Os Vacalouras celebran o seu XV aniversario na sala Master de Vigo

Con fotos de Leslie Méndez.

Despois dunha andaina que comezou alá polo 2007, cando os seus catro integrantes aínda estaban no instituto, Os Vacalouras son por dereito propio unha das bandas máis destacadas da escena viguesa. E reis indiscutibles de Teis, por suposto, xa que sempre levan a súa parroquia por bandeira. Como quince anos ininterrumpidamente en activo non os acada calquera, non podía faltar, para conmemorar a ocasión, un concerto especial polo 15 aniversario. E este tivo finalmente lugar o 16 de decembro do xa pasado ano na viguesa sala Master.

Case xusto un ano atrás, o 10 de decembro de 2021, tivera lugar nesa mesma sala o concerto de presentación do seu último álbum Xuventude Prexubilada, lanzado da man da súa promotora Galunk Producións. Un traballo que, aupado por sinxelos viralizados como a colaboración con Quim Barreiros “O Samil é Portugal”, supuxo o pulo definitivo que fixo que o grupo sexa coñecido por Galicia adiante, xa que pola zona de Vigo xa levaban anos sendo míticos como o que máis. Despois de percorrer boa parte da xeografía galega ao longo do ano, xa era hora de volver tocar na casa, e a xente respondeu á chamada ateigando a entrada da sala antes do comezo do concerto.

Fotos de Leslie Méndez

Os Vacalouras son, dende o seu nacemento, os mesmos catro rapaces de Teis: Gabi na gaita e na voz principal, Pepe no baixo (e voz en temas como “Fedes a faiado”), Victor na guitarra e nos coros, e Adri na batería. De feito, é habitual que aos seus nomes acompañe o Vacaloura a modo de apelido, como nos Ramones ou como na Familia Caamagno. Co seu punk rock inzado de elementos folk galegos e as súas letras retranqueiras, teñen desenvolto unha identidade moi persoal, que ten evolucionado moito pero que tamén segue sendo en esencia a mesma que amosaban nos seus primeiros traballos, o que chamaron “pataca ‘n’ roll”. Ten mérito!

Agora son xa xuventude prexubilada, pero levan sacando discos dende o álbum Xa Están Aquí de 2011, pasando polos EPs Eres Punki i Non o Sabes (2014) e Capacho Rock (2016), ademais de múltiples sinxelos ao longo dos anos. E, precisamente, neste concerto fixeron un percorrido ao longo de toda a súa discografía, chegando incluso ás súas primeiras gravacións caseiras “dos tempos do maispeis”. Agora fan parte de Galunk Producións xunto a outros destacados artistas galegos como Rebeliom do Inframundo, Grima, Arrhythmia, Youcanthide, Liska ou Skándalo Gz; e xa teñen tocado en moitas das principais festas e festivais do país, tanto como Os Vacalouras como co proxecto paralelo Orquesta Neverloura, que comparten cos integrantes de Neverside. Así que, como podedes ver, hai moita traxectoria que repasar.

Fotos de Leslie Méndez

Despois desta introdución, toca entrar en faena. Os Vacalouras eran o único grupo no cartaz, polo que podían permitirse practicamente todo o tempo que quixesen para repasar a súa carreira. Logo da media hora de rigor despois da apertura de portas, coa xente xa nos seus postos, comezou soar o “Xente maior facendo botellón”, un tema pertencente ao último álbum pero que xa levaba moitos anos facendo parte do repertorio en directo do grupo. Cuns cánticos doados de seguir polos asistentes e cunha letra ao máis puro estilo dos Vacalouras, era un tema perfecto para comezar o concerto. Porén, a seguinte xa foi “A señora Maruja”, do EP de 2014, para comezar cos temas máis retrospectivos.

E ao ser un concerto de Nadal (xa que o Nadal en Vigo, como sabedes, comeza como moi tarde en novembro) non podían faltar as panxoliñas. Houbo varias ao longo do concerto, comezando con “Os peixes do lagares”, unha adaptación dunha panxoliña mítica que o grupo sacou xa alá polo 2012. Seguiron esta canción con nada menos ca unha versión dos Tamara, a navideña “Os anxeliños d’o ceo” (sinxelo de 1967). Porén, axiña volveron os temas propios, cun dos que máis soaron do novo álbum e que tamén leva anos sendo ben coñecido polos seguidores do grupo: “A canto está o rapante?”. Con este tema, os asistentes xa entraron definitivamente en calor, e comezaron os pogos. E falamos de calor figuradamente, porque en sentido literal, dende logo, fixo moito calor dentro da sala durante todo o concerto. Agora xa directamente comezaría fluír a súor a borbotóns tanto enriba como debaixo do escenario, como debe ser. Sinal dun bo concerto!

Fotos de Leslie Méndez

A continuación, tocou, xa por fin, remontarse por primeira vez ao álbum de 2011 con “Terrorismo rural”, á que logo seguirían outros temas destacados deste primeiro disco. Concretamente, neste instante, unha das cancións máis míticas do grupo dende hai 11 anos: “Súbete ao vitrasa”, acompañada pola característica reprodución en miniatura do autobús urbano vigués que foi saltando por todo o público antes de volver ao escenario. Este elemento visual leva acompañando ao grupo todo este tempo, ao igual que os coloridos bañadores vestidos por Pepe ou a máscara de Shrek que luciron en varias ocasións. Tamén cabe facer mención ás camisetas de Gabi: ese día tocou a de “Canta merda Xunta”, pero non podemos esquecer a de “Gora ETEA” ou a de “Vai traballar”.

Volvía tocar unha do último álbum con “Quero ser Miro Pereira”, o tributo ao mítico personaxe da serie Pratos Combinados que, precisamente, o grupo vén de tocar na mesmísima TVG pola súa gala de f¡Fin de Ano (se aínda non vistes a súa actuación, ide mirala que foi espectacular). E chegou entón a primeira colaboración da noite, nada menos que con Sonido de Teis, para interpretar un reggaeton, “ETEA”, coa que estes últimos versionaron “Si no le contesto” de Plan B cunha letra adaptada a Teis. Polo tanto, non podía faltar neste concerto dos Vacalouras, e o público respondeu extasiado a pesar dalgúns problemas técnicos ocorridos durante a canción.

Fotos de Leslie Méndez

Continuando agora coas panxoliñas, o grupo interpretou a súa propia versión de “Blanca Navidad”, para seguila con tres temas do Xuventude: “Hai que ir morrendo” e dous dos sinxelos de adianto, “Fedes a faiado” (con Pepe na voz principal, que ironiza con ese limbo no que estamos a xuventude prexubilada) e a románticaao seu xeito “Acacia negra”. Despois de tanto tema novo volvimos a 2014 coa (case) instrumental “O son da bañeira”, e despois pasamos a 2016 co tema homónimo do EP Capacho Rock. Este tema ten outro dos videoclips máis coñecidos do grupo, dirixido, como outros varios da banda, pola cineasta Anxos Fazáns (que non faltou ao concerto).

A derradeira canción de nadal da noite foi “Campás de Belén”, concretamente unha versión que o guitarrista Victor fixera anos atrás para presentala ao concurso Panxorock 2013, baixo o nome de Jesucristo de Toralla y Los Bienvenidos, acompañado doutros membros dos Vacalouras e Neverside. A efémera banda resultara gañadora do certame (os propios Vacalouras gañaran o ano anterior con “Os peixes do lagares), polo que, coa ocasión, merecía este tributo. Por outra parte, a última canción do álbum de 2011 en soar esta noite foi “Trillei a pirola coa tapa do vater”, unha das primeiras compostas polo grupo. Botáronse de menos outros temazos dese disco, especialmente “Festa rachada”, pero tendo en conta o extenso e diverso que foi o concerto, perdóase!

Chegou outra versión con “Vacacións en Coia” do EP Capacho Rock, coa que fixeron a súa interpretación do clásico punk “Holiday in Cambodia” de Dead Kennedys. Soou logo “A Iliadiña”, un sinxelo de 2019, para completar xa case totalmente o percorrido pola discografía. E faltaban aínda dúas grandes cancións de Xuventude, que saíron no seu momento como sinxelos acompañadas de videoclip: “Tírate da Ponte de Rande” e, como non, “O Samil é Portugal”, coa colaboración de Juan McKinnon dos Carunchos no bombo. Aínda sen contar con Quim Barreiros, o himno da praia viguesa e clara canción do verán 2021 desatou a euforia dos asistentes, que berraron a coro a letra xunto co grupo entre pogo e pogo.

Fotos de Leslie Méndez

Comezara soar outro dos primeiros temas do grupo, “As patacas mutantes”, e xa se achegaba o final do concerto, pero a ninguén se lle escapaba que aínda non soaran dúas cancións que eran infaltables nesa noite. E, evidentemente, chegaron a continuación: primeiro, “Desbrozadora”, un dos temas máis míticos do grupo dende sempre (agora só a do Samil pode facerlle sombra); e, despois, a primeira canción do grupo, “Viaje sideral”. Foi verdadeiramente nostálxico escoitar un tema gravado polo grupo caseiramente, videoclip incluído, tantos anos atrás, que segue a ser pegadiza e memorable. Un final perfecto para un concerto de aniversario, sen dúbida.

Despois de unha hora e 45 minutos de música practicamente ininterrumpida (nada menos que 24 cancións), e despois de ter escoitado tantos temazos, o público xa estaba máis que satisfeito. Foi un señor concerto onde non faltaron as congas, o wall of death, nin os condóns de cores infrados como globos voando por todas partes. Xa non podemos agardar a que cheguen material novo e máis aniversarios! Por outros quince anos máis dos Vacalouras (como mínimo).