Grupos de Vigo en Loita denuncia o peche do seu concerto por parte da Policía Local

O pasado venres, a plataforma de músicos da cidade Grupos de Vigo en Loita organizou, no club Molotov, un concerto co que reivindicaban máis presencia de artistas viguesas na programación municipal e a mellora das condicións das salas de ensaio de Vigosónico. Porén, o evento non puido ser realizado na súa totalidade, xa que a Policía Local acudiu para cancelalo, chegando á sala apenas pasadas as 21:00 da tarde. Logo da súa marcha, o concerto continuou ata as 23:00, hora na que os axentes volveron ao lugar e clausuraron definitivamente o concerto, sen que dúas das bandas programadas para o mesmo puidesen tocar.

El Puto Show

Dende Grupos de Vigo en Loita expoñen que “o concerto realizouse nunha sala perfectamente acondicionada e insonorizada, que de feito ten actividade constante ata as 4:30 da madrugada como discoteca”. Así, dende esta plataforma, que aglutina aos usuarios das salas de ensaio de Vigosónico e a outros músicos e músicas vigueses, consideran que o desaloxo debeuse “á vontade por parte do goberno municipal de evitar un concerto que evidencia as carencias da súa política cultural e o seu desleixo cara as artistas de Vigo”.

O argumento dado pola Policía Local foi a carencia por parte da sala dunha licencia específica de concertos. Porén, dende a plataforma explican que “esta é a situación da gran maioría de salas viguesas, precisamente porque o Concello négase a expedir estas licencias”. Isto permitiríalles, “na práctica, ter un recurso para que o Alcalde poida paralizar discrecionalmente os concertos que queira, como neste caso o noso, e así calar voces disidentes e críticas como a nosa”. “Tendo en conta que houbo decenas de concertos esa mesma finde en Vigo, como os hai todas as semanas, é imposible pensar que isto puidese ser casualidade, e máis tendo en conta tanto as características perfectamente axeitadas da sala onde se realizou o concerto como a hora tan temperá á que se produxo a visita dos axentes”. Dende a plataforma engaden tamén que “consideramos que o último problema que debería preocupar á polícía local é a realización dun concerto nunha sala perfectamente insonorizada ás 21:00 da tarde”.

Gracias por Nada, xusto antes da cancelación do seu concerto

O concerto ía contar coa participación de sete bandas viguesas, tanto emerxentes como consolidadas, de diferentes estilos, para visibilizar a calidade e diversidade da música da cidade e a súa ausencia da programación do goberno municipal: West Ride, Einconscientes, La Cloaka Sound, Arson Tides, El Puto Show, Gracias por Nada e Os Vacalouras. Porén, estes dous últimos grupos non puideron desenvolver o seu espectáculo a causa da actuación da policía local. No caso de Gracias por Nada, a banda ía dar o seu primeiro concerto, logo de que nos dous anos de existencia da mesma, marcados pola pandemia e o peche das salas de ensaio gratuitas, non tivesen ocasión de levar a súa música ao directo, como foi o caso de moitos outros grupos emerxentes da cidade. Finalmente, só puideron interpretar unha canción incompleta antes da cancelación do evento. Dende Grupos de Vigo en Loita anuncian que realizarán novas accións para seguir visibilizando a problemática das salas de ensaio e da música da cidade.