Co seu primeiro EP, titulado Arroutada, xa nas rúas, a banda bergantiñana Lóstregho estrea agora o videoclip de «Narcotraficante de Sexo», cuarto corte deste primeiro traballo. O videoclip contou con Roberto Iglesias e Lorena Mariño nas camaras, con Adrián Mayo para as imaxes gravadas con drone, e con José García na edición. Está dispoñible para verse na canle de YouTube deste trío da Costa da Morte.
Arroutada, que encapsula o estilo de rock garaxeiro e grunge do grupo, está composto por 6 cortes, e foi gravado en Cimática Studio polo batería de Broa, Mahi Ferradás. Antes do lanzamento do disco xa puideramos catar previamente “Zarpazo” no mes de outubro de 2021. Este foi o segundo sinxelo e videoclip da banda, logo do inaugural «Dardos». O EP foi, pola súa banda, lanzado o 3 de xuño e presentado ao vivo ao día seguinte no Cremita Fest, celebrado no bar A Eira de Ponteceso. Para a ocasión estiveron acompañados dos coruñeses Cloaca e dos carballeses Lowcos
Lóstregho destaca especialmente pola súa orixinal formación, composta por baixo, voz e batería. Con estes tres elementos constrúen uns riffs potentes e unhas melodías pegadizas que lle dan aos seus temas unha inconfundible impronta persoal.