O Ghallaecia Metalfest unirá Portugal e Galicia na Sala Rebullón de Mos

Impulsado polo podcast Galiza Metálica e o programa radiofónico S.O.S Heavy Metal Radio Show, nace un novo festival de metal na nosa terra: o Ghallaecia Metal Fest, que terá lugar o sábado 26 de novembro na Rebullón, en Mos. O evento xuntará catro bandas galegas, concretamente Elefantes Mutilados, Barbarian Prophecies, Strikeback e Mileth, con tres bandas do sur do Río Miño, Capela Mortuária, Pé Roto e The Mighty Mister Shame. Todo isto presentado por Patty Castro, directora de Galiza Metálica, e Filipe Marta, de S.O.S, co obxectivo de fomentar a relación entre as escenas dos dous países veciños.

Como xa vos contaramos nas nosas páxinas, S.O.S Heavy Metal Radio Show é un programa de longa traxectoria, nacido en 1986, é que dende hai xa bastante tempo promociona considerablemente o metal de Galicia dende o seu espazo na emisora Antena Minho, de Braga. Foi por isto polo queentraron en contacto con Galiza Metálica, un podcast de reciente creación a cargo dunha imprescindible da escena metaleira galega, Patty Castro de Mulleres Galegas Kañeras e ex vocalista de bandas como Meigha. Ambos programas comezaron a colaborar, unión que culmina agora coa organización do Ghallaecia Metalfest.

No festival confluirán diferentes estilos do metal representados por algúns dos mellores expoñentes das escenas galega e portuguesa, chegados de diferentes cidades e vilas. O ecléctico metal alternativo de The Mighty Mister Shame, procedentes de Braga, dará paso ao crossover entre metal e hardcore de Elefantes Mutilado, de Caldelas de Miño. Capela Mortuária, tamén de Braga, collerá o testemuño co seu thrash metal, e Barbarian Prophecies fará o propio co seu death metal melódico. Pé Roto, pola súa banda, practica sludge doom, e Strikeback volverá a traer o thrash metal ás táboas. E finalmente, subirá tamén ó escenario o folk metal de Mileth.

O festival terá billeteira inversa, puidendo aportar os asistentes ao festival o que consideren, como vén sendo habitual en moitos concertos da Sala Rebullón. Unha sala, por certo, da que tamén vos temos falado nas nosas páxinas e que xa ten acollido festivais de metal tan senlleiros como o Napalm Fest.