Manuele, de Familia Caamagno: «A retranca permite poñer o foco no que che interesa cun sorriso»

Familia Caamagno fundouse na vila de Sigüeiro no 2011 e agora son unha das bandas de rock en galego máis destacadas do panorama. O quinteto vén de sacar un novo álbum, O Mundo Está Derrotado, do que xa nos adiantaran sinxelos que tanto deron que falar como a súa versión do “Xuntos” de Juan Pardo, e van presentalo ao vivo na Sala Capitol de Compostela. O concerto será o sábado 29 de outubro e a banda xa ten prometido unha chea de sorpresas para presentar por todo o alto o novo traballo. Xusto acaban de gañar o Premio Martín Códax da Música na categoría de rock, así que o disco non podería chegar en mellor momento.

O grupo ten as súas raíces no rock and roll e o power pop máis clásico, como se poden apreciar especialmente en discos como Familia Caamagno (2012) ou Hai que Andar cos tempos (2014). Neste El Mundo Está Derrotado podemos apreciar a evolución do seu son ao longo dos anos, incorporando novas influencias máis sen mudar a esencia de sempre. Trátase dun disco breve e conciso, con 8 cancións e algo máis de 25 minutos de duración, onde se prima o divertido, o bailable e o pegadizo. Falamos co seu vocalista, Manuele Caamagno, para que nos conte máis sobre este momento clave que está a vivir a banda.

Manuele Caamagno

Como describiriades vós a música do novo disco?

Pois unha cousa parecida a “desde os confíns do garage ate o power pop máis delicado”.

Un dos sinxelos de adianto, a adaptación do “Xuntos” de Juan Pardo, totalmente resignificado, converteuse xa nun dos vosos temas máis recoñecibles. Se tivesedes que versionar algún outro clásico da música galega contemporánea, cal sería?

Ui… boa pregunta. Persoalmente a min quedoume mágoa de non facer unha versión de Anduriña, tamén de JP. Eu que sei. Unha versión que me flipa e me emociona é “O maio” dos Amigos dos Músicos e outra “Agardarei” de Eladio y Los seres Queridos. Ámbalas dúas de Luis Emilio Batallán.

Falando de clásicos, unha das grandes sorpresas da vosa participación na gala do 25 de xullo da TVG foi a colaboración, precisamente en “Xuntos”, de Pili Pampín, que tamén triunfa coas súas colaboracións con Ortiga. Está de moda o pop galego máis tradicional?

Non che sei, iso cadrou un pouco así, Chamáronnos para a gala esa e preguntaron se nos apetecía tocar con Pili. A verdade é que foi unha experiencia moi guai, pero xa está. O pop galego está de moda, sempre que non moleste moito.

Algunha outra colaboración que vos gustaría levar a cabo no futuro?

No concerto do sábado 29 na Sala Capitol, presentando o novo disco, imos facer unhas cantas colaboracións que van ser máxicas!

Vides de facervos co Premio Martín Códax na categoría de rock, na que tamén foron finalistas a banda de rock progresivo Moura e a stoner Bala. Como vedes o momento que está a atravesar a escena de rock galega?

A verdade é que todo o que sexa música con guitarras está a cousa bastante mal, e se pensamos en música en galego xa non che digo… Grupos que canten en galego e que fagan pop, rock, garage, indie, hardcore ou punk non hai moitos. Somos os que somos.

Despois de Xuntos chegaron Samurai, Romper Espagna e Máquina Virtual, cada unha co seu corrrespondente videoclip. Cando creades un tema, tedes xa unha visión de como queredes que sexa o vídeo ou deixades iso en mans do voso director de referencia, Xaime Miranda?

Mantemos unha serie de reunións con él. Facemos unha “tormenta de ideas” desas e intentamos que o vídeo clip ilustre a canción e complete o que nos gustaría dicir. Creo que o caso máis ilustrador é o de “Xuntos”, que cobra significado completo co vídeo.

A vosa música é perfecta para bailar e para a festa, pero non falta tampouco a mensaxe nos vosos temas, moitas veces a través da retranca. Como combinades estes dous mundos na vosa música? Cal é a mensaxe fundamental de O Mundo está Derrotado?

Non tomamos case nada moi en serio, nin sequera a nós mesmos. Tampouco nos gusta cando a xente se pon panfletaria pensando que sabe moito e na maior parte dos casos, non sabe nada. Hai moitas maneiras de reivindicar e poñer o foco nas cousas que che preocupan e poñerse serio probablemente sexa a máis aburrida e a menos efectiva. A retranca permíteche aproximarte dunha maneira pouco ortodoxa e poñer o foco no que che interesa mais sempre cun sorriso nos beizos. Eu que sei… Gústannos moito os Monty Python.

O disco… O Mundo Está Derrotado é un disco nostálxico, cómico e político a partes iguais. Un disco que nace froito dunha situación excepcional, e que mira cunha risa nerviosa todas esas noticias de inflacións, guerras e cambios climáticos. O disco comeza co “Xuntos” de Juan Pardo (1987) e remata con “O día que Fraga finou” inspirada no “The Day that Tatcher dies” de Hefner (2000). Polo medio a década dos 90 e as visións dun futuro distópico que xa pasou e que se repite unha e outra vez.

O Mundo Está Derrotado é o voso segundo LP despois de Había que Intentalo e de varios EPs. Tiñades claro que o voso seguinte traballo tiña que ser un álbum longo ou decidistes iso sobre a marcha?

A verdade é que foi un pouco sobre a marcha. Vimos que as cancións estaban quedando ben e dounos mágoa non facer un longa duración.

Hai uns anos podería parecer que o concepto de álbum estaba en decadencia en favor do sinxelo, pero parece estar rexurdindo a costume de escoitar os discos enteiros en plataformas como Spotify. Vós que preferides, álbumes ou ir sinxelos?

Pois depende do que queiras contar. Eu diria que agora lanzar sinxelos é máis rentable para un músico que meterse de cheo na creación dun LP.

A uns días do Día de Todolos Santos, celebraredes a presentación do novo álbum na Sala Capitol de Compostela. Xa tedes anunciado a algúns dos colaboradores.

Vai haber colaboracións moi especiais… Véxase Martiño de Grampoder e dos The Homens ou a nosa amiga Guadi Galego.

A proliferación dos festivais nos últimos anos fixo que moitos artistas teñan máis apartados os concertos en salas á vella usanza. Agora toca presentar disco na Capitol, pero tamén vides de tocar en varios dos principais festis de Galicia. Vós tedes algunha preferencia entre salas ou festis?

Os festivais son máis mediáticos, pero a proximidade e a complicidade que se consigue nunha sala… iso coidado, eh!

Moitísima sorte no concerto e moitísimas grazas polo teu tempo. Vémonos na Capitol!

Moitas grazas a vos!!!