Heredeiros da Crus toma uns días de descanso por motivos de saúde do seu vocalista

O cantante de Heredeiros da Crus, Javi Maneiro, recupérase despois de sufrir un accidente cardiovascular en pleno concerto, motivo que obrigou á banda a cancelar varias datas. O guitarrista do grupo fundado en Ribeira, Antonio Novo «Tucho», sinala que lle recomendaron repouso durante 15 días.

Pola súa banda, a agrupación, pioneira da escena rock bravú nos anos noventa, transmitiu tamén «total optimismo e tranquilidade» a través dunha mensaxe en redes sociais. «Javi atópase ben e está desando volver subirse aos escenarios e agradece todo o agarimo e amor que está a recibir pola vosa banda», destaca o comunicado.

Pese ao «bo prognóstico», Heredeiros da Crus tiveron que cancelar a súa presenza no festival Entre Bateas da Pobra do Caramiñal, onde actuarán os madrileños Hamlet no seu lugar, entre outros concertos programados para estas datas. Tamén suspenderon previamente os conciertos que ían a dar a pasada fin de semana en Forcarei, Boimorto e Ferrol.