A música rock en galego ten xa sete décadas de historia. Hoxe en día xa e fácil nomear numerosos grandes grupos de rock que canten ou cantasen, total ou parcialmente, na nosa lingua. Nalgúns estilos os nomes abrollan directamente na cabeza, mentres que noutros hai que rebuscar un pouco máis. Pero hainos en practicamente todos. De feito, hoxe en día resulta practicamente inabarcable falar en profundidade de todas as tendencias do rock, o punk e o metal en galego, e todas ben o merecen. Porén, si que é posible trazar unha xenealoxía do rock feito en galego, dende o seu nacemento a partir das orquestras das verbenas, aínda omnipresentes en Galicia ata variantes máis contemporáneas que xa pouco ou nada teñen que ver con aqueles comezos.
Nos anos 50 e 60 xa estaban extendidos por toda Galicia as orquestras e bandas que amenizaban os bailes e as verbenas. Aínda que musicalmente eran totalmente distintas ás de hoxe en día, a esencia da súa función era a mesma; algunhas de feito, perviven dende aquela época con éxito, como a París de Noia, fundada en 1957. Pouco a pouco, nos anos 60, este tipo de agrupacións, inmensamente populares e que chegaban facer incluso xiras internacionais, comezaron a incorporar elementos do pop e o rock.
Porén, no contexto político do franquismo, non foi ata 1964, comezando a recta final do réxime, cando puideron comezar a gravar, moi esporadicamente, algunha canción en galego. A primeira destas gravacións, como sinala Fernando Fernández Rego no seu libro Unha historia da música en Galicia, foi “Galicia, terra nosa” dos noieses Los Tamara. Esta banda, á súa vez colleron o tema doutro grupo contemporáneo, Los Españoles. Estes últimos tamén foron pioneiros en gravar e lanzar, en 1968, unha adaptación dun poema de Curros Enríquez, “Unha noite na eira do trigo”, nun sinxelo conxunto con outra temperá canción en galego, «Morriña». Esta última canción é un bolero que o grupo xa gravara, aínda sen instrumentación eléctrica, en 1960, pero na regravación de 1968 xa incluíron elementos máis propios do pop rock sesenteiro.
Ademais de «Galicia, terra nosa» ou «Morriña», o investigador Alfonso Espiño cita nunha entrevista ao respecto de 2019 na Radio Galega outra canción precursora, «Carmiña Taberneira» de Manolo Mirás e Rafa. Mirás é unha figura verdadeiramente peculiar na época por ter editado a súa música co seu propio selo Mirman’s. Isto fai que sexa un pioneiro da música independente, pero tamén que a súa música sexa relativamente difícil de escoitar e investigar hoxe en día. A canción en cuestión faría parte dun EP promocional de nada menos que 1961, e nela escoitamos o que é unha canción puramente tradicional galega, pero interpretada con órgano, guitarra e baixo eléctricos. A pesar de non ter a un nivel compositivo os trazos pop rock da canción dos Tamara, é digna de mención pola súa instrumentación pioneira.
Estas primeiras cancións en galego, cuxos elementos pop e rock eran aínda moi incipientes, tiñan ademais que restrinxirse a temas aceptables pola censura da época. É dicir, principalmente ao costumismo e o enxebrismo. A letra de “Unha noite na eira do trigo”, en todo caso, é unha historia de desamor que agocha un drama vivido especialmente pola poboación galega: o da inmigración. Os artistas tiñan que ter coidado non só con non empregar demasiado o galego nin tratar temas políticos, senón con que os seus temas sobre amor e diversión non fosen demasiado inapropiados, como se considerou aos temas do estilo twist que varias destas bandas fixeron a principios dos anos 60. Tamén hai que ter en conta o servizo militar obrigatorio, que empurraba a cambiar de membros ou disolverse a moitas bandas da época.
Tamén podemos mencionar nesta primeira época a Los Players, con cancións como “Galicia dos meus amores”. 1968 foi un ano clave coa celebración en Pontevedra do Festival Galego da Canción Moderna, un concurso ao que era obrigatorio presentarse con dúas cancións, polo menos unha delas en galego e que contou no xurado con figuras destacadas da cultura e tamén activas na política clandestina antifranquista, como Xosé Luís Méndez Ferrín ou o cantautor Benedicto. Este último foi arrestado ese mesmo día por interpretar, como parte do festival, unha das súas cancións, ao considerarse que proferiu “frases subversivas”. Os gañadores do concurso foron Los Drakkars, coa canción en galego “Non chores máis”.
A forte influencia dos Beatles neste grupo presaxiaba o nacemento definitivo e consolidado do rock en galego, que comezaba por fin a diversificarse. Aínda que non empregaban o galego nas súas letras, cabe mencionar ao respecto disto a bandas como os Microns, que versionaron a canción de jazz rock “Liberation”, de Chicago Transit Authority, ou Linces Pop, que fixo o propio co rock heavy de “Whole Lotta Love”, de Led Zeppelin. Tamén cabe mencionar a Generación 49, un grupo instrumental que mesturaba o rock da época coa música tradicional galega. Esta influencia da nosa tradición musical estaba bastante presente en varios destes grupos.

En 1969 prodúcese todo un punto de inflexión na música en galego, co lanzamento do sinxelo “O tren” de Andrés Do Barro. Esta canción pop en galego foi o primeiro número 1 nas listas estatais no noso idioma, fazaña que Do Barro volvería acadar tres veces máis. Este tema sobre a saudade continúa a ter un estatus mítico en Galicia, e foi instrumental para demostrar a valía do galego para a música contemporánea (polo que se lle perdoan sobradamente os pronomes mal colocados). O ano seguinte chega o seu primeiro álbum de longa duración, Me Llamo Andrés Lapique do Barro, case integramente en galego. Xunto a outros álbumes como o primeiro dos Tamara ese mesmo ano, Na Fermosa Galicia, comezan demostrar que o galego vale e funciona non só para sinxelos esporádicos, senón tamén para discos enteiros e para carreiras enteiras.
Andrés do Barro naceu en Ferrol e era fillo de militar, polo que tivo que vivir tamén en Bilbo ou en Madrid. Alí experimentou a morriña pola súa terra e pola lingua galega, que se vén non herdou directamente da súa familia, si coñeceu a través da súa coidadora Cipriana, que só sabía falar galego, e das estancias familiares no rural nos veráns. Xa nesa época, nunha entrevista coa revista xuvenil Mundo Joven, Do Barro lamentaba que en Ferrol o galego “se habla menos”, incluíndose entre as “personas empeñadas en el resurgir de nuestra lengua”. O cantante continuaría a empregar principalmente o galego nos seus dous álbumes restantes, antes de retirarse da música a mediados dos anos 70, deixando atrás unha carreira fulgurante na que chegou ser toda unha icona pop e adolescente, sendo moitas veces portada nas revistas xuvenís e mesmo protagonista dun filme.

Outro artista clave do pop rock en galego a comezos dos anos 70 é o grupo pontevedrés Queimada, xurdido das cinzas dos Drakkars. Despois de trasladarse a Madrid para buscar un mellor futuro na música, lanzaron en 1972 o álbum Claqueta 1, 2, 3 y…, que inclúe as cancións en galego “Non chores máis” (da época dos Drakkars) e o hit “E tropezou”, que tamén tivo que ser gravado en castelán por presión da discográfica. Tamén hai que mencionar nestes anos ao solista Xetxu, que grava un sinxelo xa puramente rock en 1972 coas cancións “Xohana” e “Xohana parte 2”. Aínda que a influencia dos Beatles fora clara en moitas bandas galegas da época, como Queimada, foi Xetxu quen explorou de forma máis clara a vertente psicodélica que os británicos exploraron xunto a outras tantas bandas internacionais na segunda década dos 60.
A estas alturas, o pop rock en galego xa comezaba estar cada vez máis extendido a diversos artistas. Aínda se promocionaba e impuña por parte das discográficas españolas a imaxe das bandas galegas co estereotipo do rural atrasado. Véxase as fotos con hórreos ou carros dos Sprinters, banda que acompañou a Andrés Do Barro, que intetou quitar de enriba esa imaxe. As letras aínda tiñan que estar cinguidas en boa parte ao costumismo e o enxebrismo. Pero, paralelamente ao éxito do folk e da canción de autor en galego, demostrábase que o público de Galicia quería cancións no seu idioma, e que o público internacional sabía aprecialo igualmente.

Juan Pardo, criado en Ferrol e tamén fillo de militar, xa era un cantante e produtor musical ben establecido cando comezou publicar sinxelos en galego a finais dos 60 e principios dos 70, producindo tamén álbumes de Do Barro ou de Queimada. Xa en 1976 publica un disco enteiro na nosa lingua, Galicia, Miña Nai dos Dous Mares, cheo de adaptacións ao galego de figuras destacadas da nosa poesía, e o galego estaría máis ou menos presente ao longo de toda a súa carreira. E tan cedo como en 1973, o cantante pop rock Bernardo Xosé sacara un álbum homónimo practicamente enteiro na nosa lingua. Fíxoo coa discográfica Belter, que compartiu con Andrés do Barro e tamén con Manolo Escobar. Tamén publican sinxelos en galego a principios dos 70 o grupo Mahia ou o solista Xil Ríos, que se faría especialmente popular a partir de 1980 con éxitos como “Xirarei”, case sempre en galego.
Hai que mencionar tamén nesta tendencia o álbum homónimo de Pilocha, en 1978, cun pop con elementos folk e rock ás veces case progresivos. Tamén, como curiosidade, a Choca Esos Cinco, o disco que ese mesmo ano lanzou o dúo Keltia, formado polos atletas Alvaro Someso e Xosé Ramón Gayoso, que lograría a fama posteriormente como presentador da TVG. O disco mestura cancións en castelán con outras en galego, incluíndo adaptacións de poemas. Precisamente, esta indecisión por unha ou outra vertente puido ser parte das causas do feito de que o álbum ficase en boa parte esquecido, nunha época en que os discos en galego destas características tiñan un mercado potente.

Non hai que caer, en todo caso, en pensar que todos os artistas que facían música en galego nesta época eran convencidos activistas comunistas ou nacionalistas; había de todo, dende himnos revolucionarios ata as cancións que Juan Pardo fixo para campañas electorias de Fraga. Pero o galego non deixaba de ser (aínda é) a lingua propia de Galicia e da maioría da poboación galega, polo que para as discográficas era inevitablemente un mercado a explotar. Todo isto coincidiu cos últimos estertores e eventualmente coa fin do réxime fascista de Franco, coa consecuente reducción da censura lingüística, aínda que o galego seguiu sendo unha lingua confinada a determinados estilos pola censura privada da industria musical e cultural.
Entre estes artistas que fixeron de ponte entre a canción de autor, o pop, o rock e a tradición galega, hai outro nome especialmente destacado: o de Luís Emilio Batallán. Este cantautor sacou un álbum en 1975, Aí Vén o Maio, de estilo folk rock. Ademais de ser un enorme éxito de ventas, supuxo un primeiro achegamento da música galega ao rock progresivo que triunfaba internacionalmente na época, incluíndo aquí e acolá varios elementos propios deste estilo, e integrando tamén o son da gaita.

Esta mestura entre folk rock e rock progresivo é aínda máis clara nos álbumes de Bibiano, cantautor vencellado ao mítico colectivo Voces Ceibes. O primeiro deles foi Estamos Chegando ó Mar (1976), para o que o galego rodeouse, nos estudios Audiofilm de Madrid, de músicos da escena rock catalá, como sucedera por exemplo co Xohana de Xetxu, coincidindo en ambos o batería Santi Arisa de Fusioon. Neste álbum aínda non hai gaita, pero esta é emulada por un sonido minimamente afín dun sintetizador, cousa que xa escoitaramos por exemplo en temas de Andrés do Barro como “Si vienes a San Simón”.
Nos seguintes discos de Bibiano, tamén gravados en Madrid, si que comezamos atopar a destacados músicos galegos, en varios casos membros doutras bandas de rock progresivo como NHU, Outeiro ou DOA. E é que o rock progresivo pasou ser unha das formas dominantes do rock en galego durante uns poucos anos, tomando gran influencia da música tradicional propia dun xeito que lembra o que a moita maior escala ocorría en Andalucía coa mestura entre rock e flamenco.
NHU foi a banda que fixo un rock progresivo máis canónico, mentres que Outeiro miraba máis cara o jazz fusión, que Alecrín ou DOA tamén mesturaron co folk; estilo este último que, así mesmo, protagonizaba o son progresivo de Brath ou Taranis. Tamén empregou a gaita o grupo de Portonovo, que meturaba o rock progresivo cun pop rock máis desenfadado. Aínda que o momento de maior eclosión internacional do rock progresivo xa pasara, en Galicia este estilo continuou a ter unha boa presencia e grandes referentesnos anos 80, 90, e mesmo ata a actualidade.

Estando a principios dos anos 80, xurdiría neste momento un movemento musical en Galicia que cambiaría moitas das normas existentes, coñecido como A Movida. Nacida paralelamente, pero tamén con afán de oposición, ao movemento homónimo que tiña como centro Madrid, en Galicia foi especialmente notoria a Movida de Vigo. Aínda que na súa maior parte desenvolveuse en castelán, houbo unha banda especialmente importante que fixo a súa carreira en galego: Os Resentidos, que sacaron múltiples álbumes cun gran éxito de público e crítica, ademais do omnipresente hit de 1986 “Galicia caníbal (fai un sol de carallo)”.
Alén deles, outros dos máis míticos grupos da movida viguesa como Siniestro Total ou Aerolíneas Federales, e outros máis pequenos e tardíos como Unión Penosa ou os porriñenses Callos Louriña, sacaron varias cancións soltas en galego. Na outra principal urbe galega, A Coruña, tamén xurdiu un movemento cultural similar, aínda que non tan prolífico musicalmente, denominado Atlantismo, onde bandas míticas como Radio Océano tamén incluíron temas en galego nos seus discos.
O son destas bandas era relativamente ecléctico, indo dende un punk sen compromiso que mesmo chegaba tocar o hardcore, ata o pop rock propio da chamada nova onda, pasando polo post-punk, de corte máis experimental. A súa vontade máis moderna e urbana, e de ruptura explícita co anterior, fixo que musicalmente tiveran un vencello moito menor coa cultura e a tradición musical galega que boa parte dos artistas anteriormente mencionados, exceptuando claramente o caso da forte influencia folk dos Resentidos. Non hai que esquecer tampouco que Bibiano foi, como promotor musical e como propietario da sala Kremlin, un dos principais impulsores deste movemento en Vigo.
Ademais de en Vigo e en Coruña, por suposto, tamén houbo pop e rock oitenteiro por toda Galicia, e no referente ao pop rock en galego hai que mencionar a recompilación O Pulso do Tempo, impulsada pola Xunta e a Deputación da Coruña para promover o galego. Nel participan 10 bandas, case todas de efémera existencia, exceptuando aos ourensáns La Rosa, que polo demais desenvolveu a súa carreira en castelán. Xa coa fin da década e nos comezos dos 90 hai que mencionar aos composteláns Os Quinindiolas, que mesturaban en galego o rock co funk e o hip hop, e aos vigueses Os Piores, que tamén fixeron algunhas cancións na nosa lingua co seu pop rock escuro.
É a partir da segunda metade dos 80 cando as cousas empezan poñerse realmente intensas no rock en galego. E é que, ao marxe do incipiente punk da movida, comeza xurdir por toda Galicia, dende as cidades ao rural, un amplo movemento punk e hardcore que, desta vez si, empregou de xeito relativamente xeralizado o galego como lingua vehicular, ao ser en boa parte un estilo contestatario e politizado. Aínda, como con boa parte dos estilos anteriores, chegaba a Galicia algo máis tarde do que a outros países do mundo, pero veu para quedarse, inaugurando unha tradición sólida que aínda continúa hoxe en día.
Cabe facer un resumo cos principais expoñentes do punk en galego, aínda que o tema ben merece, e terá, unha reportaxe propia. Así, neses primeiros anos grávanse varias maquetas en galego, como as de Sindikato Agrario de Lugo as dos moañeses Os Raiados, que chegaron sonar nas radios e actuar na TVG, e as de Mördor, de Cerceda, xérmolo da banda aínda en activo Zenzar.

A partir do exemplo dos Raiados, xurdiría no Morrazo unha importante escena punk que chegaría deixar varias gravacións importantes nos anos 90 e máis alá, con grupos como Soak (inicialmente Kaos) ou Nabarraka, que incorporan influencias doutros estilos como o ska ou o hardcore, ou os Ruín Bois, inscritos no movemento coñecido como o Oi!, vencellado aos skin-heads antifascistas e de clase obreira. Nesta liña xurdirían tamén outros grupos en Vigo nestes anos, como Skacha ou Keltoi (ben coñecido polas súas cancións como siareiros do Celta de Vigo).
Tamén xurde en Galicia con moita forza o hardcore punk, un estilo moito máis rápido e agresivo que o punk orixinal. Agroman bandas de todos lados que sacan maquetas hoxe míticas con algúns ou mesmo todos os temas en galego: Fame Neghra ou Dirty Barrighitas en Compostela, os reintegracionistas Eutanasia Activa en Ferrol, Mc Arróns en Esteiro, Néboa e Desvirgheitors en Vigo… Estes últimos, xa a principios dos noventa, comezan mesturar o hardcore punk con estilos do metal para dar lugar ao coñecido como crossover thrash, no que atopamos a outras bandas como Mol na Coruña, Mala Oxtia na Mariña de Lugo, Túzaros en Compostela, ou mesmo os primeiros discos de Zënzar, que posteriormente terían unha traxectoria máis puramente punk. Estes últimos impulsaran xa en 1993 a recompilación Rock na Costa da Morte, con varias bandas da zona.
Falando de diversificación de estilos punkis, comeza xurdir tamén nos 90 en Galicia o ska punk, que mestura o punk máis intenso con sons xamaicanos, e que tivo en Xenreira ou Nen@s da Revolta algúns dos seus primeiros exemplos. Este estilo tivo posteriormente numerosos continuadores en Galicia, convertíndoo nun dos xéneros infaltables en calquera festival musical de verán, con bandas como Skarnio ou Dakidarría xa nos anos 2000, e un longo etc. Tamén xurdira naquel tempo a mestura entre o punk e as gaitas do folk galego, con exemplos temperáns como os dos Verjalhudos ou os Rastreros.
Boa parte destas bandas adscribiríase, a partir de 1994, ao novo movemento coñecido como rock bravú, que chegou ser toda unha sensación na época coa súa mestura de punk rock e tradición galega da man de bandas tan populares como Os Diplomáticos de Monte Alto, Heredeiros da Crus, Os Papaqueixos ou O Caimán do Río Tea, e posteriormente outros como Ruxe Ruxe. Sobre o rock bravú xa teñen corrido ríos de tinta, sobre todo en relación con outro verdadeiro fenómeno na música galega da época, o Xabarín Club. O Xabarín promoveu o galego de xeito imprecedente entre a cativada galega dos anos 90, apoiado por unha inconmesurable colección de temazos de moitas das bandas xa mencionadas.

Tamén foron fundamentais para o desenvolvemento do movemento as recompilacións comúns, como Unión Bravú en 1996 ou Selección Xa! en 1997, esta última para reclamar unha selección de futbol galega, contando coa colaboración nas voces de varios futbolístas de primeira liña do Celta, do Depor ou do Compos, entón en primeira división.
Paralelamente ao punk en galego, por suposto, desenvolveuse aínda que polo momento a menor escala, o metal en galego. O primeiro exemplo foi o da maqueta de 1987 da banda de rock heavy luguesa Épsilon, para logo dar paso en 1989 ao thrash metal de Xudef Klas ou as bandas de crossover xa mencionadas. Tamén hai que mencionar nos 90 o metal alternativo con influencias do rap dos mariñaos Skornabois, tamén vencellados ao movemento bravú, e aos cangueses Astarot coa súa mestura de rock duro e heavy metal, que adaptaron numerosas canciones populares e poemas galegos ao seu estilo nunha carreira que aínda hoxe continúa.
A maior diversificación do estilo chegaría, porén, a principios dos anos 2000, con bandas de estilos máis extremos e escuros como Xerión no black metal, Wisdom e Glut no death metal e o grindcore, ou Madame Germen no estilo relacionado do crust punk. Nestes anos mesmo bandas tan grandes como Los Suaves ou incluso os madrileños Mago de Oz animáronse a sacar temas en galego.
Xa que ficamos nos principios dos anos 2000, despois de tanta caña non podemos esquecernos de artistas de rock máis suave como Ataque Escampe, The Homen, Narf ou a Psicofónica de Conxo. En efecto, o rock en galego convertérase xa nun fenómeno xeralizado e inabarcable nunha pequena reportaxe ou unha pequena charla. Sobra dicir que continúa a gozar de boa saúde, con numerosas bandas asaltando os escenarios de salas e festivais galegos para tocar ante miles de persoas. Así que, como non queremos esquecer de ningúen ao falar do rock en galego máis actual, terá que quedar para a seguinte!