro mais da banda.

Tiven a sorte de poder falar con Diego Veiga, un coruñés de familia de Boimorto que ocupa o seu tempo entre a música e o seu negocio de hostelería, o Ummagumma , un pracer para os amantes da boa comida e o ambiente cultural.

Formación de Moura

Moi boas, Diego! Pois, o primeiro, dicirche moitas grazas por esta entrevista, e aínda que che vou preguntar polo último traballo, gustaríame que lles contaras ás que non vos coñecen de que vai Moura.

Moi boas, Patty, un pracer estar contigo. E claro, como non. Moura é un espazo de encontro entre tódolos compoñentes. Fórmase dende a psicodelia, o rock progresivo e a música experimental máis libre de ataduras, para poder facer temas extensos. Eu, aínda que viña de grupos mais anglófilos, cando nos encargaron por unha casualidade o tema de Zeca Afonso «Ronda das mafarricas», preparándoo perdín o medo do cambio de idioma e vín tódalas posibilidades. Creo que é necesario retomar o testemuño de bandas como NHU, Bibiano, Emilio Cao, artistas aos que tal vez non se lle deu o recoñecemento que merecen. E, por outra banda, como o meu negocio está ao lado da Cova Céltica e somos bos compañeiros e veciños, o entrar en contacto con ese mundiño tradi foi unha continua aprendizaxe, novas formas de sinerxia entre dous mundos, para integrar aspectos da tradición galega, o rock e a psicodelia.

Moura recolle o seu nome da tradición galega mais telúrica, moitas veces cargada de misticismo e oscurantismo. De que tratan as vosas letras neste novo traballo?

No primeiro disco introducimos como tema a mitoloxía galega. Grazas a meu pai e ó seu amor pola historia de Galicia e á miña infancia no rural, fun xuntando recordos que levaban moito tempo aparcados nos rincóns da mente. E neste segundo disco que sae o 27 de maio non só toco o tema da mitoloxía, senón tamén experiencias persoais, lembranzas e algunha que outra letra sobre rituais sociais, persoais ou funerarios que forman parte do extenso patrimonio inmaterial do pobo galego. En Axexan, Espreitan hai novas paisaxes sonoras, máis coloridas, coma o canto de liño, reivindicando o rito como elemento de conexión social; e como as cancións asociadas ás labores do campo foron o nacemento da música tradicional galega.

Onde se gravou e se forxou este último traballo? Porque, cunha pandemia polo medio, doado non tivo que ser.

Pois si, naceu durante a pandemia. Como o primero o lanzamos no medio do encerro, pois resultou complicado quedar para ensaiar, e tiñamos novos temas que fumos montando na distancia. Entre Hugo e máis eu fumos maquetando todo o disco, gravando na casa aportacións dos outros membros vía mail e aproveitando cando nos podiamos ver. Decidimos continuar por esa vía e gravalo nós mesmos coa axuda do noso productor J. Gutierrez na casa onde ensaiamos habitualmente, na parroquia de Bergondo, en Moruxo.

Foi gravado durante o verán de 2021 e, aínda que levavamos moi claro as guías nesas maquetas, deixamos espazo ás aportacións que saen no momento da gravación, pois o estar libres de estar nun estudio tivemos a posibilidade de relaxarnos e poder crear máis tranquilamente. Colaboran a Irmandade Ártabra, cos que contamos cada vez que gravamos, tamén xente do tradi como Miguel Vázquez, Xosé Lois Romero, que gravou a percusión dun tema, e Xoan Xil e Mauro Sanin no «Alalá do abellón».

Portada de Axexan, Espreitan

O primeiro sinxelo que lanzastes foi «O baile do dentón», cun videoclip gravado na librería A Tobeira de oza, que foi todo un éxito  no seu lanzamento. Cóntanos como foi a gravación e cal é a temática do vídeo.

O primeiro é decir que Axexan, Espreitan fai referencia a película Trinta Lumes, de Diana Toucedo. Levaba como 2 ou 3 anos para facer esta canción sobre o cornecho (ou dentón), os seus usos para a medicina e como acabou exportándose ata Estados Unidos e sitentizándose o LSD a partires do cornecho. Un tema fascinante ó que se lle deu voz hai pouco, unhas rapazas co documental Negro Púrpura unha marabilla que tivo unha feliz coincidencia coa saída do noso tema.

O vídeo deste tema, dirixido polo talentoso Pablo Goluboff, fíxose en colaboración coa asociación cultural O Amanexo, de Dexo, Oleiros; bailadores que se prestaron para as nosas tolemias, como poñerse espellos na cara, bailar cos pans na cabeza… Un esforzo conxunto coa xente do tradi que sempre nos atrae e nos motiva a seguir facendo cousas diferentes.

Pois moitas grazas, Diego, polas túas verbas e pola vosa música, con musicazos que vides xa doutras formacións e para ledicia de todas xuntastes forzas para sacar este disco que fai as delicias de calquera oínte con bo gusto. Creatividade, forza, tradición, ritos, e festa, moita festa galega!

A ti, Patty, un pracer e saúdos para todos. Vémonos nos concertos!