A Produtora Cultural Toxo Verde presenta o videoclip «Outro Día Máis» de Meu, grupo de rock en galego da comarca de Deza que, nas súas palabras, navega «entre o punk e o metal con liberdade». Este video foi rodado entre Lalín, Rodeiro, Pontevedra e Redondela, e contou coa colaboración de Cervexas Nasa, da Taberna Alola e do Concello de Lalín.

«Outro Día Máis» forma parte dunha serie de tres cancións gravadas nos estudios Cimática de Cerceda por Mahi Ferradás de Broa a finais do pasado ano. O quinteto do Deza está a presentar estes temas ao longo deste 2022 cunha gran acollida por parte dos seus seguidores. Previamente, en 2020, lanzaran dous sinxelos cos que se presentaron publicamente logo do nacemento da banda en 2017: «Animal ferido» e «Non quero ser normal».
O lugar de ensaio das bandas locais é moitas veces o punto de encontro de moitas xeracións. Neste videoclip do tema «Outro Día Máis» trátase concretamente este tema, pois os seus protagonistas escapan da dor dunha ruptura sentimental aparecendo nun ensaio de Meu, «deixando atrás esa tristeza e celebrando a amizade», sinalan dende Toxo Verde.