Manu, de Kaleikia: “Queriamos facer algo de aquí, algo autóctono”

Por Patty Castro.

Hoxe véñovos falar dun grupo instrumental. Dunha banda de Sanxenxo, Kaleikia, que nace na época estival de 2017 a partir dalgúns dos integrantes doutro grupo da vila, Vulkano Rock. Dunha banda de post rock que sorprende polos seus pasaxes sonoros, cheos de reminiscencias incluso metaleiras e de melodías que atravesan coa súa gran intensidade.

Os tres integrantes procedentes de Vulkano Rock atoparon, coa incorporación do piano nas composicións, o que andaban buscando. Un enraizamento co mar que rompe contra as rochas e que contemplan dende a ventana do local de ensaio. Uns temas que falan do amor pola terra onde viven, que os arrodea, e que vén cargada de historias pasadas que transmiten nas súas composicións, facendo “letras” con acordes e sensacións.

Son Manu Kölmel (batería), Pablo Senra (baixo eléctrico), Manu Méndez (guitarra eléctrica) e a pianista Pilar Fernández Yuste, que tamén incorpora nalgúns temas a arpa celta. Xuntos conxuran pasaxes escuras, livianas, que se sudecen mesturando sabores nesta paisaxe sonora. Tiven o pracer de poder falar para Rouco Son con Manu Méndez, o guitarrista da banda.

Kaleikia

Moi boas, Manu! De onde vén o nome do grupo?

Moi boas, Patty! Pois Kaleikia foi o nome que lle deron os gregos á nosa zona cando chegaron, para comerciar cos castrexos da zona da Lanzada.

E a vosa propia historia como banda, como comezou?

Pois a verdade é que comezou xa hai uns anos sendo un trío, con Pablo, Manu e máis eu mesmo. E debido ó interese de Pablo por estar ao tanto de grupo noveis en todo tipo de escena, foi el o que me deu a escoitar a Toundra, o grupo madrileño, que me sorprendeu e encantou. Eu veño do mundo clásico e do jazz, e esa mestura de rock e jazz que atopei en Toundra fíxome pensar en facer algo de aquí, algo autóctono. Lieinos para comezar o proxecto, e deixáronse liar. Así foi como en xuño de 2017 xuntámonos coas ideas que tiñamos sobre este proxecto, compartímolas e emsamblámolas e xurdiu o noso traballo Oileán Fada.

Aínda que o proxecto nace como un trío, nese mesmo verán en agosto, na presentación do grupo nun local do Grove, no Twist and Shout, Pablo Senra avisou a unha coñecida súa, Pilar, que xa sabía que tocaba o piano. Liámola para subir tocar unha, e a verdade, saíu tan ben , que eu creo que si o ensaiásemos , xamais quedaría así de ben. Así que non tivemos dúbidas ,Pilar quedaba no grupo, non había mais que dicir. E, a partir de aí, realmente, foi a nosa inflexión. Nas nosa composicións, incluir o piano clásico varía completamente o que sería cambiar o combo clásico de rock. E, sen dúbida, aportou apertura á hora de compoñer.

Dende o inicio do proxecto, a idea foi crear un repertorio de temas propios e instrumentais para poder gozar dunha maior liberdade á hora de compor. Así fixestes e continuades a facer. Cal sería a etiqueta coa que vos atopades a gusto?

Pois nós normalmente falamos de post-stoner, con referencia a grupos que nos encantan: Tool, Queens of the Stone Age, Kyuss, Muse, Led Zeppelin… Con todos os respetos por estas grandes bandas. Nós temos o noso humilde e honesto proxecto.

Manu Méndez, gravando nos estudios Mafia

E, de que tratan os vosos temas? Que queredes transmitir con eles?

O que nós queremos describir son as nosas paisaxes mediante a música. De feito, o título do noso álbum, Oileán Fada, significa A Lanzada en celta antigo. E o noso primeiro tema, co que abrimos este traballo, chámase “Chan de gorita”Atópase na zona alta da parroquia de Bordóns, e é unha zona megalítica do Concello de Sanxenxo, onde podemos atopar ata 6 mámoas que datan de hai máis de 6.000 anos. Cremos que este tipo de baluartes que temos a sorte de poder ter non son recoñecidos tal como merecen, pois a fama deste lugar vén por outros atractivos turísticos.

Realmente, ós temas, ó non ter letras e facer música instrumental, puxémoslles nomes destes lugares onde vivimos, para referencialos dalguna maneira. E démonos conta de que podiamos perfilar a historia destas parroquias e aldeas e contalas a través da nosa música, conseguindo así contar historias. Baséanse nos lugares onde nós medramos como persoas. E como eu vivo no concello de Meaño, colindante co de Sanxenxo, pois tamén un dos temas fai referencia a esta zona, onde traballo como adegueiro.

En que estades neste momento metidos como banda?

Pois atopámonos dándolle caña ao segundo álbum de estudio, traballando con Óscar Fernández, Chichi, de Estudios Mafia, no Carballiño. Xa confiaramos nel no anterior disco e seguimos encantados co seu bo facer. E, se todo vai ben, neste inverno tentaremos finiquitalo o antes posible.

Pois desexando poder escoitar o voso novo traballo, onde poidamos escoitar e redescubrir esas paisaxes fermosas cheas de historias que ides fiando coa vosa música. Moitas grazas por esta entrevista para Rouco Son!

Grazas a vós e apertas!