Nerea, de Sound Sisters: «Se falamos de grandes do rock hai que falar de Janis Joplin»

Por Patty Castro.

Sound Sisters son unha banda de rock de Sarria, e os seus compoñentes son Nerea Iglesias á voz, Olalla Losada aos teclados, Txema Wayra á batería, Tomás Solano á guitarra e Morris Moreno ao baixo. Esta banda naceu no 2020, en plena pandemia, e dende entón non paran. Os seus directos son explosivos, e a forza e a alegría por compartir co público é o que lles move. Tiven a sorte de poder entrevistar a Nerea, a súa vocalista; unha front woman espectacular, que nos vai a contar mais sobre a súa banda.

Sound Sisters

Ola! Moi boas, Nerea. Grazas por ter a ben facer a entrevista. O primeiro que quería preguntarche é como naceu Sound Sisters.

Moi boas, Patty! Pois nacemos en plena pandemia, e todo isto supuxo un reto. Pero a vantaxe que tiñamos é que nos coñecíamos todos grazas á asociación Rúa da música , que acolle a un gran número de músicos, tendo en conta que Sarria é unha vila relativamente pequena, pero ten unha tradición musical moi ampla e forte. Nós tiñamos nese momento os nosos proxectos, pero durante as festas do San Xoán, vendo un concerto, achegáronseme Tommy e Morris e dixéronme que querían montar un grupo de rock e que querían que eu fose a cantante. Despois comentáronllo aos outros dous, ata que fixeron posible que completásemos a formación os 5 que estamos.

O principio comezamos como un grupo para tocar e pasalo ben, pois ao ter o parón da pandemia, máis que nada o que queríamos era iso. Xuntarnos e pasalo ben. Pero a raíz dos ensaios, o coñecernos mellor fixo posible que o tomaramos máis en serio.

Cóntanos como foron eses primeiros bolos e a toma de contacto co público.

Ao principio os directos foron raros, no sentido de que a xente tiña que estar sentada, e claro, o noso grupo non pide un público sentado nin de coña; pide saltar, bailar, etc. Foi un pouco baixona, a verdade, pero agora podendo ter o público de pé cambia moito a cousa. E debido a que o grupo ten pouca traxectoria propiamente, pois leva pouco tempo activo, pareceunos xenial poder tocar no Festival do Noroeste o ano pasado, e iso para nós foi algo moi importante que nos impulsou. Aínda así, pasámolo en grande igual co público, estivesen sentados ou de pé.

Que é o que pretendedes sacar para adiante coa vosa proposta musical? De que van as vosas letras?

Ao principio, a verdade, comezamos sacando versións das grandes lendas do rock: Jimi Hendrix, Clapton, Janis Joplin… Porque, por suposto, se falamos de grandes do rock hai que falar tamén dela. Pero, aínda que o primeiro que saíu foron as versión, tiñamos claro que queríamos compoñer. A min, persoalmente, sempre me atraeu a idea de compoñer, pero tíñalle un pouco de respeto. Parece que é unha cousa que ata que non te pos, pois parece que iso non o vas dar feito. Pero unha vez que comezas coas primeiras letras si que a cousa vai moito mais rodada. Eu, como letrista, no que me baseo é na forza e no empoderamento de dicir que as mulleres estamos aquí por dereito propio enriba do escenario. Algunhas letras teñen carga sexual bastante importante, como xesto reivindicativo; outras son tamén intimistas, de cousas que me afectan a min, e de contido social, sobre a decadencia da sociedade.

Fálame un pouco do que estades a facer agora mesmo

Pois estamos con bolos e coa promo do videoclip de “Wild life”, que saíu este xullo pasado. É un tema que trata de como marcamos o noso camiño, moitas veces saíndo fóra dos límites que nos marca a sociedade. Un camiño que escollemos, porque tal vez non sexa tan sinxelo, pero que nos fai felices. Tamén andamos a sacar 2 temas máis, e ensaiando co novo batería para afianzar tamén ese son máis duro que trae dende a súa experiencia no metal. Todos estamos encantados con este cambio para soar mais cañeiros.

Pois moitas grazas, Nerea! Un pracer falar contigo e seguir os vosos pasos. Unha grande e forte aperta dende Rouco Son e longa vida a Sound Sisters.

Moitas grazas, Patty, e ás lectoras de Rouco Son. Vémonos!