A banda galega de grindcore Mondo Podre vén de lanzar o seu primeiro traballo completo de estudio, Necronomía de Subexistencia. O álbum, que consta de 14 temas en apenas 20 minutos, fai gala da máis puro grind, a velocidades imposibles e cunha agresividade sen tregua reflectida tamén nas súas letras. Xa saíu en formato CD e dixital da man de Colectivo Bilis, mentres que o vinilo chegará o día 3 de xuño editado polos selos xermanos minoR_obscuR, Finte Platten, AKAIP e os galegos Colectivo Bilis e I Don’t Give a Fuck. Ademais, a banda conta coa promotora Blood Fire Death.

As letras dos temas do disco repártense entre o galego e o castelán, e a portada do mesmo estivo a cargo de Ars Erinyos. Foi gravado e masterizado en Estudios Cumbre por Miguel Villar e Miguel Souto. Este traballo chega despois dun EP homónimo editado en 2019 e un disco en directo compartido coa banda brasileira Surra, titulado Alive and Undead in Vigo.
Mondo Podre naceu en 2016 en Vigo, e logo de varios cambios de formación foi incorporando membros de Ourense e da Coruña. Co lanzamento deste disco, conforman a banda o vocalita Dani (tamén de La Hija del Carroñero), o baixista Espasa, o batería Damián, e os guitarristas Gon (membro de Cruzeiro e Akouphenom) e Miguel (tamén en Akouphenom).