Con fotos de Carlos Meira.
Her Anxiety é unha banda de metalcore de Vigo nacida no 2020. O pasado venres 18 de novembro lanzaron o seu primeiro traballo, No Land In Sight, co selo estatal Art Gates Records. Porén, aínda que este sea o seu primeiro álbum, a banda esta formada por membros de longa experiencia na escena metal galega, procedentes de bandas como Dysnomia/Dark Eternity, Hills and Valleys, ou a banda precursora His Anxiety, que lanzara en 2013 o EP Asphyxia, alén de varias aparicións en recopilatorios.
Polo momento, a irrupción do renovado grupo colleitou xa unha excelente acollida con videoclips de adianto como “Dear Lion” ou “Adrift”, dirixido o primeiro por Henry Menacho e o segundo por Ana Piñeiro e Carlos Meira, que tamén sacou as fotos da banda. As cancións contan xa con decenas de miles de visitas nas plataformas. Agora, con No Land in Sight xa nas rúas e recibindo numerosas recensións positivas, o quinteto prepárase para a xira de presentación do disco. Nel, escoitamos un metalcore actual e moderno, cun bo compoñente electrónico e melodías ben pegadizas, e tamén cunha forte influencia do death metal melódico máis clásico, entre outras. Tamén escoitamos unhas letras que van dende temas máis persoais ata outros de crítica social como “First World Company”. Así, con ocasión do lanzamento, falamos con Aida, a vocalista da banda, para que nos conte todos os detalles.

Varios dos membros da banda proceden tamén doutras, como a banda de metalcore Hills and Valleys, a banda de death metal melódico Dysnomia, ou a de folk metal Mileth. Credes que se nota esa bagaxe de cada membro á hora de aportar ás cancións do grupo?
Nótase máis no carácter, tanto nos directos e ensaios como na forma de planificar e organizar os plans de ruta. Ao ser músicos con bastante experiencia temos claros os obxectivos e intentamos evitar pedras nas que caímos no pasado. Nótase tamén na capacidade de adaptarnos uns aos outros, é algo que mellora co tempo e coa relación. Con respecto á composición, ao ser obra de Rodri temos que afirmar que a súa bagaxe nótase moito!
Precisamente, nos dous primeiros videoclips que lanzastes, en Dear Lion pode apreciarse o estilo máis puramente metalcore, mentres que Adrift ten unha influencia máis potente do death melódico. Ao compoñer as cancións do disco, buscastes un son determinado para cada unha ou foron xurdindo así?
Foron xurdindo co tempo, temos moitas influencias diferentes e gústanos xogar con todo o que nos atrae. Tentamos ter un sello de identidade pero nunca que os temas sexan uns iguales aos outros.
Ademais de Rodri e Jorge, os vosos guitarristas, para a gravación do álbum contastes con Eloi, outro membro de Dysnomia. Tamén con Óscar de Mafia estudios. Como foi a experiencia da gravación?
Eloi é amigo da maioría de nós dende hai moitos anos. Tanto dentro das bandas coma fóra, polo que no momento que vimos que non tiñamos batería para gravar o disco No Land In Sight non o dubidamos. E por suposto, aproveitamos que tamén ten un estudio propio para traballar con el as gravacións instrumentais. Tivemos moita sorte de que nos dedicara un dos poucos descansos que ten entre os estudios no conservatorio en Ámsterdam e as xiras internacionais, polo que consideramos que somos moi afortunados e agradecémosllo moitísimo.
O traballo en Estudios Mafia foi o da gravación das voces. Decidimos buscar un estudo que tivera experiencia en metal e a verdade é que a experiencia foi moi boa. Por último gustaríanos destacar o traballo de Alex Cappa de Metal Factory Studios na mezcla e máster do disco. Ademáis do enorme traballo que fixo co disco, deixounos moitísimos consellos que teremos moi en conta no futuro.
Axiña comezaredes a presentar o álbum ao vivo. Escoitaremos tamén algunha canción do voso proxecto anterior His Anxiety, ou vos centraredes exclusivamente no novo traballo?
Cando pechamos a porta de His Anxiety, non quixemos deixar todo o traballo compositivo de Rodri atrás, polo que mantemos algunhas composicións súas neste novo proxecto. Sí que é certo que non imos manter nada que non pertenza ao 100% á agrupación actual, nin nada que fora gravado baixo o anterior nome. Tamén consideramos que o novo disco e a nova formación Her Anxiety é un gran paso e unha subida moi destacable de nivel, polo que eses primeiros pasos como «His» hai tempo quixemos deixalos atrás.
Unha das cancións máis destacadas de No Land in Sight, en cuxa portada xa podemos adiviñar a importancia do mar para a banda, é precisamente “Ó mar”, unha canción en galego. Por que decidistes incorporar unha canción na nosa lingua?
A mar é sempre unha constante. Non podemos alonxarnos dela e temos moita sorte de vivir onde vivimos. Cremos que é unha sensación habitual para todos os galegos. Coa portada tivemos moitísima sorte de traballar con Karendra de Healthy People, que é unha gran profesional e captou á primeira explicación o que queríamos transmitir. «Ó mar» é unha canción especialmente importante para min e ten unha letra moi emotiva, que non podería ter sido noutro idioma. E como está moi relacionada coa nosa terra, gústanos que a mensaxe chegue directa e comprensible á primeira.
Por outro lado o galego é moi sonoro, moi armónico e suave para as letras de cancións, pásalle un pouco como ao inglés, e gustounos sempre para escribir. Como dicíamos na primeira resposta, gústanos xogar, polo que aproveitamos todo para facer cancións diferentes. Temos outro tema por exemplo en castelán, que tamén ten moito de historia cercana: «Diciembre».
O metalcore/death melódico en galego conta con varios expoñentes, dende bandas xa extintas como O Funeral de Arela ou Torques MC ata actuais como Cabodano, e tamén podemos apreciar a súa influencia en bandas como Golpe Radikal ou Machina. Escoitaremos máis cancións en galego de Her Anxiety no futuro?
Nunca pechamos portas a un idioma que nos gusta tanto para as letras! Sí que é certo que o obxectivo principal non é centrarnos nun só idioma, polo que nós non seremos un deses referentes “únicos”, pero os apreciamos e respectamos moito o seu traballo.

Queredes recomendarnos algunha ou algunhas bandas máis da escena? Ben sexa de metalcore ou de metal en xeral.
Como ben dis, hai unha boa representación do idioma galego na escea, por nombrar algunhas das que más se estan a mover: Dioivo, Tenue, Arrythmia… É que hai un montón delas, e gracias a medios como o voso podemos coñeceleas, seguilas e darnos conta de que o idioma non é un impedimento para poder facer música de calidade xa sexa co folclore ou sen él.
O papel dos festivais galegos, dende o Resu ao Kanekas, é clave precisamente na difusión da escena. Vós pasastes por varios deles ao comezar a promoción do voso álbum. Que tal vedes a situación dos festivais de metal por aquí?
Ir a festis como público é unha marabilla. E a nós encántanos! E encantaríanos tocar en todos. Levamos anos asistindo a moitos deles e cremos que temos sorte tendo tantos festivais de calidade tan preto. Cuadrou que fixéramos as primeiras pegatinas e púas nas datas de verán, polo que aproveitamos para deixalas en todas as esquinas que encontramos libres. Cremos que vai moita xente e sempre está ben ter formas novas de darse a coñecer. Digamos que aproveitamos calquera excusa posible para iso: viaxes, bares de colegas, concertos, salas de ensaios… A situación dos festivais, pois depende, moitos sufriron un gran golpe pola COVID, polo que tampouco imos dicir que sexa a mellor situación para as organizacións. Pero a verdade é que o público parece que responde ben e iso é xenial. Ver os festis e concertos cheos alégranos a todos!
Dentro do que é a promoción dádeslle moita importancia ao apartado audiovisual, con varios videoclips e lyric videos cunha coidada estética. Que é o que buscades transmitir e conseguir con eles?
Na época na que nos atopamos, na que hai tanto movemento dixital e os tempos de atención son tan curtos, pensamos que era básico apostar por un traballo de calidade nos vídeos. O videoclip de “Dear Lion” e o lyric video de “First World Company” son obra de Henry Menacho, que xa traballara con Dysnomia no pasado e ten moitísima experiencia no metal, e fixo un traballo de dez cos nosos vídeos. O último videoclip que publicamos, “Adrift”, é obra de Carlos Meira&CO, cos que xa traballáramos nas sesións de fotos, pero que non teñen tanta experiencia no audiovisual. A verdade é que deron o cen por cen connosco e quedou un resultado incrible.
Buscamos transmitir un pouco o que hai detrás das letras das cancións, ademáis de reflectir o que somos e como traballamos. Por exemplo, eu doulle moita importancia aos meus outfits e o impacto visual que provocan. É unha forma de arte engadida á música que tamén transmite, é algo máis que xa forma parte da banda e tamén será parte dos directos.
Tamén tedes unha presencia moi activa en redes. Que tal estades vendo a resposta da xente? É esencial hoxe en día para as bandas coidar as súas redes sociais?
Gústanos estar en contacto coa xente e saber as súas opinións e reaccións. A resposta non a imaxinábamos tan participativa! Agradecémoslle moitísimo á xente que se implica connosco a diario nas stories de IG por exemplo. Non sabemos se é esencial, pero a verdade é que é unha gran oportunidade de ofrecer as novas de primeira man e responder á xente de forma áxil.
Por que vos decantastes por Art Gates Records para sacar o álbum? Foi difícil o proceso de atopar unha discográfica axeitada pasar sacar o disco?
A verdade é que para Art Gates Records só temos boas palabras. Foron especialmente atentos dende o primeiro momento, antes incluso de firmar con eles. Ofrecéronnos a súa man e o seu apoio, e responderon aclarando calquera dúbida no momento. Así que no momento da decisión non houbo moitas dúbidas, eran os axeitados e non nos arrepentimos. O proceso non foi demasiado complexo porque tampouco quixemos dar voltas e voltas. Queríamos unha cousa, Art Gates Records ofrecéronnos exactamente o que buscábamos e foi amor a primeira vista.
Moitísimas grazas por responder ás nosas preguntas e moito ánimo defendendo No Land in Sight en directo. Nós dende logo non perderemos eses bolos!
Moitísimas grazas a vós polo voso tempo! E sobre todo a todos os que lean esta entrevista ata o final, estamos encantados de tervos na nosa familia. Mandámosvos unha aperta enorme a todos!