Sete bandas de Vigo únense para reclamar condicións dignas en Vigosónico

O club Molotov acollerá o vindeiro venres 3 de xuño un concerto organizado pola plataforma Grupos de Vigo en Loita, onde se reclamará a mellora das salas de ensaio de Vigosónico logo do recorte en horas dispoñibles e condicións dende a súa reapertura a principios deste mes. Tamén servirá para reivindicar a presencia de bandas viguesas na programación de verán do Concello, que, para o colectivo organizador “brilla pola súa ausencia, especialmente cando esta podería servir de altofalante da cultura da cidade xuntando aos artistas da cidade cos grandes nomes internacionais”. Así, este concerto inclúe a sete bandas da escena punteiras en diferentes estilos, dende o rap de La Cloaka Sound e JCA, pasando polo punk dos Vacalouras, o metalcore de Arson Tides, a mestura de rap e rock de El Puto Show, o pop punk de Gracias por Nada, o rock duro de West Ride ou o rock de Einconscientes. Unha chea de bandas viguesas para contrarrestar a falta destas na programación municipal.

En sentido horario dende arriba á esquerda: West Ride, Gracias por Nada, Os Vacalouras, La Cloaka Sound con JCA, El Puto Show, Einconscientes e Arson Tides

A convocatoria deste concerto chega logo dunhas declaracións do Alcalde de Vigo, Abel Caballero, nunha rolda de prensa na que afirmaba, ante as denuncias das deficiencias de Vigosónico por parte dos usuarios agrupados na plataforma Grupos de Vigo en Loita, que “después de ver algunas de las cosas que decían hace unos días, me temo que no responden a la realidad”. Dende a plataforma desafían a Caballero “a dicir que non responde á realidade, xa que o recorte de horarios e instalacións, as maiores restricións de uso e a cantidade de material defectuoso, do que se está tomando lista por parte do persoal, é facilmente contrastable”. O colectivo considera que o intento de “desacreditar e de tachar de mentirosos aos músicos e usuarios de Vigosónico” agrupados na plataforma “so vén a confirmar o nulo interese do Concello na música da cidade e en axudar á mesma, logo de terse visto obrigado a reanudar o servizo só a raíz das protestas e accións constantes de Grupos de Vigo en Loita”. “En vez de reunirse connosco e recoller as nosas demandas, so intenta reiteradamente infravalorarnos e atacarnos”, afirman.

Nesa mesma rolda de prensa do día 11 de maio, Caballero afirmou tamén que lle “gustaría que los grupos que protestan digan también que Vigosónico es gratuíto, es el único sitio donde esto sucede”, a pesar de que en Galicia hai decenas de salas de ensaio públicas e gratuítas en diferentes Concellos. De feito, non era o único sitio onde isto sucedía en Vigo ata que se pecharon durante o seu goberno as salas do Castro e da Casa da Xuventude. Tamén afirmou o alcalde que “disponen de un espacio de grabación y ‘maquetación’ (sic.) totalmente gratuíto”, a pesar de que, como explica a plataforma, “en Vigosónico non se gravan discos e maquetas de grupos a non ser que sexa polo premio dalgún concurso ou para os recopilatorios de Vigosónico, o último dos cales fíxose en 2017”. Polo tanto, “nunca foi de libre disposición gratuíta para os grupos”, sinalan, afirmando que se amosa unha vez máis “o total descoñecemento por parte do alcalde do que se fai en Vigosónico e das bandas que ensaian nel”. Ademais, actualmente, o estudio de gravación non pode operar, xa que só hai un traballador encargado de xestionar as salas e recibir aos grupos e ningún que poida mentres tanto facer as labores do estudio. “É moi desafortunado que o alcalde pretenda aínda por riba que lle deamos as grazas por un servizo público básico para a cultura da cidade que acaba de recortar salvaxemente logo de máis de dous anos pechado”, denuncian.

O concerto organizado por Grupos de Vigo en Loita, no que se visibilizarán todas estas cuestións, comezará ás 20:30, e a entrada será totalmente de balde.