Ruinas estrea o vídeo de “Lázaro”, pertencente ao EP Resurrekzión

Ruinas é un dúo afincado en Ferrol, formado por Ángel (na batería) e Rober (na guitarra, baixo, voces e sintetizadores), membro tamén da lendaria banda coruñesa Machetazo. A música do dúo, fundado en 2018, mestura principalmente o death metal e o grindcore, máis tamén inclúe elementos electrónicos de estilos como o synthwave e o darkwave. Precisamente nestes últimos estilos encádrase “Lázaro”, canción de 17 minutos que pecha o seu último EP Resurrekzión, e que recibe agora un videoclip, ou máis correctamente, unha “visualización cinemática”.

Resurrekzión, editado a mediados deste ano, é o segundo traballo da banda, despois de Ikonoklasta en 2020. Foi tamén lanzado polo selo italiano Spikerot Records, e, ao longo da meirande parte da media hora de duración do EP, o estilo dominante é un death/grind que entronca co practicado por Machetazo e por outras bandas de Rober, como Banished from Inferno ou, especialmente, Ovakner. Porén, o seu ton propio, descarnado e desolador, vencéllao irremediablemente ao máis puro crust punk. En todo caso, nos dous últimos temas o EP muta considerablemente, pasando o son dominante a ser o electrónico e o ambiental.

Concretamente, “Lázaro” toca diferentes vertentes do darkwave e o synthwave e tampouco faltan nela certas reminiscencias do hardcore e o metal, apreciables especialmente nas seccións finais do tema. O carácter envolvente da canción faina perfecta para un vídeo destas características, realizado por Underoom Studio, onde as imaxes xuxtapóñense a medida que esta progresa e evolúe.

A propia banda define esta canción como “experimental e inconvencional”, estando “humildemente influenciada polo dark synthwave, o prog rock giallo e as clásicas bandas sonoras de terror á John Carpenter, Goblin e similares”, para evocar “unha viaxe a través da morte… E volta”. Escríbese así un novo e máis que digno capítulo da afianzada relación entre a electrónica escura e a música máis extrema.