A promotora independente e autoxestionada Solucións Extremas xa ten preparada unha nova edición do seu festival para o 3 de decembro. Será no Tronko Bar, en Pontevedra, e contará con catro bandas de metal extremo: Lethargic, Schwarzenegger, Pneura e Dioivo. A entrada será de balde, con billeteira inversa para apoiar o festival. E para quen apoie con máis de 5€ haberá dispoñibles discos de agasallo.

Solucións Extremas ten unha dilatada historia no subterráneo vigués, galego e estatal, estando vinculada tamén ao selo Loita Underground. Tomando o seu nome domítico álbum Extreme Conditions Demand Extreme Responses de Brutal Truth, aposta dende o comezo polo Faino Ti Mesmo e polo apoio ás bandas da escena de metal extremo. Nos últimos anos vén celebrando numerosos concertos no Tronko Bar, un punto de referencia obrigado para calquera fan do metal e o rock na zona de Pontevedra.
Nesta edición do particular festival, o cartaz está composto por catro bandas galegas e outra castelá. Os salmantinos Lethargic son quen traerán a Galicia o seu death/doom da vella escola. Por outra banda, Schwarzenegger virá dende Ferrol co seu death metal, e o dúo Pneura, dende Verín, coa súa mestura de death e crust punk. Completa o cartaz o dúo vigués de black metal melódico Dioivo.
Ademais de todo isto, haberá o 19 de novembro no propio Tronko Bar unha xornada previa para quentar de cara ao festival. Dende Solucións Extremas apuntan: «estamos moi en contra das lesións deportivas, e por iso é que apostamos fortemente por un bo quecemento antes dun esforzo como o que nos espera no festival». Para cumplir esta misión contarán coa banda coruñesa de death metal Ruthless, coa banda viguesa de death/grind MUGRE, e coa banda viguesa de black metal Corteza Inhumana.