Nocturno, de Xerión: “En Drou quixen recuperar o espírito das primeiras maquetas”

Por Patty Castro.

Falar de Xerión é falar dunha formación mítica xa en Galiza. Levan máis de 20 anos facendo unha mestura brutal de raíces galegas, ritos e lendas con metal extremo. Moitas de vós estaredes máis que ao tanto do que vos comento, mais para outras agardo que esta sexa unha boa oportunidade para coñecer máis a fondo a esta banda ourensá e a Nocturno, o seu creador. Xunto con Daga e O rei celta no exilio forma esta xuntanza de forzas que nos leva nunha viaxe a través da nosa historia, ás nosas orixes. Unha banda honesta e sinceira, escura e telúrica, que nos fai reconectar con quen somos como persoas e como comunidade. Se non sabes do que falo é que aínda non os escoitaches.

Aproveitamos que sacaron hai pouco o traballo Drou para falar un anaco co guitarrista, compositor e vocalista, entre outras cousas, de Xerión. Esta demo é, como indica o grupo, a terceira das tres Demos do Caos coas que conmemoran os seus máis de 20 anos de traxectoria, e foi gravada entre 2020 e 2022 (a segunda aínda permanece inédita). Noutra banda pode resultar chamativa a edición dunha demo tantos anos despois do comezo do grupo e despois de ter lanzado entre outros 6 álbumes de estudio completos. De feito, Xerión é unha das bandas máis prolíficas de Galiza se non a que máis, con máis de 50 lanzamentos ás súas costas. Porén, a de Ourense é unha banda que recolle o máis puro espírito do black metal, crú e fiel ás orixes, e o de demo é un dos formatos nos que teñen lanzado moitas das mellores cancións da súa carreira. Polo tanto, resulta máis que natural que a conmemoren deste xeito. Comezamos!

Xerión ao vivo. Foto de Lester Lestegas

Ola, moi boas, Nocurno! Moitas grazas por concederme esta entrevista para Rouco Son. Para refrescar a memoria dos lectores, coméntanos como foi o comezo deste proxecto e quen son os compoñentes actuais.

Moi boas, Patty! Vou tratar de facer un pequeno resumo de como comezou, sendo un proxecto persoal, alá polo abril ou maio do 2001. Despois, gravamos moreas de maquetas, e tivemos varias formacións para dar os concertos, con máis ou menos implicación dos compoñentes que foron pasando. Gravamos ata a data 6 discos, dimos concertos pola xeografía tanto galega como estatal, e tamén tocamos en países europeos e incluso en México. Actualmente na banda acompáñanme Daga nos teclados, que case está dende os mesmos principios, e como multiinstrumentista, O Rei Celta no Exilio, pois aínda que é membro intermitente sempre está aí na sombra. Resumilo pode resultar un pouco tedioso, pois son moitos anos.

Sen dúbida, son moitos anos desenvolvendo este proxecto. Que é o que pretendías ti cando comezaches con el?

Pois eu cando comecei neste proxecto viña de tocar coa miña primeira banda, e comecei en Xerión coa idea de tocar black metal, que soaba e bulía nesa época e que descubrira uns poucos anos antes, e para min era algo novidoso. E poder mesturalo coa música tradicional galega, que era outra das cousas que me gustaba e movían e facían por a pel de pita. E bueno, ouvindo álbums sobre todo do norte de Europa. que mesturaban esas novas influenzas de metal e o seu folkore e as súas influencias musicais e lendas propias e empregando a súa lingua mai, pois quixen eu intentalo a ver que saía. Así que ó principio tomeino como algo persoal, pois quería ter eu o control, para poder experimentar con outros instrumentos aparte da guitarra e para poder aprender a gravar por min mesmo con poucos medios- E bueno, ata hoxe.

E creo que moi ben conseguido, pois convertícheste e convertístesvos, co paso do tempo, nun referente dentro do black/folk metal galaico.

Bueno, pois non che sei, o que creo e que máis sabe o demo por vello que por demo. E neste caso máis foi a base de ser cabezón e ter fe no que fas, coas súas cousas, mellores e peores. O de ser referente non sei se o son, ou se merece a pena selo. Mais, namentras me siga conmovendo e sentindo o que fago, aí seguirei. E se teño a sorte de poder contar con tan boa xente que teño a miña beira, acompañándome e deixándome acompañar, e guiándome e deixándome guiar, pois mellor que mellor.

Portada de Drou

Seguro, e auguro que así será. Gostaríame que nos contes de que tratan as letras de Xerión e cal é a mensaxe que queres transmitir con elas.

Como dixen nun principio, esa mestura de metal negro e música folk, a idea de todo o que teña que ver con Galiza, tanto no seu aspecto mitolóxico como histórico, as lenda,s e tirando polo concepto do rural. Pois, aínda que para min o meu día a día foi na vila grande de Ourense, meus pais era do rural e eu quixen conservar esas historias que aínda tiven sorte de escoitar. No inverno, o arredor dunha lareira con lume, con frío, aínda tiven sorte de poder escoitar historias de lobos ou da santa compaña de man de meus avós. E a verdade é que quería manter esas historias e levalas cara o terreo musical. A noite, ese contos de medo, o escuro, o oculto… Ó final desemboca na morte. Digamos que Galiza é o pretexto para falar da morte, ou a morte é o pretexto para falar de Galiza. É algo que me facina e aterra, sobretodo dende que temos unha filla, pois é algo que se me fai mais tanxible, mais real. Non sei ben como explicalo, mais é un xeito de podelo afrontar e ás veces rir diso mesmo. Tocando música e facendo o mellor que eu creo se me da, que é coller unha guitarra e cantalo ou tocalo.

Pois si, un bo xeito, sen dúbida. Tamén quero preguntarche pola actualidade, e que me fales de Drou, o voso último traballo. Que nos contas del?

Drou é unha pequena maqueta que está englobada no que chamamos “as demos do caos”. É un conxunto de maquetas, tres demos nas que xogamos co significado da palabra demo e o seu significado de diaño, e fixéronse para conmemorar os vinte anos de existencia de Xerión, que fixemos no 2021. Quixen recuperar as maquetas que fixera a partir do 2001, O Espírito da Fraga, O Trono de Breogán e O Harpa do Guerreiro. Era un pouco, vinte anos despois, volver afrontar gravar tres demos na casa, aínda que ultimamente estamos a gravar todo así. Pero voltar recuperar a caixa de ritmos ou, no caso de utilizar batería, pois que fóra gravada nun local de ensaio con moi poucos medios. Recuperar un pouco ese espíritu de “faino na casa” cos teus medios como poidas, e intenta soar o mellor que poidas co que tes. Esta é a terceira das demos, falta unha segunda, pois as cousas non sempre saen como un quere, pois non só hai que contar coa vida dun, senón tamén coa vida das demais. E unha das cousas que eu quería e quixen conseguir foi convidar a xente achegada por un motivo ou outro a Xerión, e convidalos formar parte. Nesta terceira, ademais do resto da banda, toca un amigo o baixo maxistralmente, o Grob, que gravou no estúdio de Zlorog em Belgrado, Serbia. Quince minutos de música ruidosa pero ambiental, coa idea de recuperar un pouco ese espíritu da efervescencia que tiña hai vinte anos, mais novo.

Pois si, tal vez conseguistes facer con Drou unha viaxe coa que voltar reconectar quen o escoite cos comezos de Xerión.

Pois si, sempre tiven claro que os Xerión sempre foron unha volta a un mesmo, de feito utilizo bastante a metáfora da espiral, para ir evoluíndo ou involucionando, non estou moi seguro. Ás veces penso sobre o de evolucionar e se é realmente tan positivo, pois as veces fai falla botar o freo e poñer marcha atrás, refacer o camino. Ás veces gústame a idea de voltar pisar sendeiros que pisei antes, cambiando un poquiño as pegadas, nese eterno retorno ó que foi a miña mai, ó que foi o meu pasado, e cando non teño moi claro por onde seguir, onde polo menos síntome nun lugar seguro.

E, sobre os directos, teremos este 2023 a Xerión nos escenarios?

A nosa vida cambiou un pouquiño ó ter unha filla, mais antes da pandemia puidemos tocar e temos moitas ganas de voltar facelo. Damos grazas a tódala xente que nos contactou e tivo a paciencia de esperar e facer posibles os directos, mais as cousas xa non son tan sinxelas como antes. Pero prometemos que teremos cousiñas ben interesantes.

Pois moitas grazas por esta entrevista para Rouco Son. Seguimos moi de perto as vosas novas!

Moitas grazas a ti, Patty, e a Rouco Son, pola labor que realizades. Apertas e que siga a tolemia!