«Deitado na area», o novo sinxelo e videoclip de Espiño

O músico compostelán Alfonso Espiño publicou unha nova canción, a primeira en cinco anos de actividade en solitario, xunto a súa banda Espiño. A estrea tivo lugar en plataformas dixitais o luns 25 de xullo, coincidindo co Día da Patria Galega. A nova composición orixinal de Alfonso, «Deitado na area», en palabras do artista, «rebule con naturalidade, alegría e vibracións positivas nun mundo cada vez máis alienado e robotizado».

O equipo de traballo é o habitual de Espiño: ó seu baixo e voces únense as guitarras de Brais Sánchez, os teclados de Ale González e as baterías e percusións de Fran Facal. Tamén colabora nesta gravación Álvaro Crego con varias pistas de trompas e trompetas. Todo foi rexistrado por Edu Vidal nos novos estudios composteláns de Garaxeland, sendo mesturado por Fon Botana.

Xa en agosto chegou o correspontente videoclip, dirixido por Román Gutiérrez, coa temática, explica Alfonso Espiño, do «recordo da infancia feliz no contexto do verán familiar na localidade de Noia». Foi gravado no Grove en xullo deste ano por Guriérrez, e inclúe tamén numerosas fotografías pertencentes ó álbum persoal de Espiño. Despois de rematar a súa tese doutoral e da publicación do libro Compopstela, tan só a pandemia puido retrasar a gravación e saída de material discográfico inédito, considerando «Deitado na area» un sinxelo de adianto dun novo LP de doce cancións que xa está a ser rexistrado.