Noite de punk en Cangas con Trikornio, Eskravos e Gracias por Nada

O vindeiro sábado 10 de decembro terá lugar na SalaSon de Cangas do Morrazo un concerto de tres grupos de punk galegos: os composteláns Trikornio, os estradenses Eskravos e os vigueses Gracias por Nada (GxN). Tres bandas novas que unen por primeira vez forzas cos seus diferentes estilos. 

Trikornio

O trío Trikornio, por unha banda, naceu en 2020 das cinzas do anterior proxecto Reino Animal, e xa teñen editado un álbum, do 2021, titulado Hikikimori, ademais do EP Rekortes de Ostias do mesmo ano. Son Luís á guitarra e á voz, Estrella ao baixo, e Pablo á batería. O grupo define o seu estilo alternativo como «rock raruno», tomando influencias tamén do metal, a psicodelia, o dub ou o rock progresivo, e destacan especialmente pola súa característica estética, apreciable nas súas fotos e nos seus concertos. 

Eskravos

O quinteto Eskravos, por outra banda, naceu en 2021 baixo o nome de Rain Slaves, co que xa deron varios concertos, e definen a súa música como punk e grunge. Está formado por Slim no baixo, Eloi na batería, Uxía na voz e David e Noa nas guitarras.

Alberto e Miguel durante a actuación na Molotov

Finalmente, Gracias Por Nada naceu este ano 2022 a partir do grupo anterior En Proceso, a medio camiño entre Vigo e Compostela. Sergio toca a batería, mentres que Miguel e Alberto comparten tarefas vocais ademais de tocar o baixo e a guitarra respectivamente. O trío ten tocado xa no concerto organizado por Grupos en Loita na Sala Molotov de Vigo, e o seu estilo está influído principalmente polo pop punk e o skate punk. Ámbolos dous grupos atópanse nestes momentos preparando as súas primeiras gravacións.

As tres bandas terán ocasión de compartir o escenario da que é unha das salas de concertos máis destacadas de Galicia, a SalaSon de Cangas. A apertura de portas será ás 21:00 e o evento terá un prezo de 8€.