Na Hora do Lobo é o título do novo disco de Nin a Tiros, banda compostelá de groove metal e hardcore formada a partir de membros de agrupacións como Labazada, Reino Animal ou The Weak Force. Este sexteto xa ten publicados un EP homónimo de 2018 e un compartido coa banda punk Lenincat, ao que hai que sumar tamén a autoprodución do videoclip “Poema de Pedra”; porén é con este novo EP co que agardan comezar finalmente a súa andaina en directo, a súa principal “asignatura pendente” en palabras do seu guitarrista Miguel Cutrín.

O EP foi gravado mesturado e producido por Suso Pereiro, o que “é sen dúbida o sétimo membro da banda”, no ReCuncho Estudio de Gravación de Compostela, mantendo en todo caso a esencia “Faino Ti Mesmo” e underground da banda. Contaron ademais coas colaboracións nas voces de Víctor Bronkas e Laura Iglesias, ademais de co deseño de Noel Vázquez e a fotografía de Leti Ocaña.
Ademais de todo isto, a banda ten unha “sección editorial” dirixida polo propio Cutrín, que autoedita o fanzine artístico NaTiv@s, “onde, anualmente, damos cabida a 6 persoas que queiran mostrar a súa faceta creativa. Narrativa, poesía,fotografía, escultura, artes plásticas, artesanía…”, explica. Imprímese na Cooperativa Gráfica Sacauntos. Podedes atopar ao grupo en en Facebook, Bandcamp, Youtube e Spotify.